Libros

Libros recomendados da semana

Libros recomendados desta semana en Faro da Cultura.

Libros recomendados desta semana en Faro da Cultura.

VV.AA.

Un libro de imposturas

Do amor ao interese

Fabio Rivas

“É como saber de antemán o final dunha película. Vivir sen a emoción punxente do porvir, porque todo pode ser controlado. Tamén se pode dicir que o vivido sen argumento alimenta aínda máis a sensación de baleiro.”

Se botamos un ollo en vertical polos datos bibliográficos de Mariña Pérez Rei (Ames, 1966), axiña podemos deducir que a autora xa ten feito un camiño propio a través da literatura galega actual. Logo de varios recoñecementos que motivaron a publicación de boa parte da súa narrativa, neste 2024 saíu do prelo Finximentos, o libro co que se lle concedeu, hai agora cousa dun ano, o XXV Premio Ánxel Fole de Narración Curta do Concello de Lugo. Un dos aspectos que, moi acertadamente, o xurado do certame salientou para argumentar o ditame foi a súa orixinalidade. E digo que é acertado xa que desde calquera óptica resulta unha obra novidosa e fresca.

Finximentos é, de seu, unha mentira (por paradoxo, o único sincero do libro parece ser o título), unha amálgama de imposturas e xogos de enganos literarios, pois a priori chega a nós coa denominación de novela, cando en realidade atravesa este concepto e vai máis alá. Divídese dun xeito máis propio das obras dramáticas (actos con cadansúas escenas) e mesmo inclúe anotacións e consellos que interpelan directamente ao lectorado. En cambio, a pesar disto está escrita ser perder a linguaxe poética que manifesta a xénese literaria de Pérez Rei. As escenas que forman o libro son moi breves, axilizando a lectura e concedéndolle un efecto tensión-distensión inmediato, e prescíndese con frecuencia do estilo directo para deixar un maior oco as descricións, que nas máis das veces aparecen como elementos metafóricos, imprescindible na transmisión de sentimentos.

A mellor forma de describir a relación entre Nené e Heinrich, os dous personaxes principais de Finximentos, é a partir dunha das imaxes que se repiten decote no libro: as ondas do mar lambendo unha praia que se deixa facer. Non é necesario ler moito para te decatares de que Heinrich é este mar e Nené é quen non ten máis remedio que aceptar o achegamento. De Heinrich temos algúns retallos de información sobre o seu pasado, pero sobre Nené estes datos son case inexistentes. O descoñecemento sobre a identidade de Nené non é máis ca outro xogo dirixido a nós como lectores, pois é ben sinxelo elaborar unha listaxe dos posibles motivos que a levaron a ser, tamén, unha finxidora.

Correos electrónicos en branco como resposta a uns outros de lembranza, ocasos e amenceres dun amor que non é tal, agarimos impostos e paixóns frías, risos forzados que agochan as bágoas máis verdadeiras. Dúas persoas, dúas vidas vencelladas polo embuste.

Imagen

Finximentos

Autor: Mariña Pérez Rei

Editorial: Xerais

PVP.: 17,05 €

A forza do equilibro

Sensorial e íntimo

Héitor Mera

Advertencias...é o novo Premio de Poesía Filomena Dato. Publicado por Apiario, vén ser unha bocalada de aire fresco dentro das novidades que se van lanzando nos últimos tempos. E non dicimos tal porque este poemario sexa o máis innovador do mundo, nin o máis sorprendente pola súa forza lírica, mais si que se trata dun texto equilibrado en todas as súas vertentes.

En primeiro lugar, parécenos atinada a súa estrutura de poema introdutorio en dúas partes. Sendo como é un poemario no que se expón unha traxectoria vital para a cal hai unha simboloxía relacionada co frío (o pasado a memoria...) e mais o avance que se vai desenvolvendo a partir de retallos vitais aparentemente inconexos, a forza evocadora de cada un deses momentos fai que se goce dende a parte ao todo. Unha suma de circunstancias singulares que conforman toda unha constelación que levan o eu lírico á reflexión e recreación na memoria.

En segundo lugar, dende o punto de vista formal obsérvase (benzóns) un interese por desenvolver unha poesía construída dende posicionamentos básicos do propio xénero como poden ser a musicalidade ou a atención ao ritmo interno dos versos, que axuda infinitamente a que os contidos flúan con maior soltura e plasticidade, para darlle a sensación ao lector de que, en efecto, está ante un poemario.

Ambos aspectos son a chave para o equilibrio que comentabamos máis arriba. Porque alguén pode ser mellor ou peor poeta, ser capaz de crear imaxes, símbolos, metáforas máis ou menos sorprendentes ou brillantes, mais non debe perder a vista de que todo iso, sen a armazón correspondente, perde calidade e convértese nun xogo que, por inercia, afecta unha chea de creadores e creadoras que pensan que enfrontarse ao desafío poético é cousa sinxela. Vostedes imaxinan que un poemario tivese que ser adaptado para ser musicado....? Se isto acontecese, en moi mal lugar quedaría esa obra. Afortunadamente, hai poetas como Natalia Alonso que seguen os preceptos desexables, polo que a súa poesía vese beneficiada.

