Ciencias Sociais

Cheiros e aromas do Medievo

Contra os vellos tópicos

Perspectiva duns baños árabes na cidade de Córdoba.

Perspectiva duns baños árabes na cidade de Córdoba. / FdV

Se quixéramos facer un exercicio sensorial do que foi a Idade Media, poderíamos recrear a vista (escultura, pinturas murais), o ouvido (música), tacto (obxectos) e gusto (velaí receitarios como o de Rupert de Nola). Estes sentidos teñen unha base tanxible pero o olfacto? A que ulían as cidades, os castelos ou os mosteiros? Se atendemos o criterio do historiador Javier Traité e da estudosa da indumentaria Consuelo Sanz de Bremond, autores de El olor de la Edad Media (Ático de los Libros), se houbo un olor presente ao longo de terras e anos, era o do fume: a combustión de madeira estaba presente en lares e oficios. E, en paralelo, a do esterco que, lonxe de constituír un lixo, era material moi prezado para a agricultura (incluso era roubado).

Este traballo -documentado e enciclopédico- inscríbese no corrente da historia das mentalidades que encetou Georges Duby. Con el, pretenden rachar co tópico de que as xentes da Idade Media vivían en medio de sucidade. Unha visión establecida por aqueles que definiron a súa época como moderna e que por idealizaren o clasicismo greco-romano, adxectivaron os séculos que quedaban entre as dúas como Media. Esta quedaba, fronte á suposta limpeza da época romana, como un tempo escuro e sucio. Un tópico que entre nós quedou fixado especialmente polo cine con películas como Robin dos Bosques (1938), O Cid (1961), Beckett (1964) ou O nome da rosa (1986). Ou na crenza que a frase “auga vai” avisaba os transeúntes que desde unha fiestra ían botar ouriños.

Imagen

El olor de la Edad Media

Autor: Javier Traité e Consuelo Sanz de Bremond

Editorial: Ático de los Libros

PVP.: 30,90 €

Nº de páginas: 1.096

Os autores estruturan o seu estudo en diversos apartados a partir de dúas ideas que sempre foron xuntas: hixiene e saúde. O exercicio da primeira tiña como obxectivo a segunda e asemade evitar os cheiros corporais, inseparables do traballo e da propia condición humana, especialmente os excrementos. Por iso, os baños públicos (ou privados colectivos) aseguraban un aseo regular en profundidade, complementario do aseo individual diario. De igual maneira, a presenza de latrinas no ámbito doméstico e en comunidades, como os mosteiros, en batería delas para uso individual.

No caso dos baños urbanos –herdeiros ás veces dos romanos- o seu uso estaba regulamentado polas autoridades municipais, tanto no que fai ao servizo a prestar como do seu goberno como negocio. Por iso, e xa desde o Imperio Romano con Vitruvio, a medicina, a arquitectura e mais a enxeñería prestaron atención ás instalacións hidráulicas, tanto de traída de augas limpas como de eliminación das sucias. De igual xeito, a retirada dos diversos restos orgánicos da vía pública (esterco, restos de carnicerías) para que o aire das cidades resultase respirable.

Non era casual que a organización monacal, xa desde Bieito de Nursia, establecese que os mosteiros tiñan que dispoñer de acceso á auga e que en cadanseu goberno a hixiene estivese presente malia a tendencia eremítica da alousia (non aseo) como sacrificio. Unhas normas pensadas para monxes e que ata as ordenanzas establecidas por Clara de Asís no século XIII non tiveron en conta as particularidades da hixiene feminina, moi especialmente no relativo ás consecuencias da menstruación.

Neste senso, os autores lembran nun amplo apartado esta circunstancia que afecta á metade das persoas en boa parte da súa vida. Pero así como as mulleres do común podían aforrar unha parte dos períodos por embarazos e lactación, as monxas tíñano decote pola observancia da castidade. Un aspecto da hixiene que nas diferentes relixións (cristianismo, xudaísmo e islamismo) tiña consideracións diferentes tanto no plano práctico como ritual. E de aí a diferenza entre o uso dos baños por parte de cristiáns, xudeus (e os seus mikva’ot) e musulmáns (co uso dos hammam).

Unha hixiene que non se podía afastar do uso da vestimenta, moi especialmente das camisas como prenda interior, común a ricos e pobres, e das roupas de uso doméstico (sabas), que nas cidades pasaron a ser lavadas en moitas ocasións por profesionais, nomeadamente mulleres.

Fontes termais en Caldas de Reis.

Fontes termais en Caldas de Reis. / FdV

Caldas, burgas e camisas

Se o comparamos con outras máis ou menos veciñas, Galicia -in extenso- foi terra que agradou aos romanos polas súas riquezas e tamén polas súas augas. Non só as ourensás das Burgas e de Molgas, as de Caldas de Reis ou as do Limia (Bande e -agora tras a raia seca- Chaves), que teñen calor de seu. Tamén foron importantes -porque a cidade era importante- as de Lugo. Non obstante, na Idade Media non temos probas de máis lugares importantes con auga para usos hixiénicos.

É certo que Compostela tivo provisión de auga en diversas fontes xa desde os tempos do bispo Cresconio e, evidentemente, habería unha atención especial coa construción do Hospital Real canda a catedral. Pero non temos referencias de baños, sendo Lavacolla (do neutro plural latino de “collium”, segundo algús) o único lugar para a hixiene dos peregrinos que chegaban á cidade.

De calquera xeito, os hábitos hixiénicos na Galicia medieval non serían moi distintos dos doutras zonas. E diso serían reflexo a cantiga de amigo popularizante de Don Dinís que fala do lavado da camisa por parte das mozas. Camisa -e delgada- que eran o roupa interior común a homes e mulleres cun uso de quita e pon. Ir lavala ás veces supuña tirala do corpo ou bañarse con ela e por iso a connotación amorosa se os mozos acudían.

Suscríbete para seguir leyendo