Libros recomendados da semana

Os libros

Os libros

Museos Menard

Iago Fernández

Un narrador de xénero indefinido e o seu ‘doppelgänger’ intercambian o libro que están a ler, ‘A mau dos paíños’, de Manuel Rivas. A novela consiste nas anotacións manuscritas que conteñen os libros emprestados, un total de 98 microcontos, ás que se lle engaden outras tantas glosas. Os microcontos inclúen xogos gráfico-texuais e reescritas paródicas, e as glosas, apuntes metatextuais, apelacións ao lector e os vimbios dun romance. Tomados en conxunto, os atributos temáticos e formais da novela evocan o retrato prototipo da literatura posmoderna e, en particular, da vertente metaficcional, un de cuxos principais expoñentes éLost in the fun house’ (1968), de John Barth.

Dende o punto de vista posmoderno, a novela non é, coma pretendía Stendhal, un espello interposto no medio dun camiño, senón un espello descuberto diante doutro. É dicir, que a única realidade que reflicte é a súa propia, a dos mecanismos textuais e as operacións retóricas. Esvaecido o vínculo co mundo, tende ao infantilismo e a autocompracencia, é dicir: ao ludismo e á ironía.

Xa que Eyré asume con semellante resolución uns postulados estéticos tan específicos, non está demais lembrar que se adhire a unha corrente literaria que xa pasou a mellor vida. Obviando as complexidades propias da categorización histórica, a literatura posmoderna propiamente dita xéstase entre a 2ª metade dos 50 e a 1ª metade dos 80 nos Estados Unidos da man de narradores coma o devandito Barth, Gaddis ou Pynchon. Logo da 1ª metade dos 80, a obra de Don Delillo excédea e a de Foster Wallace péchaa. Alongando a metáfora especular, os espellos pasan a se confrontar dende unha distancia moito maior, co cal, os reflexos recollen os marcos e os transfondos.

A novela de Eyré recorda tanto os contos de Barthelme e a paranoia metatextual de Barth, coma a “Pierre Menard, autor do Quixote”, o conto de Borges no que, a comezos do século XX, o tal Pierre Menard proponse a inverosímil tarefa de reescribir a novela de Cervantes.

Certamente, a literatura contemporánea dispón de autores que, malia o lastre da posmodernidade, posúen un dominio estético de seu, coma Mircea Cărtărescu ou, nas letras galegas, Chus Pato. A literatura contemporánea dispón mesmo de autores que, sen se apear o máis mínimo da fe posmoderna, coma George Saunders, triunfan sobor do seu propio anacronismo. Ningún destes casos é o de Eyré.

Do mesmo xeito que, historicamente, a posmodernidade concrétase coa caída da URSS, tamén se resente, segundo Félix Duque, co derrubamento das Torres Xemelgas. Ou as dúas estaredes mortas’, por moito que sexa unha aposta ousada e supoña un complexo reto de lectura, chega a destempo.

  • Ou as dúas estaredes mortas

    Xosé M. Eyré, Galaxia, 2023, Vigo, 19,50 euros

A esperanza da infancia

Pilar Ponte

Como reaccionariamos se estamos a gozar do sol nunha praia de Marín a finais de 2024 e aparece saíndo da auga cara á beira un espécime feito de texturas e membranas mariñas, co mesmo xeito de andar ca unha persoa e sen expresividade na súa cara inexistente? Para intentar resolver a pregunta, o autor de 'Os afogados', Pablo J. Rañales, xoga arreo con tres liñas de actuación: Por unha banda, a resposta científica, da man da bioinformática Ruth Perea; doutra, bélica e, por último, a resposta emocional personalizada na figura de Martín, un rapaz de nove anos.

Esta última é a vía que o autor quere facer triunfar, mais diferentes feitos van atrancar semellante resolución: unha morte (que converte a obra tamén nun thriller) e a violencia presente desde case o principio, o medo constante ao descoñecido, e o papel dos medios de comunicación e redes sociais como difusores do medo e do odio, personificados neste caso na figura de Lucía Rei, dificultarán que poidamos ver a ventá de esperanza que a novela quere deixar aberta.

A obra introduce novidades narrativas, emprega unha lingua natural, presenta un estilo depurado que consegue transmitir a historia con grande axilidade e trata temas xa vistos na literatura mais cun novo enfoque que a fai diferente e atractiva a partes iguais. O uso da linguaxe inclusiva é outra das características d’Os Afogados, mais neste caso ten sentido narrativo, pois a falta de xénero dos afogados, afogadas, afogades tiña que estar reflectido na linguaxe e o seu emprego encaixa coa historia.

