Power pop, enerxía punk

Bule: Agora ou nunca

Bule: riffs e intensidades desde o Eume.

Bule: riffs e intensidades desde o Eume. / Juampa Ameneiros

V. Neira

Hai unhas semanas, chegounos dende Pontedeume o novo traballo discográfico dos Bule. Agora ou nunca vén ser o título co que o cuarteto eumés leva a cabo o seu novo disparo musical, con todas as ansias do mundo mundial por cargarnos as baterías con altas doses de ondadas power pop e enerxía punk de guitarras municionadas de eléctricos e trepidantes ritmos. Editado por Radiz Records, Agora ou nunca vén constituír o seu primeiro álbum de longa duración despois dos seus anteriores EPs, “Aquelas cancións” (2018) e “Cando nos volvemos ver” (2020). Aquí, de novo, o grupo aposta polo son 77 e por cancións que bailan por regos sachados por bandas que asoman as patas, e mais as orellas, e que sentaron moi posiblemente toda a súa xurisprudencia polas trincheiras do grupo. Buzzcocks, The Undertones ou os mesmísimos composteláns, e noventeiros, Fame Neghra paséansenos pola cachola mentres debullamos as dez cancións que conforman o disco mais, iso si, mantendo a firma clara e a personalidade propia dun grupo que non busca inventar a pólvora pero si facela estalar en mil anacos en cada retrouso.

Agora ou nunca contén cancións que se viran pegañentas -no bo sentido do termo-, directas e nunha sorte de exercicio luminoso, bailable e imparable. Coa infalible fórmula dos dous minutos e medio para contarnos a historia, meternos no seu escenario e lembrarnos que unha boa canción pop-rock case sempre xermola no feito de saber fuxir de buscarlle os tres pés ao gato e deixarse de inventos innecesarios.

Dúas guitarras, un baixo, unha batería e un pouco de rebeldía e coñecemento da causa abondan aquí e agora para presentarnos pezas tan redondas como “Agora ou nunca”, coa que abren o lume, a declaración de intencións “Escoitando power-pop”, as enérxicas “Incomprendidos” e “Intocables” ou a nosa preferida e fantástica “Ninguén sabe nada” coa que fechan a entrega. En definitiva, este Agora ou nunca vai de riffs e intensidades, captando para o seu rexistro moita da potencia natural dun deses grupos que, dende logo, vese nos directos, enriba dun escenario, o espazo preciso onde xogan a súa mellor man, poñendo a suar a parroquia sen demasiados miramentos nin tempo para a especulación.

Gravado entre febreiro e marzo de 2023 en Estudio Sausalito, da man de Óscar Quant, quen tamén se encargou da mestura e da masterización, e cunha capa evocadoramente popeira cun deseño pertencente a Ben Thomas Design, o disco xa está pendurado en todas as plataformas de música en Internet e tamén se pode, e debe, adquirir xa en formato vinilo no sitio web da disqueira Radiz, de Santa Uxía de Ribeira. Agora mesmo andan a presentalo nunha xira que os está levando a visitar moitas das salas do noso país, onde o directo e mais a contundencia do grupo abofé que colocarán o seu repertorio na súa mellor versión.

Presentacion undecima edición dos Premios Martín Códax da Música.

Presentacion undecima edición dos Premios Martín Códax da Música. / Xoán Crespo (EP)

Premios Martín Códax

A asociación Músicas ao Vivo xa ten posta en marcha a súa onceava edición dos Premios Martín Códax da Música neste ano 2024. Uns premios que outra vez poñerán de manifesto, e á vista de todos e todas, o valor e mais a saúde excepcional da música do noso país asemade de servir de escaparate extraordinario para unha escena que, ano tras ano, non para de sorprendernos con novas, e vellas propostas, nun abano infinito de estilos e estéticas e nun fantástico estado de produción de rexistros sonoros que pasan por, probablemente, converter este país nun dos territorios máis luminosos e fecundos, musicalmente falando, do noso planeta.

A gran novidade desta edición é o cambio no proceso de votacións, que se abrirá ao público xeral na segunda volta, establecéndose así no reconto final unha regra de baremación na que o 50% corresponderá á votación do público en internet e a outra metade aos votos directos das socias e socios de Músicas ao Vivo.

Agora, dende o pasado luns día 19 de febreiro e ata o 10 de marzo permanecerá aberto o período de inscripcións de propostas para as quince categorías convocadas, e agardando sobrepasar a cifra de máis de catrocentas propostas dos últimos anos, para despois chegar a unha entrega final de galardóns que se celebrará o vindeiro 15 de maio nunha gala que se levará a cabo no Pazo da Cultura de Pontevedra. Unha nova edición, e van once, duns premios nos que a verdadeira gañadora, maís aló de premios ou nominacións individuais, é a saúde e a visibilidade da nosa excepcional cultura musical.

Suscríbete para seguir leyendo