Mito e príncipe do Romanticismo

200 anos de Lord Byron

Lord Byron no retrato de Tom Phillips (1835).

Lord Byron no retrato de Tom Phillips (1835). / Arquivo

Armando Requeixo

George Gordon Byron naceu en Londres o 22 de xaneiro de 1788 e finou en Missolonghi o 19 de abril de 1824, polo que en breve alcanzaremos o seu bicentenario e, con tal motivo, acae que hoxe lembremos nesta Literatura Insólita a súa intensa e novelesca biopoética, que fixo del unha figura de relevo universal e un dos máis importantes poetas de todos os tempos.

Escritor, político, dramaturgo, autobiógrafo, tradutor, militar, autor de diarios, libretista e ata conde, Byron é para todos a encarnación do Romanticismo, un antecedente do malditismo literario, un revolucionario proheleno contra os turcos e un donxoán impenitente que desafiou todas as convencións sociais da época.

Naceu trenco, coas dedas do pé esquerdo cara a dentro, pero de mozo disimulouno como un exotismo de distinción nun camiñar singularísimo, todo charm. Con nove anos tivo unha institutriz escocesa, Mary Gray, coa que se iniciou no sexo e aprendeu o que precisaba e máis sobre alcois e orxías, ensinanzas que alternou cos estudos primeiros na Aberdeen Grammar School onde, sendo alumno, morreu seu tío avó e el herdou o condesado de Byron. Logo estudou de mozo na londiniense Harrow School, para rematar a súa formación no Trinity College da Universidade de Cambridge. Polo camiño namorou das súas primas Mary Duff (que o rexeitou por demasiado neno) e de Margaret Parker (que faleceu repentinamente). Tales reveses esporearon a súa musa tráxico-romántica e non foron as únicas na súa vida.

En Cambridge, como universitario, foi un alumno brillante, pero de vida licenciosa e desbaldida, cun oso como mascota (anos despois tivo tamén por compaña un raposo, monos, papagaios, gatos e cans, unha aguia e un falcón, un crocodilo, cinco pavos reais, cabalos, galiñas de Guinea, un corvo, un teixugo, gansos, una grúa exipcia e ata unha garza) e pelexas de boxeo e esgrima a toda hora. Abandonou a universidade por falta de cartos e foi vivir cunha prostituta a Picadilly 16, en Londres, que pronto esqueceu para regresar con súa nai. Por ese tempo comezou a publicar os primeiros poemarios e ocupou un escano na Cámara dos Lords, iniciando unha longa viaxe polo centro-sur de Europa: España, Portugal, Albania, Malta e Grecia, estancias que máis tarde completou noutros países como Suíza e Italia. Foron, estes, anos de esmorga infinda, nos que cruzou a nado o Helesponto, tentou descubrir o asentamento de Troia e deixouse caer nunha gozosa e irrefreable promiscuidade bisexual.

Especial relevancia para a Historia da Literatura tivo a súa viaxe a Suíza de 1816. No verán dese ano Byron alugou Villa Diodati, en Cologny, preto do lago de Xenebra. Alí coincidiron, nunha tormentosa anoitecida, Percy Shelley, Mary Shelly, grandes amigos de Byron, e o seu médico persoal, John William Polidori. Nunha sorte de arrouto, desafiáronse a escribir relatos de terror dignos daquela noite témera e así naceron o Frankenstein de Mary Shelley e O vampiro de Polidori.

Aínda que casou con Anna Isabella Milbanke, baronesa de Wentworth, o seu matrimonio foi dende o comezo unha ruína e o único bo que deu foi a súa filla Ada Lovelace, quen chegou a ser unha gran matemática e pioneira da programación computacional no seguimento dos apuntamentos da Máquina Analítica do científico Charles Babbage. Ao mes de nacer Ada divorciáronse, pois Anna non puido aturar as constantes infidelidades de Byron e tampouco quería que gañase a custodia da filla, o que acabou facendo que este marchase de Londres e non regresase endexamais. Os seus biógrafos dan noticia tamén dunha súa filla con Claire Clairmont, media irmá de Mary Shelley, que se chamou Allegra Byron e que morreu con só cinco anos de idade. E da relación que mantivo coa súa medio irmá Augusta Leigh, casada, parece igualmente que puido nacer a terceira filla desta, Elizabeth Medora Leigh.

Aos trinta e cinco anos nomeárono membro do Comité de Londres para a independencia de Grecia, que daquela loitaba contra o Imperio Otomano pola liberdade. Nesa aventura enfermou de malaria e as febres, a epilepsia e as continuas sangrías dos galenos, que chegaron a extraerlle ata case dous litros de sangue, remataron con el en Missolonghi sen ver cumprido o seu soño da independencia de Grecia, un país que sempre o venerou como a un poeta nacional.

Morreu con apenas trinta e seis anos e os seus restos foron trasladados nun pipote de brandy e descansan xunto aos da súa nai na Igrexa de Santa María Magdalena de Hucknall, en Nottinghamshire, ben pretiño da súa aristócrata mansión familiar de Newstead Abbey.

Como poeta foi o máis célebre dos románticos británicos e un dos maiores de todo o continente. A súa obra foi publicada en dezasete volumes e nela destacan títulos como o Don Xoán (dezasete cantos en oitava rima que comezou a publicar en 1819) e As peregrinaxes de Childe Harold (extenso poema narrativo dividido en catro cantos e publicado entre 1812 e 1818).

Influxo e admiración

O influxo e a admiración que provocou a figura e a obra de Byron é enorme. Coetáneos seus como Goethe, Alphonse de Lamartine ou Jan Potocki reverenciábano e autores de xeracións que os seguiron como Edgar Allan Poe, Gustavo Adolfo Bécquer, Mixaíl Lermontov, Alexandre Pushkin, Vítor Hugo, Alexandre Dumas ou Charles Nodier tiñan nel un exemplo e un mestre. Por descontado, tamén na literatura galega suscitou grande interese e eco, dende Rosalía (téñense analizado as concomitancias do seu Manfred e de La hija del mar) e Otero Pedrayo (que o tiña, con Chateaubriand e algúns outros, como paradigma do espírito romántico) ata Cunqueiro ou Fole (que lle dedicaron artigos moi laudatorios).

Excéntrico, polémico, desmesurado e controvertido, hai quen di que a súa vida aventureira se veu empurrada pola síndrome maníaco-depresiva. Sexa como for, non cabe dúbida de que o seu carácter indómito e en ocasións corrosivo tivo tamén como contrapeso a súa xenerosidade e solidariedade cos máis febles e desherdados, cos miserables e marxinados, fosen estes idealizados corsarios e cosacos, españois que loitaban pola independencia contra Napoleón, nacións suramericanas que iniciaban o proceso de descolonización ou, xaora, os seus benqueridos gregos que anceiaban rematar co sometemento turco. Por estas e moitas outras razóns, Byron segue a ser hoxe, douscentos anos despois do seu pasamento, un mito e o príncipe do Romanticismo.

Suscríbete para seguir leyendo