Abrindo portas

O fútbol feminino en Galicia

Formación do Celta-Mayador en Balaídos (1984)

Formación do Celta-Mayador en Balaídos (1984) / Magar

Judith R. Iglesias

Non foi -non é- fácil.Xa o dixo Vero Boquete nunha entrevista co xornalista e historiador Héctor Pena para o seu libro Historia do fútbol feminino en Galicia (Galaxia, 2023): “Oxalá un día non teñamos que derribar máis portas porque xa estean todas abertas”. A historia do fútbol feminino vén marcada polos vaivéns sociais e as premisas que, durante tanto tempo, estandarizaron o que significaba ser muller. No mesmo libro, o seu autor lembra que nos 70 unha marca de brandy tiña por slogan: “O fútbol é cousa de homes”.

Aquel non era máis que un novo intento por afastalas dun deporte que comezara a formalizarse na Inglaterra de 1863. Porén, entre recortes de xornais e entrevistas podemos achegarnos a un contexto moito máis amplo. Agora que a selección española chegou de Australia co Mundial na súa man, é difícil figurarse un punto de inflexión na Primeira Guerra Mundial. “Naquel momento, os homes marcharon ás frontes de batalla e as mulleres foron ás fábricas ocuparen os postos de traballo que deixaran na retagarda”, comenta Pena, “Así, déronlle pé ao fútbol feminino como un espectáculo substitutivo”. Estas mulleres foron coñecidas popularmente como as Munitionettes e deron cabida a importantes equipos de Inglaterra como o Dick, Kerr Ladies F.C., xurdido pouco despois do Spanish Girl’s Club. Con todo, “cando rematou ua guerra, os homes regresaron e todos estes avances bloqueáronse”.

En España, a gran pioneira foi a coruñesa Irene González (1909 – 1928), quen xogou como gardameta na década dos 20 ata a súa morte por tuberculose cando só tiña dezanove anos. Nese breve espazo, fundou o seu propio equipo: o Irene F. C., para competir de igual a igual nas ligas masculinas, desafiando todos os convencionalismos. “Sabemos o que alborotaba Luis Suárez (1935 – 2023) en Monte Alto cando empezaba a dar patadas a farrapos de trapo, pero non o segundo apelido de Irene, como empezou a xogar ou as dificultades que tivo que superar”, reflexiona Pena. Así é todo, este 2023 festexouse a I Copa Irene González Basanta, o primeiro torneo internacional en categoría xuvenil feminina organizado en España.

A través do libro achegámonos a unha historia tecida entre claroscuros que cobra vida nas conversas con algunhas das súas protagonistas, como a centrocampista da A.F.C. Florentina e ex capitana da selección, Vero Boquete (1987): “Eu aproveiteime das portas que abriron outras mulleres antes ca min; e abrín algunhas novas para as que viñeron despois”, reflexiona na súa entrevista con Pena. “Cando nos anos 70, viron que a erradicación total vía normativa non era posíbel, pasaron a unha nova estratexia: a da ridiculización”, comenta o autor. As vestimentas e os peiteados convertéronse en obxecto de burla e o xogo, nun espectáculo. Porén, a piques estaban de entrar na que sería unha época dourada para o fútbol feminino, co xurdimento da selección feminina do Celta-Mayador e a forza imparábel do Karbo Deportivo coruñés na década dos 80’s. Gañador de tres campionatos de España, cinco Ligas Galegas e unha Copa da Federación Galega de Fútbol, entre 1982 e 1987, este último está considerado o mellor equipo galego do momento; “un supergrupo coa rebeldía de Ilegales, o ritmo de Radio Futura, o estilo de Tino Casal e o brillo de Alaska”, como o describe Pena. No equipo ficharon grandes protagonistas do deporte galego, como a súa histórica dianteira, Lis Franco (1965) que, asemade, formou parte da primeira selección española oficial de fútbol feminino, estreada na Guarda en 1983. Corenta anos despois, a selección española gaña o Mundial, capitaneada por Irene Paredes, Jennifer Hermoso e Alexia Putellas, a segunda persoa española en gañar o Balón de Ouro, despois de Luis Suárez en 1960.

O fútbol feminino ten testemuño ao longo da historia a través de diversas manifestacións culturais, como as ilustracións chinesas (s. XV) que amosan grupos de mulleres xogando ao cuju, xogo da pelota de tradición milenaria da Antiga China. “Estas referencias contradín a postura que afirma que o fútbol feminino é unha cousa de hoxe, cando a verdade é que vén de milenios atrás”. Na actualidade, continúa crecendo con grandes xogadoras como a pontevedresa Tere Abelleira dentro da selección e creando novos camiños e oportunidades para as que virán despois.

[object Object]

“Esta é a historia de Irene González, a dunha pioneira do fútbol”, comenta H. Pena. Logo da súa morte, quedou un ronsel de influencias que chegaría ata os nosos días e unha nova bandada de rapazas que de súpeto dirían: “mamá, eu quero ser futbolista”. Naquel contexto, fíxose popular un cántico na cidade que proseguía: “para xogar como Irene que xoga moi ben”.

Cómpre lembrar que o palmarés galego dos Xogos Olímpicos inaugurouse en Amberes en 1920; pero a primeira muller galega en participar non chegou ata 1984, coa ximnasta rítmica Marta Bobo; a primeira española en gañar unha medalla sería a esquiadora Blanca Fernández Ochoa en 1992; e a primeira medalla feminina galega recibiríamoola no 2012 da man de Sofía Toro e Támara Echegoyen na modalidade do Match Race-Elliott 6 de vela, coa que gañaron a medalla de ouro. Un ano despois, instaurouse a modalidade feminina do Trofeo Teresa Herrera de fútbol na Coruña, tras 67 anos de existencia na súa competición masculina. Con todo, estas últimas décadas parecen dar un salto exponencial no deporte feminino, que case fan esquecer a quen se descoide que algunha vez o marketing tentara insinuar que o fútbol era cousa de homes. Aínda queda moito por percorrer, e iso que a selección española de fútbol feminino acaba de gañar o Mundial.

Abrindo portas

Vero Boquete / Magar

Abrindo portas

Irene González / FdV

Suscríbete para seguir leyendo