Libros recomendados da semana

Libros recomendados da semana en Faro da Cultura.

Libros recomendados da semana en Faro da Cultura. / FdV

A (de)construción persoal

Biblia vs Ciencia

Pilar Ponte

A (des)memoria é un tema quizais pouco tratado na literatura galega, mais non será porque a autora coruñesa Cris Pavón non o teña xa manexado na súa produción ata o día de hoxe. Dúas novelas e un libro de relatos, ademais de varias colaboracións colectivas, son a mochila literaria desta profesora xubilada á que agora se lle suma esta nova "Eva e Lucy" da man de Galaxia.

Dous son, xa que logo, os temas recorrentes nesta nova entrega: dunha banda, a memoria (ou a loita por non a perder) e doutra, a construción da identidade. Estes piares temáticos constitúen a historia de Aurora e a súa filla Iolanda, baseada no reencontro non desexado e forzado polas necesidades e avatares da vida.

A primeira, de fortes crenzas relixiosas, vive en Lugo pero ten que se trasladar a Compostela á casa dunha das tres fillas para recibir os coidados que demanda unha doenza cognitiva que vai ir acelerando unha deterioración irreversible. Iolanda ten que se facer cargo da nai nunha loita entre a súa forma de ser e o que se espera que faga unha filla no último tramo de vida da proxenitora. Mais o choque entrambas é evidente desde o primeiro momento, pois o enfoque que teñen da vida é radicalmente distinto e ademais o coidado dunha persoa con estes danos implica moitísimo traballo e dedicación.

Con todo, o reencontro vai provocar unha crise de identidade nas dúas, unha revisión da vida para intentar comprender por que, para que e cara onde. No caso de Aurora agravado porque a muller xa ten episodios de non distinguir entre a realidade e a ficción, entre o que foi e non foi, mesmo entrando no delirio e o insomnio. A novela avanza máis unha vez nesa dicotomía entre a relixión e a ciencia e mesmo formula a idea de se non serán necesarias as dúas para entendermos a vida, dada a imposibilidade da segunda de explicar as cuestións emocionais do ser humano.

No discurso, os monólogos das protagonistas (pois apenas hai diálogos) son radicalmente distintos ao introducir a autora un xeito de escritura sen maiúsculas e sen puntuación, que amosa maxistralmente o xeito de pensar e de falar que ten unha persoa con estes trastornos, de maneira que as ideas mesmo se sobrepoñen entre elas, sen pausas e sen contextualización temporal posible, mesturando realidade e ficción, lembranzas, experiencias e desexos.

En canto ás personaxes, a escolla de cinco mulleres (unha nai, as súas tres fillas e a avoa destas) non é casual, pois na novela hai unha exposición clara da problemática dos coidados deste tipo de doenzas que recae sistematicamente nas mulleres, e, por outra banda, un intento de eliminar arquetipos patriarcais de nais entregadas e fillas devotas. E conségueo, abofé que si.

Imagen

"Eva e Lucy"

Autor: Cris Pavón

Editorial: Galaxia

Precio: 19,85 euros

Predispor os sentidos

Textual e visual

Oriana Méndez

O poeta e artista plástico celanovés Baldo Ramos e mais Marcos Viso, pintor ourensán, achégannos "Cando non sei volver", un artefacto artístico de elevada calidade editorial que entremestura o textual e o visual nun longo poema en primeira persoa sobre o abandono, a soidade e as encrucilladas existenciais ás que se enfrontan as subxectividades contemporáneas nalgúns momentos da vida. Texto e ilustración fundan o poema na súa completitude e acadan, pois, un protagonismo equiparable, de xeito que non resulta doado discernir quen guía ou quen acompaña a quen.

Eco determinou en "Mouse or rat? Translation as negotiation" (2003) que, na tradición clásica, a écfrase encóntrase nun documento verbal que describe unha peza artística visual. No caso que nos ocupa, non se trata de que o texto de Ramos se desenolva coma unha descrición explícita das ilustracións de Viso; como tampouco a obra pictórica se limita a acompañar ou a dar forma visual ao poema escrito. Porén, vemos certo que a singular atmosfera de abatemento e o ton nostálxico que emanan do conxunto do libro deben a súa intensidade ao encontro simultáneo entre o pictórico e o escritural. A intermedialidade desta proposta, xa que logo, fai que o seu interese vaia máis aló do estritamente literario e que a súa significación resida, precisamente, na montaxe sinestésica que ofrece ao lectorado. Estamos diante dunha desas expresións híbridas tantas veces presentes na nosa produción cultural: pensemos no arquicoñecido e homenaxeado "Álbum Nós", de Castelao; nos debuxos que ilustran "Fardel de eisilado", de Luis Seoane; na actualidade, en "Coñecemento do medo", de Branca e Ramón Trigo; ou, se imos ao inicio das cousas, nas miniaturas que acompañan as medievais "Cantigas de Santa María" en distintos manuscritos.