En conclusión, poemario sensorial e íntimo nas reflexións cotiáns que nos van conformando como persoas. Advertencias... fai que te sintas identificado -salvando as distancias das vivencias de cadaquén- e que anime a recuncar nel pois é poesía que se fai valer na súa propia esencia.

Imagen

Advertencias para un traxecto boreal

Autor: Natalia Alonso Ramos

Editorial: Apiario

PVP.: 16 €

A corza no poema

Coma nun 'free' jazz

Oriana Méndez

Enxertos, novo libro da poeta Dores Tembrás, entretece a memoria e o presente mediante un meticuloso coidado da linguaxe que arrisca, gaña en sutileza e pon en valor a sensibilidade de quen le. Trátase dunha intelixencia poética de altura que as lectoras e os lectores do xénero agradecemos. Imaxes inesperadas e cambios de perspectiva atravésanse coma nun free jazz ao que lle distinguimos os inicios e rapidamente nos arrouba para nos levar a onde non pensabamos ir.

O libro en si mesmo é o primeiro elemento salientable, o seu carácter de obxecto, case, grazas ao traballo dunha edición altamente coidada por Apiario, a casa que Tembrás e a tamén poeta Antía Otero dirixen con habelencia. A imaxe que se desprega ocupando a cuberta e a contra, un pano de seda propiedade de Cándida García, dinnos os títulos interiores, abre ante o lector un universo vexetal lene e ensoñado, grato á vista. Porén, Enxertos é a palabra que se inscribe: unha operación non exenta de violencia que consiste en introduce unha parte dunha planta ou árbore na póla doutra. Camiñamos, pois, entre as ramas dunha xenealoxía e facémolo dende o recoñecemento da liñaxe, non dende a idealización. No transcurso do poemario, con algúns textos que van agarimosamente acompañados polas ilustracións de José Tembrás, non se agocha o extrañamento -”sabedes que criastes/unha corza/fóra de óleo?”- e triunfa a procura da beleza no inusitado. Só ao final se define o libro: “en sinal de respecto/esta procesión/de palabras”.

Secasí , Enxertos devén máis ca un simple poemario de homenaxe; en realidade, trátase dun verdadeiro acontecemento. A subxectividade da poeta desvélase, daquela, con acerto para amosarnos o seu mundo: “papá fai un nó/con sulfato de prata”.

Imagen

Enxertos

Autor: Dores Tembrás

Editorial: Apiario

PVP.: 17,10 €

Con versos de cores

Velaí a maxia, velaí o feitizo

María Navarro

Para escoitar os ecos do vento abonda con estar ben atentos a que as ondas sonoras se reflictan perpendicularmente no maxín e deixen que o espazo devolva o rumor en forma de lembranza, idea ou reflexión e así o fai Antonio García Teijeiro no poemario que vén de publicar Kalandraka Editora no que homenaxea unha ducia de mulleres con versos de cores, musicais, amables, limpos, cristalinos e que comparte co lectorado para que a beleza emocione a quen os reciba da mesma forma que o teñen feito, noutrora e na actualidade, estas escritoras poetas.

Dende Juana Ubarbourou ata Gloria Fuertes pasando por Gabriela Mistral, María Elena Walsh, Beatriz Giménez de Ory ou Rosalía de Castro entre outras, vemos que o poeta vai recollendo singularidades de cada unha delas e plasma ‘as liñas do incerto’, ‘a lúa tendida’, ‘as verbas de espello’, ‘as augas que están cantando’, ‘ledos solpores de mil cores’ e o desexo de que lle conte ‘o conto de bicos de prata’ porque de todas elas, das de aquí e das do outro lado do océano, aprehendeu a vida das verbas que supuxeron música e luz.

Os sentimentos, as emocións, os desexos teñen na poesía un espazo marabilloso no que brillar con luz propia, capaz de reverberar ánimo e ilusión, alegría e sinxeleza, capaz de provocar reflexión e amplificar o son unha vez que a fonte orixinal deixou de emitilo. Velaí a maxia, velaí o feitizo.

Pola súa parte, Noemí Villamuza acompaña os versos interpretando cun trazo do máis suxerente sempre unha imaxe de muller que ora salta leda, ora patina na lúa, ora borda estrelas e ora se converte en paxaro e camiña polo vento nunha máxica representación da sensibilidade do poeta, o que permite unha lectura dobremente amable de Os ecos do vento.

Imagen

Os ecos do vento

Autor: Antonio García Teijeiro, Noemí Villamuza (ils.)

Editorial: Kalandraka

PVP.: 15,20 €

Suscríbete para seguir leyendo