Ballets de noso

Bal y Gay, cen anos despois

Bal y Gay, camiño de México nun barco.

Bal y Gay, camiño de México nun barco. / FdV

Manuel F. Vieites

En 1924 publicábase en Lugo un opúsculo asinado por Jesús Bal y Gay que levaba por título Hacia el ballet gallego, nunha editorial de nome Ronsel, que tamén vai ser a denominación elixida para a cabeceira dunha revista de cultura, arte e literatura que se presenta naquela cidade no mesmo ano, cun equipo de redacción no que figuran persoas vinculadas coa renovación artística e a vangarda. Entre elas, Manuel Antonio, Álvaro Cebreiro, Luís Pimentel ou Cándido Fernández Mazas. Naquel ano de 1924 apareceron os seis únicos números editados.

Ben que o autor sinale no adral do texto que o ballet é o límite do seu ensaio, acaba sendo unha reflexión sobre as artes escénicas e a música, sendo el naquela altura un mozo de dezanove anos que xa iniciara estudos musicais, ámbito no que vai desenvolver una carreira moi notable, parte dela no exilio, en México. A curta idade do autor non empece a súa capacidade de observación e análise da realidade cultural de Galicia, mostrando un notable coñecemento do que acontecía en España ou Europa. No adral, utilizando o exemplo dun neno que ve como a auga non corre por un conxunto de canais que acaba de facer na area e que debe arrincar a pedra que atoaba a corrente para que a auga flúa, mostra a idea central do volume, ao sinalar que a renovación do ballet galego requiría a liberación das súas potencialidades, para que a súa riqueza e beleza abrollasen con forza e dinamismo. Tamén dirá que o motivo que provoca o seu discurso é a situación dos “coros galegos”, que naquel momento ofrecían recitais de música e canto popular e presentaban veladas dramáticas, en ocasións en programas mixtos. Así o facían Toxos e Flores, Cántigas da Terra ou Coral de Ruada.

En pouco máis de dez páxinas fai unha análise breve dalgunhas manifestacións populares en que música, canto, baile, e actividades cotiás ou festeiras se conxugan, buscando comparanzas noutras terras (“quizais Rusia”, escribe), e nela recolle os nomes de Aleksandr Borodin ou Modest Músorgski. O seu reconto ten unha clara dimensión dramática, pois vai debullando os cursos de acción que levan da actividade á festa, como acontecía na malla, no ir e vir dos arrieiros, ou na vendima, aplicando ao conxunto unha mirada interpretativa que mestura ideas filosóficas, antropolóxicas, económicas e sociolóxicas, por veces con certos tópicos naquela altura moi estendidos. Un mundo dinámico que, na súa opinión, deberían recrear os coros nos espectáculos, dándolle unha “veste artística e universal”, lamentando a súa deriva costumista. E non dubida en sinalar algunhas causas, como a falta de educación musical e de profesionais de canto e baile, ou a ausencia dunha proposta de recuperación e posta en valor da tradición na súas verdadeiras esencias.

Non esquece analizar as pautas coas que os coros escenificaban as súas veladas e actos, ou os principios desde os que deseñaban e construían os seus repertorios, sen deixar en ningún momento de recoñecer a nobreza de tal empeño, por moito que o considere errado, ou de valorar o rol dun público que, segundo el afirma, se contentaba con moi pouco. Tal xuízo provocaría numerosas polémicas na prensa da época.

Concibe o espectáculo como un todo orgánico, integral, e cunha forte dimensión plástica, na que deben contribuír escenografía e iluminación, e cunha non menos importante dimensión literaria, na necesaria construción da acción e na dramaturxia do mesmo. E buscando exemplos externos nos Ballets Rusos e nos Ballets Suecos, propón que as artes escénicas galegas asuman os supostos do que naquela altura se coñecía como teatros “de arte”, abeirados ao simbolismo e a unha profunda estilización da creación escénica. Bastantes anos despois José Manuel Rey de Viana trasladou algunhas desas ideas á súa compañía, con resultados notables, e outras compañías máis actuais semellan seguir esa mesma senda, para regalía de todas e todos.

A día de hoxe

Os centenarios de pouco serven cando a súa finalidade última non pasa da festa ou da propaganda. Deberían estar orientados a recuperar, conservar e proxectar o patrimonio, de forma permanente, para mellorar o presente a partir do coñecemento do pasado. Desde hai uns anos a Fundación Jesús Bal y Gay vén artellando na Mariña lucense un programa con tal obxectivo, e con motivo do aniversario do seu nacemento en 2005 desde a Residencia de Estudantes e outras institucións organizouse una exposición moi notable sobre a súa vida e obra, coordinada polo profesor Carlos Villanueva. Mesmo así, Bal y Gay segue sendo unha figura descoñecida, malia que achegas súas poderían resultar moi suxestivas e iluminadoras cando volven con pulo renovado tendencias globais de vulgarización, banalización e mercantilización da creación artística, e máis aínda da tradición. A lectura deste texto que comentamos, podería ser, cen anos despois, causa de reflexión fronte á recuperación dunha sorte de post-costumismo que nos presenta como badocos ridículos. O centenario da publicación dun texto tan relevante debería ser ocasión para un debate construtivo no que imaxinar e artellar futuros, lonxe dun xambolismo afoutado e sen complexos que todo engule.

Suscríbete para seguir leyendo