A novela de Rañales, máis alá de nos entreter, preséntanos unha pregunta cada vez máis presente na sociedade deste tempo á que se intenta dar resposta ao longo da historia pero que debemos solucionar nós: como queremos relacionarnos co mundo natural para non rematar na distopía?

  • Os afogados

    Pablo J, Rañales, Galaxia, Vigo, 2021/20,09 euros

O valor da amizade

María Navarro

O valor da amizade revélase nun dos volumes máis tenros do norteamericano afincado en Alemaña, Eric Carle, como unha xoia capaz de superar por un lado os atrancos que a vida nos depara e, por outro, os que un mesmo atopa, porque o mundo é diferente se temos un compañeiro ao lado, se hai alguén que terma de nós nos bos e nos malos momentos.

A procura da amiga coa que xogaba e andaba sempre leva o protagonista a emprender unha auténtica aventura: salta ríos, rube montañas, atravesa noites, surca montes…ata que dá con ela e poden comezar a facer aquilo que tanto lles gustaba. O desexo fíxose realidade porque loitou e superou os obstáculos que o separaban do seu soño, por iso, o volume que Kalandraka Editora vén de publicar na colección Tras os montes e con tradución para o galego de Iago Nicolás, 'Amigos', convértese nun canto ao afecto incondicional, capaz de superar calquera dificultade calquera que sexa a súa natureza. É por iso, entón que o creador concibe o texto, e mais as ilustracións, con enunciados simples e sinxelos nos que se concede importancia á elipse e nos que agarda a implementación do lector e da lectora, atrevéndose con interxeccións que crean unha atmosfera onírica altamente suxerente e que a nivel plástico acompaña con trazos dunha firmeza extraordinaria, cun colorido rechamante que, sen definir exactamente a imaxe, lles permite aos destinatarios albiscar o grao de implicación do protagonista na procura incansable da súa amiga. Así, da mesma forma que á espontaneidade do trazo lle segue a palabra amable, a gradación do ton cromático suxire o estado de ánimo do aventureiro e, quizais, a certeza ou non de ter acadado a súa meta.

  • Amigos

    Eric Carle, Kalandraka, Pontevedra, 2023, 16 euros

Na rompente da estirpe

Oriana Méndez

“Son eu quen corre coas ovellas polas pradarías máis arcaicas do futuro”, pronuncia e maniféstase así, coa viveza dunha imaxe en movemento, a voz que nos fala en Sonora, o novo libro da poeta, ourensá e internacional, Chus Pato, publicado en Edicións Xerais. Axiña, na primeira onda do libro, entre extraordinarias visións que transforman calquera lei da poesía ou da vida, o poema desvela o seu froito esencial, o seu sentido: “sonora / a morte”. Desvélase, dise a si mesmo, na primeira de nove ondas ou partes que estruturan o loito nun libro que foi concibido e escrito tras o pasamento da nai da autora e que vemos dedicado ás súas propias fillas.

Volve, pois, unha vez máis a morte aguilloar o poema. A morte aviva o pensamento e activa a voz poética porque quizais non haxa outra voz que a do poema para dicir o insólito. Sonora racha cos límites entre a linguaxe e a animalidade, desbórdaos; tamén entre a natureza e o humano, especialmente visible nas ondas sétima -“A miña cantiga chámase fronteira”, longo poema, quizais, xeolingüístico en que o único suxeito é o universo- e oitava -“Ánima”, unha declaración, un manifesto ecopolítico ou ecopoético-.

Ao noso ver, cómpre ter presente que, se 'Sonora' transita o espazo extraordinario da orfandade, desenvólvese, simultaneamente e de xeito case complementario, como libro do nacer. Nace unha nova rompente da estirpe: “madre/abandónasnos/a morte e mais eu desexamos vivir/eu son o remate da morte/ela é o meu final”. A autora, pois, deixa paso ao dicir do poema para que este desenvolva a sonoridade da morte, a sonoridade da montaña e, con especial fondura, a sonoridade da filla que xa é nai (lembremos a dedicatoria do libro). A filla ergue, pois, a súa voz sobre o territorio da orfandade, sitúase xa á cabeza -un corpo materno ocupa o lugar do corpo materno desaparecido- e xa é a crista da súa liñaxe. Dío claro na novena onda: “cando o corpo rompe/cando o granito rompe/cando xa nada pode consolarnos/nacemos”.

  • Sonora

    Chus Pato, Xerais, Vigo, 2023, 12,50 euros

Suscríbete para seguir leyendo