Libros

Libros recomendados da semana

Libros recomendados da semana en Faro da Cultura.

Libros recomendados da semana en Faro da Cultura. / FdV

VV.AA.

A illa das subvidas

Os Azores agochan a verdade

Pilar Ponte

 “Novela plena e orixinal, un mosaico literario perfectamente ensamblado, construído a través da intriga, o humor e unha pasarela de personaxes camuflados entre as paisaxes das illas Azores”. Así define o xurado do Premio Narrativa Breve Repsol 2023 a novela gañadora, asinada polo vigués Fran Fernández Davila, que vén acrecentar un currículo con máis de trinta producións premiadas tanto en poesía coma en prosa.

Daniel, un home que é obrigado polo sogro a embarcar para traballar na flota de Terranova e afastarse da súa muller, vítima de malos tratos, aparece medio morto nun bote salvavidas e é levado ás illas Azores. Cando esperta, decátanse de que perdeu a memoria e non sabe quen é. A intriga xorde xa nas primeiras liñas de Groenlandia e non nos abandonará ata as páxinas finais.

Comeza a aparecer unha serie de personaxes que irán construíndo a obra e tecéndoa de múltiples subtramas que xogan co lector ao despiste: unha enfermeira que vai establecer unha relación moi especial co mariñeiro; un turista alemán moi particular, Müller, que ninguén sabe por que está alí –e xa vai para dous meses–; a muller de Daniel, Fina, que fai acto de presenza na illa non sabemos con que intencións; ou mesmo un fantasma que acompañará o protagonista principal e intentará influencialo nas súas decisións.

Daniel debátese entre manter unha relación coa enfermeira, Amadora, ou serlle fiel á súa dona, á cal non recorda pero que chega aos Azores contra todo prognóstico. Asistimos, deste xeito, ao intento de reestruturación da vida do mariñeiro, que ten que loitar contra a desmemoria e contra o ente que o acompaña e intenta manipulalo. Pero a novela é moito máis, porque cada personaxe ten a súa trama, a súa historia, que vai dando constantes xiros para manter o lector en suspense.

Así, as vidas do resto de personaxes van cobrando importancia e mesmo chega a haber unha interrelación entre as diferentes historias, que lonxe de clarificarnos a trama principal mesmo nos chegan a afastar dela porque, fronte ao que semella nun principio, o que eran personaxes con vidas aparentemente normais convértense nun elenco de individuos con historias moi diferentes ao agardable e mesmo contraditorias. Todo isto ao estilo dos libros de aventuras onde a paisaxe cobra un papel fundamental pero salpicado de espionaxe, contrabando, narcotráfico, vinganza...

En Groenlandia, á fin, nada é o que parece, nin sequera o título da obra, que quen le comprenderá nun dos capítulos: que fai Müller na illa?, quen é realmente Amadora?, por que se presenta Fina nos Azores? Todo isto teremos que ir descubrindo aos poucos, coma quen vai destapando capas de xeo da illa de Groenlandia pero nunha paisaxe paradisíaca, porque ata no título o autor foi quen de nos enganar de xeito maxistral.

Imagen

Groenlandia

Autor: Fran Fernández Davila

Editorial: Galaxia

PVP.: 19,90 €

Pasado pegañento

Lousas e virtudes

Iago Fernández

Happy end alterna mecanicamente a historia de catro parellas que confrontan dilemas ordinarios. Abundan no libro as escenas desleixadas e as apreciacións groseiras, ás veces cun gusto provocador ou a procura do efectismo. Suponse que o retrato máis ou menos empanado das intimidades en parella agocha un algo de trascendencia.

Tras dunha primeira ollada, aliñase coa estética do realismo sucio norteamericano e co infindo rastro de epígonos que tras de si deixou. Na literatura do Imperio, onde o influxo de autores coma Bukowski, Carver ou Ford está perfectamente disolto no imaxinario literario, é sinxelo facilitar nomes que compartan a súa estética pero escapen da mímica: Wells Tower. Máis aló das fronteiras imperiais, o realismo sucio xerou verdadeiras bolsas de autores atrincheirados na marxinalidade, na épica da derrota e en lamentables arquetipos masculinos: Roger Wolfe. Paradoxicamente, un dos escasos exemplos prósperos de realismo sucio non estadounidense provén da sempre irreductible Cuba: Pedro Juan Gutiérrez.

Happy end é unha prometedora cepa literaria que precisaría dunha outra entrega para se desenrolar. A maioría das escenas inclúen actuacións e acotacións irrelevantes que, axeitadamente multiplicadas, virarían dende o realismo sucio e a afectación minimalista cara un hiperrealismo propio de Knausgaard ou, en termos cinematográficos, de Hong Sang-soo. Cando o narrador acumula indolentemente mencións innecesarias (vistas dende a ventá, xestos sen rumbo, pitillos que soben e baixan...) é cando o emprego do presente de indicativo adquire pleno sentido. Chéjov aconsellaba varrer da páxina todo canto non fose relevante para a historia, e así foi que Chéjov fixo tanto mal fóra de Rusia como o realismo sucio fóra dos Estados Unidos.

