Arte: exposicións

De deuses e heroes

O barroco veneciano na Fundación Barrié

Detalle de "Bacanal", obra de Niccolò Frangipiane.

Detalle de "Bacanal", obra de Niccolò Frangipiane.

Co título de Deuses e heroes do Barroco veneciano. De Tintoretto a Luca Giordano e Sebastiano Ricci, a Fundación Barrié trae a Galicia unha exposición de pintura pertencente aos fondos da Fondazione Querini Stampalia de Venecia. A mostra inclúe 52 obras (34 pinturas e 18 libros, todos datados entre os séculos XVI e XVIII). O conxunto dos traballos, que pertencen á fundación veneciana, poderán contemplarse na sede coruñesa da Fundación Barrié até o 14 de xullo.

A Fondazione Querini Stampalia é unha institución que ten a súa sede na cidade de Venecia, no pazo da familia que lle dá nome, construído no século XVI. A institución foi creada en 1868 por vontade do derradeiro descendente, Giovanni, que non tiña herdeiros directos. As estancias pacegas acollen a biblioteca, o museo e unha zona de exposicións temporais. O museo conserva moi valiosas coleccións artísticas acumuladas pola familia ao longo dos séculos. Entre as obras que posúen hai pinturas de Giovanni Bellini, Vittore Carpaccio, Palma o Vello, Luca Giordano, Sebastiano Ricci, Giambattista Tiepolo e Pietro Longhi, alén dun bosquexo de Antonio Canova e de lenzos de Jacopo Tintoretto, Canaletto e Tiepolo propiedade do Banco Intesa Sanpaolo, depositados na fundación veneciana.

Bacanal, obra de Niccolò Frangipiane.  Á dereita: A alba,  de Sebastiano Ricci. Abaixo: O concilio  dos deuses,  de Tintoretto.

"O concilio dos deuses", de Tintoretto. / FdV

Para a exposición que agora se pode contemplar na Coruña, realizouse un proxecto que parte de obras que poñen o foco en temas mitolóxicos a partir de fondos fundamentalmente barrocos. Encádrase a mostra nun período que na arte veneciana é menos coñecido que o renacentista ou que do século XVIII, debido a que a pintura barroca veneciana, durante o século XVII, aínda que ten desenvolvementos importantes, fica escurecida polo escintilar da pintura da centuria anterior -presente na mostra coruñesa cun Tintoretto-.

Continuidade da tradición

A pintura barroca veneciana vai estar, por tanto, marcada pola continuidade da tradición e protagonizada, en xeral, por uns artistas pouco interesados no coñecemento dos ambientes e escolas máis activas que se desenvolven en Italia a finais do Cinquecento e inicios do Seicento. Con todo, non é un contexto impermiábel, de feito é unha arte en que se percibe a influencia de grandes mestres como Rubens en pintores como Domenico Fetti, Strozzi ou de Luca Giordano e chega, xa a inicios do XVIII a artistas como Sebastiano Ricci. Froito desta situación, non será ate comezos do Settecento cando Venecia recupere de novo protagonismo e hexemonía no contexto artístico europeo.

"A alba", de Sebastiano Ricci.

"A alba", de Sebastiano Ricci. / FdV

TÍTULO

Deuses e heroes do barroco veneciano. De Tintoretto a Luca Giordano e Sebastiano Ricci

ORGANIZA

Fondazione Querini Stampalia e Fundación Barrié

COMISARIADO

Angela Munari e Babet Trevisan

LUGAR

Fundación Barrié (Cantón Grande, 9), A Coruña

DATAS

Até o 14 de xullo

En xeral, o XVII veneciano é imitativo, tendo neste sentido un peso ben relevante a sombra dos grandes mestres do XVI: Tiziano, Tintoretto, Veronesse, o que leva a unha produción artística sen grandes doses de orixinalidade creativa. Nestes anos Venecia semellaba estar encerrada na extraordinaria herdanza que deixaran as senlleiras figuras do século anterior. Con todo, como a exposición da Fundación Barrié evidencia, estamos perante grande pintura, que se insire nunha das máis senlleiras tradicións da plástica europea desde finais da Idade Media como é a veneciana, unha das escolas fulcrais no desenvolvemento da pintura europea de todos os tempos. Deuses e heroes do Barroco veneciano. De Tintoretto a Luca Giordano e Sebastiano Ricci ofrece, xa que logo, unha ocasión, non moi frecuente no noso país, de contemplar pintura histórica de calidade dunha das grandes escolas da pintura universal.

Artistas da mostra

Durante súa lenta fase de declive, acontecido entre os séculos XVII e XVIII, Venecia procurou refuxio nas fábulas mitolóxicas como vehículo de consolidación dunha imaxe de luxo e prosperidade á medida das clases dominantes.

Ao servizo deste relato desabrocha un mundo de pintores variado como Jacopo Robusti, Tintoretto; Alessandro Varotari, coñecido como Padovanino; Francesco Ruschi; Pietro Liberi; Francesco Maffei; Federico Cervelli; o napolitano Luca Giordano e Sebastiano Ricci, un pintor cuxa arte se desenvolveu en case todas as partes de Europa.

Tamén contribúen a enxalzar a fama da República de Venecia historiadores, eruditos, poetas, ilustradores e gravadores. Máis que ningún outro, o abade Vincenzo Coronelli, cosmógrafo oficial da República. A través da súa abondosísima produción de calcografías, dedícase a apoiar e promover a lenda dunha cidade única no mundo, tan extraordinaria como a súa aristocracia.

Nesta exposición, deuses, heroes e mitos reviven nas representacións dos artistas presentes. A posibilidade de ver todas estas obras xuntas permite captar a unidade esencial da cultura veneciana, un dos puntos cardinais de toda a historia da arte e da cultura.

Suscríbete para seguir leyendo