Tesouros do Suído

Ruta dos Museos de Covelo

Tesouros do 
Suído

Tesouros do Suído / Tere Gradín

Covelo é un dos concellos máis fermosos do interior de Pontevedra e un dos máis descoñecidos, cheo dunha gran riqueza etnográfica entre vales, ríos e montañas. Amparado pola Serra do Suído, existe un roteiro, o dos Museos, auspiciado por Maximino Fernández Sendín, polifacético empresario, historiador e etnógrafo quen hai xa máis dunha década deseñou este itinerario para dar a coñecer o patrimonio monumental e histórico da zona. O propio Sendín adoita exercer de guía ameno e didáctico dun traxecto no que, case en liña recta, se descobren “riquezas artísticas e naturais moi significativas da comarca”, di.

O roteiro parte do cruceiro do Cristo dos Aflixidos, situado na praza principal da vila. Datado en 1899, é obra do escultor José Cerviño, autor desoutro, coñecido, do Hío, que deixou o seu legado noutros lugares da xeografía galega. “O cruceiro de Covelo conta ademais cunha singularidade que o fai único: ten na súa base catro alegorías profanas que representan a Industria, a Agricultura, as Artes e a Xustiza, algo excepcional entre os 10.000 cruceiros que se supón existen en Galicia, onde todos, excepto este, son netamente relixiosos”, explica o etnógrafo.

A segunda visita é á Casa Museo Pazo da Cruz, que se atopa na Hermida, a pouco máis dun quilómetro da capital do concello. Esta vella casa grande do século XVII acolle máis de seis mil pezas de valor cultural e histórico, froito do labor recompilatorio do propio Fernández Sendín. Cada elemento, cada moble, cada ferramenta, está situada no seu contexto para recrear a vida cotiá da Galicia de outrora. A propia arquitectura do edificio é de seu un museo, con cruz e pináculos na entrada, cuberto, patio empedrado con fonte propia e pía, adegas, forno, hórreo e outras construcións anexas, todo rodeado de muro de pedra.

Este é un museo con alma, cheo de pezas que o seu mentor rescatou do esquecemento para explicar usos e costumes, unha forma de vida e unha maneira de ser a través dunha viaxe no tempo co mesmo Sendín como guía entusiasta deste patrimonio cultural. Os materiais expostos pódense tocar, cheirar ou experimentar con eles e, xa desde o portón de entrada, a memoria olfativa rexistra aromas de leña, caldo ou terra mollada porque tamén aquí se recrean os sentidos. Entre as moitas coleccións que alberga a casa museo atópase a dedicada a Alfonso Graña, o galego que foi rei dos xíbaros –cunha cabeza auténtica reducida nunha vitrina– ou a escola dos anos cincuenta, con todos os elementos de época. É unha das seccións que máis interese esperta entre os visitantes e é tamén una das máis fotografadas.

Tesouros do 
Suído

Unha das salas da Casa Museo Leonides. / Arquivo

Se o tempo acompaña outra parada é a praia fluvial de Maceira, situada nunha idílica paraxe onde ademais de piscinas naturais hai pozas e fervenzas nunha zona incluída na rede Natura 2000. Ascendendo a uns doce quilómetros deste punto, coa impresionante Serra do Suído envolvendo o lugar, atópase A Graña, lendario pobo de comerciantes no que se asenta a casa Museo Leonides, que toma o nome dunha das súas últimas moradoras, avoa de Fernández Sendín. A construción tería no seu estado primixenio o teito de colmo, do mesmo xeito que as pallozas tradicionais. A súa orixe remóntase, calcula o seu propietario, “a uns cinco séculos atrás e é a única da súa tipoloxía que se conserva na súa integridade nesta parroquia covelense”. Trátase dun conxunto etnográfico único, con casa de planta terrea, eira de mallar o centeo e hórreo de pedra, incluído o tellado. Moi preto atópanse outras dúas xoias patrimoniais, o dolmen de Rebordechán e a ponte sobre o río Cabras, “a que pode ser unha das pontes máis antigas de Galicia e quizá de Europa”, di Sendín. Trátase dunha laxe dunha soa peza de máis de seis metros de lonxitude que fai a función de paso para salvar a corrente.

Tesouros do 
Suído

Perspectiva exterior da Casa Museo Leonides. / Aquivo

Devoción en pedra

O roteiro continúa cara ao santuario de Nosa Señora da Xestosa, na parroquia covelense de San Salvador de Prado, nunha cima a máis de 1.100 metros de altitude. Ao seu máxico emprazamento suma o poder curativo atribuído á auga almacenada na tumba precristiá adxacente e á fonte sanadoira que brota un pouco máis abaixo. O lugar conta cunha longa tradición milagreira. Moitos son os que din que a auga do sepulcro –que nunca seca, nin nos veráns máis calorosos– cura as verrugas, afeccións de pel e outras doenzas do corpo. Os devotos mollan un anaco de pan –que levan expresamente para o ritual– e despois o aplican sobre a parte que desexan sandar. O rito realízase especialmente durante a romaría de agosto e maio.

No estudo "El enigmático sepulcro del santuario de la Virgen de la Xestosa", escrito por Sendín, sinálase que a orixe da capela pode estar nun eremitorio dos primeiros séculos do cristianismo ou da Idade Media, e que na tumba podería estar enterrada Santa Quiteria ou a primeira abadesa do convento de Melón. O traxecto fai parada nalgúns dos tesouros de Covelo, que son numerosos, pensando, di o historiador, “en todos os públicos, tanto para os que queiran andar como prefiran facelo en coche”. Dependendo da época do ano e da climatoloxía tamén se pode subir a coñecer os vellos chozos do Suído, as antigas cabanas dos pastores.

Suscríbete para seguir leyendo