Entrevista | Elena Gallego Abad Escritora e xornalista

“Nunca imaxinei que tería que chorar tanto para escribir esta novela”

A escritora marinense Elena Gallego Abad.

A escritora marinense Elena Gallego Abad. / Gustavo Santos

En O legado da nena do sal (Xerais), Elena Gallego Abad rende homenaxe non só á súa nai, na que alicerza esta historia, senón tamén a todas as mulleres ás que lles tocou loitaren pola supervivencia naquel gran drama acontecido nos tempos duros dunha España que viña de abrollar apenas logo da desfeita dunha guerra civil.

–Tendo en conta a súa traxectoria, sorprende que esta novela saíse publicada antes en castelán que en galego. A que se debeu?

–O momento da publicación dun libro non o marcamos os autores. As empresas editoras teñen os seus calendarios, e non resulta doado que se axusten aos nosos desexos. Como escritora en lingua galega que son, encantaríame que os personaxes de O legado da nena do sal saísen á rúa falando en galego dende o primeiro minuto. Mentres traballaba nos últimos capítulos da novela, tiven a sorte de que a axencia literaria Rolling Words se interesase pola obra. A publicación en castelán de El legado de la niña de la sal na editorial La Esfera de los Libros foi froito do traballo da miña axente Lourdes Díaz, que creu que a historia de Carmiña podía conquistar lectores en toda España, como así foi. Agora chegou o momento de que os meus personaxes saian á rúa na súa versión orixinal, da man de Edicións Xerais.

–Escribir sobre unha nai non debe de ser nada doado. Como conseguíu, e como superou o que, supoño, sería para Vde. un pudor inicial?

–Este é un deses casos nos que a realidade supera a ficción. Como lle acontece a Inés, a protagonista da novela, eu tiña que cumprir unha promesa (a máis difícil da miña vida). Levoume meses abrir a caixa na que gardaba os cadernos da miña nai e atreverme a ler o que ela escribira. O proceso de escritura foi moi difícil. Nunca imaxinei que puidese chorar tanto.

–Cantas veces imaxinou o que diría a súa nai se lese a novela?

–Quero pensar que ela estaría moi orgullosa de que a súa filla fixera un traballo tan arduo para escribir a súa historia, e este legado tan bonito consiga ver a luz da man de Xerais.

–E por parte da familia, cal foi a reacción?

–Este libro non sería posible sen a complicidade dos meus irmáns, que dun xeito ou doutro colaboraron no proceso de escritura. Cando leron a novela, para eles foi unha sorpresa descubrir episodios da dura infancia de Carmiña, que lles eran descoñecidos. Coido que agora valoramos moito máis quen era a nosa nai, e o moito que loitou na vida. Tamén por nós.

Imagen

O legado da nena do sal

Autor: Elena Gallego Abad

Editorial: Xerais

PVP.: 21,95 €

Nº de páginas: 624

–Supoño que lendo os cadernos persoais da súa nai, descubriría moitas cosas que non sabía dela. Cales foron as que máis a sorprenderon?

–Sorprendeume a dureza da súa infancia, as súas ganas de estudar e superar a adversidade, a súa afouteza para loitar contra as inxustizas... Carmiña é unha nena da posguerra que, despois de quedar orfa, é recollida por unha familia que a escraviza e maltrata como non podíamos nin imaxinar os seus fillos. O que máis nos sorprendeu foi a solución que atopou para fuxir do inferno. E ata aquí podo falar.

–Ademais de utilizar os cadernos como base da novela, nesta obra hai outras fontes de investigación. Incluso estivo en Viveiro. Quixera que falase de todo ese proceso de investigación.

–O proceso de escritura de O legado da nena do sal supuxo case oito anos de traballo. Na novela relátase unha visita a Viveiro pero en realidade fixeron falla varias viaxes, ao longo de meses, para visitar os distintos arquivos e falar coas testemuñas que ían aparecendo ao tirar do fío. En canto entendín a dimensión do legado da miña nai, púxenme en contacto con historiadores e investigadores de colectivos de memoria histórica, nos que atopei unha grande axuda. Ademais de Viveiro, fíxose necesario visitar arquivos civís, eclesiásticos e militares en A Coruña, Santiago, Ferrol, Mondoñedo, Lugo... Utilicei os cadernos da miña nai, pero tamén testemuñas de vivos e mortos, que atopei na prensa da época.. E incluso me despracei a Málaga, para coñecer en persoa outra nena protagonista da novela, a miña querida María José. O seu testemuño foi indispensable para que este legado se convertese en realidade.

"Quixera que este libro abrise unha porta para que os lectores e lectoras conversen coas súas nais e avoas"

–Ademais da súa novela máis longa, pódese dicir que O legado da nena do sal é tamén, até o de agora, a súa obra máis madura e aínda a máis ambiciosa?

–Esta novela histórica representa un salto cualitativo, non só polo gran traballo de documentación que ten detrás ou o número de páxinas finais. Esta é a obra máis dura de escribir da miña carreira como escritora, polo desgaste emocional que puxen en cada liña de texto. O meu obxectivo era resucitar, como personaxe, todas as pequenas Carmiñas que, como miña nai, viviron unha dura posguerra da que non se falou durante décadas. A miña ambición, con este legado, é abrir unha porta para que os lectores e lectoras da novela cheguen á casa e se poñan a conversar daqueles tempos coas súas nais e avoas, tiren do fío e recuperen a memoria do que nunca se falou nas súas familias.

–Por último, non podo evitar preguntarte por Dragal. Onde anda o “dragón galego”? Ten pensado retomar este personaxe?

–Como poden imaxinar todos os meus lectores, o proceso de escribir O legado da nena do sal afastoume por completo do universo dragaliano. Despois de protagonizar cinco libros, “Dragal”, o dragón galego desfruta dun cómodo período de hibernación, agardando que lle chegue o tempo de volver voar... algún día.

Suscríbete para seguir leyendo