Filoloxía

“Consolo dos males, alivio das penas”

Pasado e futuro da Festa da Lingua

Reunión do Seminario de Estudos Galegos en 1926.

Reunión do Seminario de Estudos Galegos en 1926. / Arquivo

O país celebrou o Día de Rosalía polo 23 de febreiro, o seu cumpreanos. Pero até hai nada tíñase por certa a data do 24. Resulta curioso, e á vez revelador da continuada sospeita arredor de Murguía, o nulo caso a esta cita do Diccionario de escritores gallegos (1862): “Nació en Santiago el 23 de febrero de 1837, y pasó sus primeros años, en la pintoresca villa de Padrón, de donde era natural su madre”.

Por que se cuestionou durante tantísimas décadas a veracidade de Murguía cando xa convivía con Rosalía e cunha filla en común, Alejandra? Digo máis: Murguía non fala de Ortoño senón que sitúa a pícara en Padrón, cabo da nai. Cómpre repasar (velaí o libro póstumo de Álvarez Ruiz de Ojeda) a relación entre Murguía e Castro. Abonda xa de tanto latricar sobre supostos de aquí e acolá que só afecta á súa vida sentimental na liña morbosa! Non o digo co propósito de ocultar nin de desprezar ningunha información que afecte a biografía de Rosalía. Pero coido que á mesma altura, como mínimo, ha poñerse a relación intelectual intensa, viva e culta como se rexistra na escasísima correspondencia conservada. E o legado de Rosalía aviva as raíces da patria: estima, feminismo, solidariedade, sentido de clase, ecoloxismo… e como mascarón de proa o idioma. Aquí seguimos, porque resistimos grazas ao soño da grande obra pronunciada por Faraldo en data áurica de 1846, e tras dos soños imos para non desandar o andado.

A cada xeración tócalle afrontar un tempo histórico. Hai quen, apousentados sobre os valores vivos de Rosalía, contribuíron no ensanche e progreso da conciencia de país. Velaí o Seminario de Estudos Galegos (1923), fundado en Ortoño por universitarios que fixeron súa a tradición oral da pónla paterna de Rosalía, desbotando a figura da nai e os datos outorgados por Murguía. Impúxose o relato paterno sobre do materno, convertendo a Teresa de Castro (a nai) nunha malnacida que desertou da meniña nada máis nacer. Hoxe sabemos que Rosalía aprendeu a andar, falar, números, letras, música, idiomas… acaroada ao abrazo materno: “Miña nai, miña naiciña, como miña nai ningunha, que me queceu a cariña co calorciño da súa”.

A rapazada do SEG colaborou na Festa da Lingua desenvolta no Teatro Principal de Compostela o 26 de xullo do de 1924. Alá vai un século onde o idioma, como “sangue da nación”, ocupa o espazo simbólico do país en emerxencia. Malia dicirse que foi iniciativa da SEG, erro visto en estudos éditos ou na web da Fundación Otero Pedrayo, en realidade foi asunto da Liga de Amigos de Santiago. O enredo pode vir polo seguinte: a Liga doou os traballos premiados ao SEG.

A festa celebrouse no Teatro Principal de Compostela

O certame contaba con 19 categorías en galego (madia leva!). Sob a Marcha do Antigo Reino, interpretada pola banda municipal, encetou o acto guiado por Cabeza de León. O xurado deulle a Eladio Rodríguez o premio de honra, ao mestre Vide o correspondente á sección “Muiñeira para piano” (que interpretaría ao vivo), Vicente Risco, Carré Aldao, Filgueira Valverde, Otero Pedrayo… e Mauricio Farto, que puxo música á letra de Rosalía co título “Cántiga galega”, cantada polo barítono Juan Álvarez e no piano unha muller, Rosiña López Comunión, cubana filla da emigración galega. Otero Pedrayo, con Pantelas, home libre; Risco con O bufón d´El Rei; e Filgueira Valverde con A festa dos maios, viron as súas obras impresas anos despois grazas ao SEG e a Ánxel Casal, alcalde asasinado polos feixistas no verán do 36.

Na imaxe grande, reunión do Seminario de Estudos Galegos en 1926. Abaixo, portada de A Montañesa (muiñeira).  |  FOTOS: ARQUIVO/ALEJO AMOEDO

Portada de "A Montañesa" (muiñeira). / Alejo Amoedo

Alá irá un século da Festa da Lingua que agora toda Galiza celebra, por inoxidable iniciativa de Fernández del Riego, cada Día das Letras Galegas. Pero para nós cada día é o Día. Porque como aquel metrónomo que soaba nos altofalantes do Leningrado heroico asediado polos nazis (se aceleraba o tempo, avisaba da chegada da aviación inimiga; se o mantiña lento, avisaba que a cidade aínda vivía), nós temos unha alerta axitada sobre o futuro do idioma. Móvese, pois ela vive nos nosos labres. Pero vive asediada polos perigos inminentes de quen proxectan nas linguas a ignorancia da xenreira. Porén: Nós tamén Rosalía.

Mil festas máis

Na derradeira asemblea das Irmandades da Fala (A Coruña, 1930) aprobouse a Festa da Lingua en data do 25 de xullo. Dalgún xeito, imitaban aqueloutra de 1924. Unha proclama asinada por Salvador Mosteiro, Antón Villar Ponte, Otero Pedrayo e Iglesias Vilarelle chama a organizar un “acto de homenaxe á fala materna –sinxelo ou solemne, segundo os medios con que conten- na data do Día da Galicia”. Alén deste convite mobilizador arredor da lingua, cando a República camiñaba firme cara ao derrocamento borbónico, nada máis soubemos dende o 24 até o 36 de festividade igual.

Moitos anos despois, Redondela, berce da normalización lingüística desque Xosé González activou o primeiro departamento con este fin en 1982, animara a campaña das “Mil festas máis para a lingua galega”. Unha proposta da Asociación de Funcionarios/as para a Normalización Lingüística presentada no 2011. No contexto das festas populares pídeselle ás comisións organizadoras un pulo galeguizador. Algunha medida concreta: o repertorio das orquestras debe conter un mínimo do 20% en galego, as celebracións relixiosas ou pregóns en galego ademais do fomento dos produtos etiquetados na lingua nosa.

Suscríbete para seguir leyendo