Italia, Garibaldi, Rosalía

Memoria de Serafín Avendaño

"Paisaje (fondo marina)". Paisaxe da costa de Liguria, (1907, Museo del Prado).

"Paisaje (fondo marina)". Paisaxe da costa de Liguria, (1907, Museo del Prado). / Arquivo

Na presentación de Pinceladas do esquecemento. Elina Molins e Blanca Chao (Pinacoteca Fdez. del Riego), o comisario da mostra, José Luís Mateo, reivindicou a Serafín Avendaño. Unha minúscula táboa, presente na sala, certifica a calidade dun vigués de proxección internacional. Choveu desque Vigo acolleu unha expo arredor súa.

A rúa co seu nome é unha perpendicular que, de García Barbón ao Areal, atravesa Rosalía de Castro. Rosalía e Avendaño, unidos no cruce de rotonda luminosidade. A escolla para Serafín explícase pola proximidade á desaparecida finca da Barxa. Un lugar de encontro para os nacionalistas da República, retratados na escalinata cun Castelao caxato en man arrodeado de Cabanillas ou Paz Andrade. Hoxe alí érguense dúas torres.

Os Avendaño instaláronse no progresismo, en sintonía cos Chao. Pero nesta urbe na cal desbotamos, coma cascallos ciscados no monte, a enciclopédica mente e mais a acción política de Eduardo Chao (benfeitor de Vigo, moi por riba dun García Barbón ou Elduayen), devén normal que xuntemos nesa borralla montañesa os Avendaño. Cómpre corrixir esta desmemoria para ser xustos con quen tanto fixeron por nós.

O pai, Joaquín Avendaño, salvou os pícaros cansos de turradelas de lapotes con reverso. O seu Curso elemental de pedagogía (1850) desterraba aqueloutros métodos de “la letra con sangre entra”. Tras instalarse en Madrid, os Avendaño abrían as portas aos galegos, como Murguía e Rosalía. E desa quinta eran os fillos de Joaquín: Teodomiro, Serafín e Elina. No álbum poético dedicado á rapaza, escribiu Murguía o seu único poema en galego: “Nena das soidades” (1854).

Pero a camaradaxe armouna cos rapaces, constituíndo o Comité Borrasca, autotítulo produto das caralladas de vida bohemia embrullada nos fumes de xaruto e sabores do hipocrás. Murguía desatendía os estudos de Farmacia entregádonse á voráxime literaria e política.

Serafín de Avendaño (1837-1916).

Serafín de Avendaño (1837-1916). / Arquivo

A relación dos Murguía de Castro cos Avendaño defínese como íntima. A senda do tempo levounos por carreiros distintos, lonxanos, pero comunicados. Serafín esbourou como un pintor excepcional nos circuítos pictóricos de Europa. Nel ecoa o pouso rexurdimentista ao dotar de dignidade os elementos populares da cultura galega. Velaí a pegada de Murguía. Serafín asentou na nova Italia unificada grazas á vitoria de Garibaldi, e cabo del galegos coma Leonardo Sánchez Deus ou Eduardo Ruiz Pons (tan próximo a Rosalía) en postos de dirixentes revolucionarios. Rondou logo polos círculos burgueses do norte italiano. Verdi, o coñecidísimo compositor, encargoulle obras mentres se amigaban en Villa Verdi. Visitou máis salóns aristocráticos. Nun deles, o pintor tomou un poema das Follas novas de Rosalía. Leuno en galego ante o requintado público. Gustou. Tanto que decidiron traducilo. Eis o primeiro poema de Rosalía en italiano, como acreditan os investigadores Marco Paone e Giulia Luci (Universitá di Perugia).

Á morte de Rosalía chega á casa da Matanza La Ressegna Nazionale. Este xornal fundárono en Florencia (1879) Manfredo da Passano e Paris Maria Salvago, quen asina a reseña de En las orillas del Sar. O trato de Serafín con Salvago débese á relación do pintor con Nina Salvago, alumna súa e marquesa separada. Avendaño asistía ás veladas nas salas aristocráticas desta muller en condición, seica, de amante e amigo. Para o caso, tanto nos ten pois importa saber como un poema en galego de Rosalía foi traducido ao italiano en tales refinados ambientes.

Un artigo apenas nos permite adiantar estes datos pero o asunto trae cola. Canto oportuno sería unha expo dedicada a Serafín Avendaño para coñecelo, estudalo e reivindicalo cando en Italia aparece en museos de Turín ou Milán cun nome italianizado: Serafino de Avendano! Non sería unha boa continuación á expo de Blanca e Elina, membros da estirpe Chao tan ligada aos Avendaño e todos á vez conformando unha rede de amizade e fraternidade cos Murguía de Castro?

Oxalá haxa luz sobre Avendaño como cómpre haxa sobre Urbano Lugrís, de memoria moribunda. Ambos precisan de cadansúa expo polo ben de Vigo e da conciencia do pobo galego.

Suscríbete para seguir leyendo