Entrevista | Carlos Enrique Pérez Músico e musicólogo

“A Casa Teatro marcou, en 1832, o inicio da escena lírica en Vigo”

Carlos Enrique Pérez.

Carlos Enrique Pérez. / Eli Regueira

Catedrático de Repertorio Vocal con Piano e doutor en Musicoloxía pola Universidade Complutense de Madrid, Carlos Enrique Pérez é o autor de Melodías e voces esquecidas. Un século de escena lírica en Vigo (1832-1931), volume que vén de saír do prelo, publicado pola editorial Galaxia.

–Como chegan a ópera e mais o teatro lírico a Vigo?

–A dinamización cultural foi un piar fundamental dentro da radical transformación urbana e social do Vigo decimonónico, e os espectáculos líricos tiveron un rol destacado neste proceso. A construción da Casa Teatro Calderón e do Gran Teatro Circo Tamberlick, primeiros recintos teatrais da cidade, propiciaron a inclusión de Vigo nas xiras das principais compañías líricas daquel momento e, en consecuencia, a realización de diferentes tempadas.

–En que recintos se fixeron as primeiras representacións?

–A comezos do XIX, Vigo contaba cunha pequena Casa de Comedias na rúa Oliva onde se representaban modestos espectáculos integrados por sainetes breves e tonadillas, pero as primeiras tempadas teatrais e líricas de consideración tiveron lugar na Casa Teatro situada na praza da Alhóndiga (hoxe praza da Princesa). Sabemos que a sala estivo activa desde a súa apertura en 1832 aínda que carecemos de datos concretos respecto a obras e compañías ata mediados de século. Xa en 1851 escenifícanse zarzuelas de pequeno formato como El tio Caniyitas de Mariano Soriano ou El duende de Rafael Hernando e en 1856 óperas como Ernani de Verdi.

–Quen foron as primeiras grandes figuras da lírica que actuaron en Vigo?

–En 1881 causaron sensación a soprano Emma Romeldi e a mezzo Ebe Trèves que formaban parte da compañía de ópera de Miguel Cepillo. O famoso tenor Enrico Tamberlick non só foi intérprete destacado nas dúas primeiras tempadas do Circo Teatro en 1882 e 1883, senón que deu nome ao máis importante coliseo deste século de historia lírica da cidade tratado no libro. Acompañárono dúas sopranos de prestixio internacional como Gemma Bellincioni ou Ella Russell. Posteriormente, a lista é extensa. Neste 2024, no que se festexa o centenario da morte de Puccini, non podemos esquecer o tenor aragonés Miguel Fleta, intérprete da estrea de Turandot en Milán, que visitou a nosa cidade ata en tres ocasións.

–O libro, tal como se sinala no subtítulo, abarca un século de escena lírica en Vigo. Por que elixiu este período de tempo? E, concretamente, por que comeza en 1832 e remata en 1931 (ano no que, por certo, se proclamou a Segunda República)?

–O punto de partida do percorrido lírico vigués vén marcado pola inauguración en 1832 da mencionada Casa Teatro de Norberto Velázquez Moreno, primeiro coliseo público de entidade do que dispuxo a cidade. Tomando esa data referencial o libro analiza todo o século de maior actividade escénica da cidade olívica ata a chegada do cinema sonoro en 1930, feito que marcará un antes e un despois para os espectáculos escénicos. A intermitencia das tempadas líricas en Vigo xa será patente na Segunda República e agudizarase definitivamente co estoupido da Guerra Civil.

–Non quixera saírme dese período de tempo que abarca no libro pero, por se acaso igual prepara unha segunda parte, non podo evitar preguntarlle: que pasou coas representacións líricas en Vigo durante a Segunda República e o franquismo?

–Aínda que o cinema pasou a ocupar un lugar preferente nas carteleiras das diferentes salas, Vigo gozou nos anos posteriores á guerra de tempadas de ópera e zarzuela de considerábel interese. En 1947 e 1948 puidéronse escoitar algunhas das figuras máis relevantes do panorama internacional como Giuseppe di Stefano, Victoria de los Ángeles, Giacinto Prandelli ou Mario del Monaco. Xa nas décadas dos 60 e 70, os festivais de Amigos da Ópera de Vigo tiveron unha calidade vocal extraordinaria con cantantes como Kraus, Caballé, Cappuccilli e un longo etcétera.

"O Outono Lírico organizado pola Asociación Olívica de Amigos da Ópera acadou un fantástico nivel"

–Tamén me resulta inevitable preguntarlle pola “rivalidade” entre Vigo e A Coruña por seren a día de hoxe “a capital da lírica en Galicia”. A cal das dúas cidades lle adxudicaría Vde. esa “capitalidade”, tanto en termos históricos como os que se refiren a hoxe mesmo?

–Non me gusta demasiado falar de capitalidade lírica galega en termos absolutos. É certo que a tradición lírica da cidade herculina se remonta a 1768, e a comezos do XIX era un dos centros mais destacados a nivel nacional. A incorporación de Vigo ao panorama lírico é máis serodia, pero non por iso menos importante, e vai ligada á acelerada e extraordinaria transformación urbana e económica da cidade neste período. A oferta cultural depende inevitablemente das axudas públicas. Na actualidade, o Festival de Ópera da Coruña recibe, practicamente, dez veces máis diñeiro en subvencións que o vigués. A pesar diso, o Outono Lírico organizado pola Asociación Olívica de Amigos da Ópera acadou un fantástico nivel que permite aos afeccionados belcantistas escoitar as máis destacadas figuras do panorama lírico nacional.

–Se os novos que desexen dedicarse profesionlmente á música clásica en xeral cáseque non teñen máis remedio que emigrar, para os que queiran dedicarse ao xénero lírico supoño que lles sucederá o mesmo, pero ao mellor multiplicado por dez. Sucede así?

–As saídas profesionais son complicadas en case todos os ámbitos, e o lírico non é unha excepción. A competencia é dura e cada vez máis globalizada. Con todo, España sempre presumiu dunha destacada tradición cantora. Seguimos a contar con prometedores talentos e, ademais, a pedagoxía musical no noso país evolucionou considerablemente nas últimas décadas, polo que as novas xeracións de cantantes líricos poden presumir en xeral dunha mellor e máis adoitada formación.

–Vde. foi profesor en varios conservatorios de Galicia. A día de hoxe, aumenta ou disminúe o alumnado de músicos mozos con respecto a outras épocas?

–O descenso de natalidade é un feito ao que o sistema educativo, en xeral, ha de enfrontarse. Con todo, nos últimos anos obsérvase, por unha banda, un maior interese pola formación musical entre os mozos e, por outro, a chegada de numerosos estudantes doutros países mediante programas como Erasmus.

–Aínda segue estando vixente aquilo de que os grandes concertos da música clásica teñen un público maioritariamente de clase alta ou algo vai cambiando nos últimos tempos?

–Xa hai moitos anos que iso é un tópico. Hoxe en día nas salas de ópera e de concerto vense máis pantalóns vaqueiros que traxes. Tamén a idade e mais a condición social do público son cada vez máis heteroxénea.d As plataformas dixitais, ademais, puxeron ao alcance de calquera este tipo de contidos. O que fai falta é, precisamente, romper con estes clichés desfasados e achegarse á ópera, a opereta ou a zarzuela sen prexuízos.

Suscríbete para seguir leyendo