Entrevista | Aser Álvarez Cineasta e xornalista

“O galeguismo tivo un papel esencial na creación da nosa primeira emisora de radio”

Aser Álvarez, nas instalacións de Faro de Vigo.

Aser Álvarez, nas instalacións de Faro de Vigo. / Elías Regueira

Xosé Ramón Pena

Xosé Ramón Pena

Comisario da exposición Historias de Radio Galicia. 90 anos contigo (celebrada na Casa do Cabido, Santiago de Compostela), o cineasta e xornalista Aser Álvarez (Celanova, 1976) vén de publicar o volume 90 anos nas ondas. Dos inicios da radio en Galicia aos nosos días (Arraianos Producións/Xunta de Galicia). Asemade, no próximo mes de abril, será o responsable dunha mostra sobre os 90 anos da radio en Vigo, que terá lugar na Casa da Cultura Galega.

-Dez, vinte e cinco, cincuenta, cen... Tanto as exposicións como o libro fan referencia aos noventa anos da implatación da radio entre nós. Daquela, teño que preguntarllo un pouco “á forza”: por que esa cifra, un tanto inusual?

-Hai xa case trinta anos, eu estaba a facer as miñas prácticas radiofónicas con Iñaki Gabilondo -por certo, el é o autor do “Limiar” de 90 anos nas ondas-, e foi asemade el quen me enviou para Radio Galicia. Alí fun coñecer a José Gutiérrez, “o Sr. Gutiérrez”, quen traballaba nos labores administrativos desde xuño de 1948, cando era apenas un rapazolo de quince anos. Gutiérrez deviña dono dunha memoria prodixiosa e, ademais, facilitoume o contacto con persoas como Ángel de la Peña, Pili Pereira... ás cales entrevistei coa intención de levar a cabo un documental radiofónico de cara aos setenta e cinco anos da creación da emisora. Polo tanto, todos eses materiais, que recollen a historia de Radio Galicia, o contexto socio-histórico no que se produciu, as xentes que fixeron posible aquel acontecemento..., e que ían ser incluídos nese proxecto referido, son os que veñen conformar agora este volume, que xurdiu ao abeiro do noventa aniversario da primeira emisión radiofónica entre nós.

-Radio Barcelona, a primeira emisora de radio en España, data de 1924. Radio Galicia -que formaba parte de Unión Radio; a SER despois da Guerra Civil- comezou a emitir, da súa parte, en 1933. Fomos, polo tanto, con certo retraso respecto doutros territorios ou iso non vén ser exactamente así?

-Santiago de Compostela foi o sexto lugar, no conxunto español, en contar cunha emisora de radio: algo ben sorprendente se consideramos o tamaño da cidade, e que só foi posible grazas a un esforzo colectivo impresionante no que foron coincidir o Concello, a Universidade, a Cámara de Comercio,a Real Sociedade Económica de Amigos do País..., os xornais -que, por regra xeral, non se mostraran favorables por mor da desputa no tocante á captación de publicidade- e, desde logo, a presenza dos irmáns Portela Seijo que, xa desde os anos 20, estaban moi implicados na difusión radiofónica. Polo tanto, cando Ricardo Urgoiti decide crear Radio Galicia -que non Radio Santiago, o que resulta moi signiticativo-, a decisión ten que ver moito coa existencia dun verdadeiro caldo de cultivo que propiciaba semellante decisión. Polo demais, moi axiña apareceron tamén Radio Pontevedra, Radio Vigo, Radio Coruña... Penso que en Galicia non chegamos tarde ao mundo radiofónico, todo o contrario.

-Non deixa de chamar a atención, desde logo, que o galeguismo se fose involucrar dun xeito tan decidido na cuestión...

-Realmente, foron uns auténticos visionarios. E, ademais, coa capacidade de poñer de acordo, nun verdadeiro proxecto de país, empresas, institucións..., un conxunto de colectivos vinculados á Liga Pro-Estatuto de Atonomía que entenderon moi ben como a radio conformaba unha ferramenta magnífica de transformación socio-política. E cómpre lembrar que foi, precisamente, alguén como Antón Fraguas o encargado de abrir as emisións, daquela aínda en probas, da primeira radio que se puxo en marcha no país.

Aser Álvarez nas instalacións de Faro de Vigo.

Aser Álvarez nas instalacións de Faro de Vigo. / Elías Regueira

-Calcúlase que nese momento, 1933, había arredor duns 2500 receptores de radio en toda Galicia. Pero unha cousa son os receptores e outra canta xente puido, non só naquel momento senón nos meses e anos que seguiron, estar á escoita...

-Comentaban que cando Xosé Mosquera Pérez, “O Vello dos Contos”, se poñía diante do micrófono, toda Santiago se paralizaba. Pero non só o escoitaban alí; Radio Galicia emitía en onda media e iso determinaba que as emisións puidesen ser captadas mesmo en lugares afastados. Contando con que as emisións regulares deron inicio en marzo e que a fins de xuño dese mesmo ano houbo unha homenaxe multitudinaria ao “Vello...” no Hotel Compostela..., parece evidente que Mosquera xa se transformara nunha verdadeira estrela mediática. Aínda máis: a primeira estrela mediática galega.

-Desde 1936 a 1977 transcorre toda unha xeira de radio sen liberdade. Ao mesmo tempo, xorden novas emisoras: na Coruña instálase Radio Nacional de España; aparecen así mesmo a CAR (Radio Juventud), a COPE... Que caracterizou, entón, á SER, cal foi a súa característica diferencial?

-Efectivamente, trátase dunha “longa noite” na que resultaba imposible realizar un traballo informativo veraz. Non obstante, pouco a pouco e aproveitando unha certa relaxación da censura, un grupo de xente nova (Ángel de la Peña, que nos anos setenta levou a termo o primeiro informativo en galego, “O noso”, Pili Pereira, Tareixa Navaza...) deu en aproveitar eses espazos para levar adiante un proceso de democratización. Pero, en liñas xerais, a SER decantouse durante esas décadas pola “radio espectáculo”, pola “radio evasión”, coas radionovelas, os concursos, a música e mais os deportes..., promocionados pola publicidade.

-Desde 1977 e até o momento presente vivimos, afortunadamente, nunha situación democrática. E estamos agora mesmo nun tempo de eclosión de novas canles de comunicación. Cal considera Vde. que é, e cal pode ser aínda, o papel da radio nesta nova sociedade?

-A radio leva “morrendo” noventa anos.Entendo que cómpre mudar os formatos e adaptarse á nova realidade que nos rodea. Pero a radio é moi versátil e a súa comparecencia está asegurada por esa mesma cualidade, velaí o éxito dos podcats. A versatilidade, pois, e tamén a inmediatez e mais a fiabilidade frente ao lixo informativo, as fake news e outras fontes de desinformación. Coido que se trata ao certo dun medio con futuro.

Suscríbete para seguir leyendo