Viaxe ás aldeas de alén Miño

Vale de Papas, Bustelo e Gralheira, Cinfães

O río Bestança.

O río Bestança. / Arquivo

Situado nunha área de paisaxes tan inmensas como fermosas, o concello de Cinfães, no distrito luso de Viseu, preserva lugares que mostran os traballos e mais os días de outrora. É o caso das aldeas típicas de Vale de Papas, Bustelo e Gralheira, en plena serra de Montemuro. As súas características únicas como o seu conxunto de casas en granito amarelo, capelas, canastros ou as eiras comunitarias convértenas en auténticos museos ao aire libre. Existe un roteiro, o PR7 CNF Caminho do Colmo que permite apreciar estes lugares que conservan a marca doutros tempos, ademais das súas panorámicas de verde e pedra. Este pequeno traxecto pedestre de 15,5 quilómetros ten inicio e fin en Bustelo. Á parte dos caseríos, o itinerario ten parada na Ponte da Panchorra, que integra a Rota do Românico.

Bustelo, tamén chamada Bustelo da Lage, é un lugar comunitario onde aínda hoxe se realizan diversas iniciativas relacionadas coa actividade agrícola. Debe o seu nome completo –da Lage– á existencia dunha curiosa eira formada por unha única laxe de granito de grandes dimensións na que os habitantes comparten tarefas como a esfollada do millo e o secado dos cereais. Nesta aldea aínda é posible visitar varias sepulturas medievais a través dun conxunto de calzadas empedradas de época romana. Os camiños, os antigos muíños hidráulicos, alpendres, cortes e hórreos de séculos retratan esta aldea como un dos mellores expoñentes da cultura popular da serra. En Bustelo residen unhas 150 persoas fixas, ás que se suman os centos de turistas que recibe todos os meses. Hai algo máis dun ano, a Câmara Municipal inaugurou na antiga escola recuperada un centro con actividades pensadas para preservaren a súa identidade.

Bustelo.

Bustelo. / Arquivo

Case nos límites municipais, a uns 1.100 metros de altitude, sitúase a aldea de Gralheira, coñecida como “a Princesa da Serra.” Rodeada de pastos onde pace tranquilamente o gando, conserva tamén casas antigas de granito e teitume de colmo. É un dos lugares máis dinámicos da serra e que máis xente atrae polos seus servizos de restaurantes e aloxamento. Do mesmo xeito que en Bustelo, a antiga escola unitaria foi recuperada como punto central de partida para os deportes de natureza e aventura, aberto a todo o que queira dispoñer das súas instalacións. A partir deste centro é posible descubrir outros roteiros circulares para explorar toda a serra de Montemuro e os vales de Bestança, Ardena e Cabrum. No centro da poboación levántase un pequeno templo, todo en granito, ampliado en 1950, cando se reformou o campanario que tiña, visible desde calquera punto. A igrexa ten como patroa a Nossa Senhora da Graça, realizada artisticamente en escultura de madeira cuxa datación se remonta ao século XVII. No interior existen outras interesantes tallas de santos.

Vale de Papas.

Vale de Papas. / Arquivo

A máis de mil metros de altitude visitar o núcleo de Vale de Papas é unha inmersión na tradición rural. De pasado agrícola e gandeiro, conserva as vellas casas de planta rectangular e unha única estancia onde se abre a lareira, o forno e o espazo que facía as veces de cuarto, ademais das cortes para o gando e zona de apeiros. O conxunto de casas e as empinadas subidas de pedra dan un aire especial a Vale de Papas. Ao seu encanto rural suma outros puntos de interese como a “pedra malga”, un bloque granítico de grandes dimensións, a calzada romana ou a propia ermida que honra en xullo a Nossa Senhora da Agonia.

Continuando o Caminho do Colmo chégase ata a Ponte da Panchorra, fermoso exemplo de viaduto tradicional de dous arcos que cruza o río Cabrum. Aproveita os propios afloramentos rochosos das beiras para apoiar os seus piares, sobre os que descansa o taboleiro horizontal de pedra. O resultado é unha magnífica ponte de séculos inalterable ao tempo.

Museu Quinta da Granja.

Museu Quinta da Granja. / Arquivo

Cultura ancestral

Para todos os que buscan natureza e cultura ancestral, Cinfães é lugar ineludible no Norte de Portugal. Nas súas aldeas quedan as casas típicas, calzadas medievais, tradicións e templos que son auténticas odas ao románico. A Serra de Montemuro e o Vale do Bestança ofrecen os seus magníficos horizontes e como gardiáns deste magnífico legado patrimonial abren as súas portas o Museu Etnográfico Quinta da Granja, en Nespereira, e o Centro Interpretativo da Gralheira “Casa do Ribeirinho”. Neles hai centos de obxectos, vestiario, mobles, apeiros agrícolas e ferramentas de oficios que van ao encontro de quen queira saber máis de usos e costumes, da etnografía, do folclore ou mesmo da gastronomía de outrora.

Xa na vila, un paseo polas pintorescas rúas e escalinatas de Cinfães revelan un conxunto arquitectónico que percorre varias épocas, buscando conxugar en harmonía o antigo e o moderno. No corazón do centro histórico levántase a impoñente igrexa barroca de São João Baptista, integrada nun coidado xardín. Neste espazo destaca o busto de Serpa Pinto, o explorador africano oriúndo de Cinfães que dá nome ao parque e ao museo próximo. O ilustre fillo da terra, o xeneral Alexandre Serpa Pinto, regresou para documentar as súas expedicións por África Central e dar a coñecer os seus descubrimentos na segunda metade do século XIX.

Suscríbete para seguir leyendo