Trátase, en definitiva, do savoir faire dun creador prolífico e recoñecido en todas as súas dimensións, Ramos, en feliz encontro cun ilustrador que xa ten amosado alta sensibilidade para o diálogo coa poesía.

Imagen

"Cando non sei volver"

Autores: Baldo Ramos e Marcos Viso

Editorial: Galaxia

Precio: 17 euros

Natureza abraiante

Con humor e emoción

Lucía Seoane

Especialmente coñecido pola súa, primeira, novela, "Wake in Fright" (1961), levada ao cinema en 1971 -en España apareceu como "Despertar en el infierno"; en 2009 reestreouse no Festival de Cannes- Kenneth Cook (1929-1987), documentalista, xornalista, lepidopterista amateur... , vén ser o autor dos quince relatos que compoñen "O coala asasino" (1986), volume traducido agora ao galego por Moisés Barcia, para Rinoceronte.

Os ermos eidos do Outback australiano, poboados por excéntricos buscadores de ópalo, porcos xigantescos, camelos irritables, feroces crocodrilos, bebedores insaciables de cervexa...e, desde logo, por coalas con apetencias asasinas, veñen conformar, entón, a paisaxe ruda, esgrevia e sempre desafiante na que trascorren uns textos que deveñen tales a partir das propias experiencias do seu autor quen, segundo el mesmo, nunca se atreveu a incluílos nas súas novelas por mor do seu carácter inverosímil. E é que, en efecto, a natureza descrita por Cook, á par de inaudita -polo menos, para os nosos ollos-, certamente abraia e abafa. Con sabedoría narrativa, o autor australiano tinxiu de hilaridade as súas historias; porén, é doado percibirmos por detrás da pantalla do humor esoutra realidade perturbadora -mesmo ás veces decididamente terrorífica-, a amosarnos decote o lado cruel, a cerna escura dos corazóns humanos e aínda do universo silvestre que os rodea. Mais o creador de "O coala asasino" é quen, así mesmo, de trasladarlle ao lector a inmensa tristeza das planuras desérticas, a calor pingante e mais os horizontes sen fin, a grandiosidade da Gran Barreira de Coral nun esforzo artellado en trazos dunha prosa tan directa como poeticamente agreste.

Hai emoción, latexos paixonais, desatinos e equilibrios e, sobre todo, moita vontade vital nestes relatos que nos chegan desde as nosas Antípodas e que, sen dúbida, han de resultar do agrado do público lector de noso.

Imagen

"O coala asasino"

Autor: Kenneth Cook (traducción de Moisés Barcia)

Editorial: Rinoceronte

Precio: 17 euros

Culturas urbanas

Un volume indispensable

María Navarro

A cultura urbana ten en "Somos Hip Hop" un referente, volume no que, baixo o subtítulo "Fundamentos do Breaking, RAP, Graffiti, Turntablism e Breatbox", Pablo Castiñeira Oliveira (1986) e David Brey Vázquez (1985) presentan aos amantes dos sons feitos ritmo, rima, movemento e música a súa creación literaria.

Unha análise pormenorizada dos cinco elementos que compuñan o movemento sociocultural, artístico, reivindicativo e transgresor nacido nas rúas de Nova York na década de 1980 coma o hip hop amosa non só as orixes, a historia e a evolución de ditos fundamentos, senón tamén os estilos, as habilidades especiais, exercicios prácticos, consellos e mesmo un glosario con termos específicos que han despexar calquera dúbida que se teña en torno ao vocabulario empregado.

Os vocábulos en inglés debidamente referenciados sérvenlle ao lectorado para comprender e aprehender unha certa forma de compor ritmos, de actuar, de presentarse ante o outro ou de desafiar o rival para crear movemento, ao mesmo tempo que amosan o seu coñecemento desta cultura novidosa ás portas do século XX e constatan como chegou ata nós e como influíu en determinadas creacións musicais actuais non alleas a certos ritmos neoiorquinos de hai cincuenta anos. Tamén para comprobar que a rúa pode producir magníficas expresións culturais.

A redacción sinxela acompañada de ilustracións, debuxos, imaxes, mapas, fotos de portadas, anacos de textos, esquemas, oportunas traducións, signos de puntuación e unha coidada edición na que se tivo en conta a plasticidade obran a maxia do volume: único e indispensable para todo aquel que faga da música, de calquera estilo de música o eixo sobre o que xira a súa afección ou a súa vida.

Imagen

"Somos hip-hop"

Autores: Pablo Castiñeira e David Brey Vázquez

Editorial: Galaxia

Precio: 22 euros

Suscríbete para seguir leyendo