Tempo de Manuel Colmeiro

O pintor nas coleccións de arte do Concello de Vigo

Manuel Colmeiro nas coleccións de arte do Concello de Vigo.

Elías Regueira

A publicación do volume Manuel Colmeiro nas coleccións de arte do Concello de Vigo acaba de aparecer como plasmación do acordo entre o concello vigués e os herdeiros do pintor Manuel Colmeiro, que mediante un comodato se comprometeron á reivindicación e espallamento da obra do pintor.

O volume, realizado so a responsabilidade da historiadora de arte Beatriz Liz de Cea, supón unha achega fundamental ao coñecemento do traballo artistico de Colmeiro pois é catalogada a totalidade da súa obra -máis de 200 traballos- presente nas coleccións dependentes do Concello de Vigo: Museo Municipal de Vigo “Quiñones de León”; Biblioteca-Museo Francisco Fernández del Riego e Comodato Colmeiro, que conforman o fondo máis importante de traballos do artista existente, con óleos, obra sobre papel, murais e gravados de todos os períodos da súa ampla traxectoria artística. Cómpre destacarmos o rigor do traballo de catalogación de Beatriz Liz e a calidade do deseño, que fan desta publicación un material imprescindíbel para futuras investigacións e proxectos sobre o artista.

O volume permite, por tanto, repasar con obras fundamentais a evolución do artista, con reproducións de grande calidade. Podemos evidenciar como desde os seus inicios Colmeiro foxe da captación característica do rexionalismo naturalista, marcando distancias con el, sometendo os mesmos motivos da pintura da xeración anterior (paisaxe rural con labregos ou escenas clasicistas) e os novos (paisaxe urbana) a un proceso de estilización, produto da contemplación estética da realidade. Vemos como xa non se achega aos temas cunha concepción substancializante do cromatismo, senón que parte dun sutil subxectivismo. Aos ollarmos estas obras sentimos que a verdadeira realidade non está no obxecto mesmo, senón na visión persoal do obxecto, na fluída e inconsistente impresión que suscita el en nós.

A vía seguida polo artista sintetiza diferentes influxos da arte europea de entreguerras en chave nacional. Un exemplo perfecto son as obras realizadas nos anos trinta -un núcleo fundamental das coleccións viguesas-, son óleos e tintas que mostran influencias diversas, mais coa indubidábel pegada do paisaxismo posimpresionista, mesmo se pode enxergar a sombra de Van Gogh, unha influencia que paira en moitos óleos desta altura do artista galego. Colmeiro estende as cores de xeito compacto, creando atractivos reflexos a tendendo a formas simples e sintéticas que lle dan ás paisaxes e figuras un suxestivo ambiente de misterio, todo realizado cunha vigorosa resolución plástica dos motivos e cun acorde de cores de enorme calidade e forte subxectivismo.

Ao mesmo tempo, temos obras en que o destino social está ben presente. Colmeiro é un artista que nas procuras que realiza de inspiración no folclore, na cerna da vida popular e en certos aspectos do mundo labrego está marcado por un pouso de compromiso social moi intenso. Así hai que entender a construción de imaxes coreográficas das clases traballadoras que teñen un contexto epocal moi coherente que é o da arte europea de entreguerras de figuración social. Colmeiro presenta o ollar dos traballadores e traballadoras e reforza un punto de vista que fai destacar a dignidade das clases populares.

Tempo de Manuel
Colmeiro

Unha das obras de Colmeiro. / Elías Regueira

O pintor desenvolve en varios núcleos temáticos iconas poderosas que reflicten unha manifesta fondura etnolóxica: labregos nos labores agrarios; maternidades como deusas-nai que agachan un sentido subterráneo e mesmo dramático, modelos femininos con ese carácter de distintivos xenéricos da muller labrega que lle permiten construír uns valores e referencias de matriz alegórica.

En plena Guerra Civil realiza a serie “Terror en Galicia” -outro núcleo central das coleccións do Concello de Vigo-, que presenta trazos máis expresionistas que os traballos anteriores e reflicte a pegada do conflito. Transforma as súas composicións características, tal como acontece coas maternidades, en representacións do sufrimento, en expresións da dor e da esgazadura que a brutalidade e o drama da guerra provoca no artista. Son imaxes en que se percibe un certo onirismo, ás veces parte dunha iconografía que lembra as piedades relixiosas envoltas nun ar goyesco.

Obra de madureza

No exilio, que sofre como consecuencia da Guerra Civil, Colmeiro constrúe unha linguaxe pictórica dun forte lirismo, en que a evocación do mundo galego é unha constante. A lembranza e o soño coa terra distante pasan a un primeiro plano. A pintura convértese nunha forma de reencontro e, ao mesmo tempo, nun instrumento de permanente análise e depuración formal, que alcanza un conseguido equilibrio. No traballo desta altura as contornas fanse máis sutís que na obra anterior, cunha paleta máis clara, cun cromatismo case que fauve e unha preocupación pola xeometría elemental da figura, onde tamén se pode observar o sentido de construción conceptual á maneira dun Cézanne.

Na súa obra madura Colmeiro evidencia a absoluta coherencia do seu proceso pictórico, fiel a principios figurativos e motivos temáticos que constitúen auténticas series. Percibimos a reelaboración de temas populares, tratados con rotundidade plástica e á vez chea de cor e lirismo, facendo confluír en simbiose a figura humana, especialmente a muller coa terra, como se dunha deusa-nai se tratase. Durante todos os anos de exilio, en Buenos Aires primeiro e logo en París, manterase fiel a estes presupostos, dando unha maior primacía aos valores cromáticos e lumínicos, sempre desde a fidelidade ao seu mundo e aos seus principios esenciais, onde as cores marcan nel o territorio das emocións máis intensas.

Suscríbete para seguir leyendo