Outro rasgo diferencial no que Caneiro podería insistir é o xogo estrutural: a montaxe paralela das historias (A1, B1, C1, D1; A2, B2, C2...) e a anticipación irónica dos catro últimos capítulos, titulados “Happy end”.

Imagen

Happy end

Autor: Mario Caneiro

Editorial: Barbantesa

PVP.: 15,20 €

Unha vida de película

Rey Soto e o cinema

Estro Montaña

O benshi de Galicia. O arrebato cinematográfico de Rey Soto é un libro ameno, con excelentes ilustracións, que se le dunha sentada. Nel conta Manolo González, logo dunha longa pescuda, o contacto co cine do ourensán Antonio Rey Soto (1879-1966), poeta con moito predicamento no seu tempo, gran bibliófilo, protexido pola aristócrata Ángela Santamarina, e dramaturgo bohemio e sedutor cualificado por un bispo da Habana como “sacerdote disoluto y aventurero”. Esta celebridade, que foi membro da RAG e figura popular na prensa da emigración, fundou en 1922, en Vigo, despois dunha estadía en América, a produtora Celta Films e rodou a película Un viaje a través de Galicia y Asturias. A idea de dedicarse ao cine xurdiu no Capitol de Nova York, o cinema máis grande do mundo en 1922, con capacidade para 5.230 espectadores.

A cinta, hoxe perdida, contaba con referentes costumistas e sentimentais, imaxes estilizadas e refinadas cunha clara presenza do elemento humano; paisaxes urbanas e rurais, costumes e arte van acompañadas nas proxeccións da actuación de Rey Soto que narra diante do público –emigrantes galegos, principalmente– os contidos do filme, exercendo non só como un mero “voceador” da época senón coma un verdadeiro “benshi”, esa figura capital do cinema mudo xaponés, que explicaba a trama a unha audiencia ás veces analfabeta, de maneira semellante a do Teatro Kabuki e o No.

A película, imbuída de ideas resesas sobre a “Madre patria” e as colonias, tivo resonancias positivas en España e América, pero foi un fracaso comercial, entre outras razóns, polo mal deseño publicitario e polo boicot propiciado pola xerarquía católica. Hoxe debemos considerala un fito fundamental do cine galego e a Rey Soto un visionario que levou unha vida de película.

Imagen

O benshi de Galicia. O arrebato cinematográfico de Rey Soto

Autor: Manolo González

Editorial: Alvarellos

PVP.: 19,50 €

Con tenrura e cordialidade

Emoción, sentimento, verbas

María Navarro

A palabra faise homenaxe en Pedro, o piloto de gaivotas. O seu creador Manuel Darriba une emoción, sentimento e verbas para expresar o desexo de Pedro de viaxar. É a súa unha afección ben común, que se volve divertida se o acompañan, que pode ser real se mamá e papá están cerca, que será alentadora se leva os ollos ben abertos porque dende o aire o cativo pode ver os carreiros, os bosques, as ondas e a tona prateada da terra e iso faino durmir e soñar.

O volume que vén de editar Belagua na súa colección Infantil podería ser o relato dun día calquera de traballo, podería ser a historia de calquera escolar, podería ser a narración dun desexo, mais é sinxelamente un canto á cotiandade dunha familia que se afana en que todo encaixe e flúa construíndo e modificando condutas para que as pezas engraxadas con agarimo non se deteñan e cumpran a súa función na maquinaria da vida.

E se o texto tenro e cordial nos transporta a un mundo de ensoñación onde é posible que Pedro sexa piloto de gaivotas, as ilustracións que realiza Aida Alonso, concibidas como unha sorte de collage cuxas pezas rematan formando fermosas imaxes e esceas, acompañan o texto e permiten unha lectura paralela que enriquece a expresión ata convertela nun modo de comunicación moi efectista, porque afina a mirada sobre o detalle, porque con pequenos anacos constrúe un universo de ensoñación que ten o seu apoio na realidade favorecendo así o desenvolvemento do talento.

Se mudamos fantasía por realidade o axuste non sería sinxelo, pero quizais confire a forza impulsora que permite vivir e sobrelevar situacións complicadas que así se tornan máis amables; ficción, fantasía, imaxinación e realidade como formas que imitan a vida e dan respostas aos retos que aquela propón.

Imagen

Pedro, o piloto de gaivotas

Autor: Manuel Darriba (Aida Alonso, ils.)

Editorial: Belagua

PVP.: 14 €

Suscríbete para seguir leyendo