Desfacer o xénero

A fotografía de Alice Austen

A fotografía de Alice Austen no Museo municipal Quiñones de León.

Elías Regueira

A mostra Alice Austen. Desfacer o xénero presenta no Museo municipal “Quiñones de León” a obra fotográfica da norteamericana Alice Austen (1866-1952). Trátase dun conxunto documental que procede da Alice Austen House de Nova York e que, ademais do indubidábel interese desde o ámbito estético, fornece excelentes exemplos da situación da fotografía nas décadas finais do século XIX e presenta un relato das experiencias máis avanzadas das mulleres nesa mesma altura desde a perspectiva da superación dos roles de xénero.

Estamos perante un auténtico documento de vida que permite enxergar o mundo da autora, da familia e das amigas, coas que partillou afectividade e unha vontade innovadora que cuestionaba as imposicións sociais do seu tempo, nunha traxectoria vital que se desenvolveu na área de Nova York.

O discurso artístico de Alice Austen xorde da relación entre a experiencia vital e creativa e a condición feminina e incorpora á súa obra accións teatralizadas, hoxe diriamos performativas, que ironizan sobre as convencións sociais dos xéneros. As imaxes aluden constantemente a unha muller cuxa acción está condicionada pola ollada do outro mais nunca resignada. Este tipo de traballo, ligado aos movementos feministas de finais do XIX, parte de procesos analíticos e autorreflexivos, que entenden a actividade creativa vinculada a unha intensa dualidade, marcada pola tensión entre a experiencia vital e o seu contacto co contexto sociocultural, aspectos que inciden na escisión persoal como fonte de creatividade.

A exposición lémbranos que a utilización das artes plásticas como linguaxe ao servizo da intervención social conta cunha longa tradición na Historia da Arte. Na obra de Alice Austen os procesos de análise e creación ligados ao feminismo e á desmontaxe das estruturas patriarcais desenvólvense desde esta tradición, cunha vontade de transformar a vida, xogando o deporte un papel central nesta conquista da liberdade para corpos e mentes. De feito, Alice Austen creou coas súas amigas e a coa súa compañeira composicións de accións performativas que loitaban contra os estereotipos e as normas, presentando unha pautada retórica da representación, o que transmite unha intensidade especial ás fotografías e deixa en evidencia a sorpresa da propia imaxe.

Tanto nas súas series como nas fotografías realizadas para o libro Bicycling for Ladies -un manual de uso da bicicleta- revélase a posición vangardista da norteamericana fronte á sociedade en que lle tocou vivir. Neste sentido, a situación da muller e dos dereitos dos non heterosexuais conforman un pano de fondo e son factor fundamental e elemento iconográfico constante, aínda que non único.

Unha das fotografías que se poden ver na mostra.

Unha das fotografías que se poden ver na mostra. / Alice Austen

O efecto de conxunto, pola centralidade do corpo e a identidade feminina, provoca en primeiro termo a reflexión. A representación das mulleres preside a maioría das obras, con manifestas evidencias que serven para afondar no universo feminino e na alteridade como vizosa fonte de vida, de creación. Os silencios, os ocultamentos, as veladuras, que historicamente coutaron o mundo feminino e o homosexual, como materia e fonte de creación autorreferenciada, podémolos aquí percibir e seren cuestionados con toda claridade nunha artista que rebate os modelos sociais dominantes.

  • Título: Alice Austen. Desfacer o xénero.
  • Autora: Alice Austen
  • Local: Museo municipal “Quiñones de León"Parque de Castrelos, Vigo.
  • Até o 31 de marzo de 2024

Radicalidade de discurso

Alice Austen. Desfacer o xénero lémbranos que estes procesos analíticos e creativos, tan presentes na arte actual, foron obxecto de análise para moitas creadoras tamén no pasado, sendo abondosas as artistas que con toda claridade rebaten os modelos sociais dominantes. A finais do XIX e inicios do XX as novas olladas eran froito dunha sociedade en evolución intensísima e que tentaba romper barreiras e abrir físgoas de liberdade desde a radical posta en cuestión dos roles sociais e sexuais, seguindo fórmulas dunha enorme intensidade experiencial e conceptual.

Neste sentido, non debemos esquecer que a arte sempre ten un compoñente de pulsión e con temas como a identidade feminina este aspecto fica aínda moito máis resaltado, co corpo cunha importancia singular e coa sexualidade, máis ou menos explícita, como preocupación relevante, entendida desde toda a súa pluralidade, pero especialmente como fonte de reflexión sobre os diferentes roles sociais impostos.

Mais é sobre todo o que ten de cuestionamento, de radicalidade do discurso, o que caracteriza a obra de Alice Austen. A ollada sobre un tempo que non é tan distante do noso seméllanos, cando contemplamos a exposición, como precursora e dunha riqueza de suxestións moi considerábel. Vemos unha sociedade nunha evolución intensísima e unhas mulleres que tentan quebrar muros e crear espazos de liberdade desde a absoluta posta en cuestión dos roles sociais e sexuais, un proceso dunha forte intensidade que os documentos fotográficos transmiten por medio dunhas obras de enorme riqueza de matices.

Suscríbete para seguir leyendo