Escena

Maruxa Villanueva na Barrela

Teatro en galego nos inicios dos anos 50

Maruxa Villanueva  (1906-1998) nas dependencias da Casa Museo Rosalía de Castro.

Maruxa Villanueva (1906-1998) nas dependencias da Casa Museo Rosalía de Castro. / Anxo González Guerra

Anxo González Guerra

Cando en 1949 Maruxa Villanueva volveu á Barrela, xa era moi coñecida na Arxentina como cantante e como actriz. Mais quen chegou a Carballedo foi Isaura Vázquez Blanco, o seu nome verdadeiro. E alí a Isaura-Maruxa axiña xuntou un grupo de mozas e mozos, uns trinta segundo conta Manolo González aos seus 92 anos, e con elas e eles formou un grupo de teatro. Púxoos a ensaiar nun garaxe unha obra de Manuel Varela Buxán, Se o sei... non volvo á casa, obra na que ela xa cantara e fixera un papel en Bos Aires, e ás veces viña o propio autor botar un ollo e dar indicacións. Si, na Barrela dos primeiros anos cincuenta facíase teatro en galego. Engade o Manolo que o proxecto debeu durar uns tres anos e triunfou, vaia se triunfou. Actuaron polo menos en Chantada e en Ourense onde o éxito foi total. O teatro estaba acugulado de xente e os aplausos duraron moito tempo. Había persoas ás que lles caían as bágoas, di todo fachendoso. O tema axudaba: un emigrante pobre que marcha á Arxentina para fuxir de ir á guerra de África e volve á casa máis pobre. O pai borracho, un casamento interesado e trazos de humor, como o zoqueiro que fai os dous zocos do mesmo pé. A acción desenvolvíase a maioría nunha cociña de lareira. O Manolo, primeiro actor, ata tiña que facer os cigarros usando unha navalla coma antigamente. El facía o papel de Caramés, o pai, o de Xoana facíao unha moza de Lousada de Abaixo. A Maruxa non actuaba pero cantaba nos entreactos e o público poñíase en pé porque tiña unha voz engaiolante. Antes de empezar, todo o elenco nun corro cantaba unha canción: “Aquí vimos Os Labregos, artistas por vocación, temos calliños nos dedos, rosiñas no corazón.” Así que non cobraban nada pero poñíanlle toda a ilusión.

O grupo de teatro foi esmorecendo en 1952 principalmente pola marcha dos actores, xente moza que tiña outras angueiras. O principal, o Manolo, marchou ao servizo militar forzado en África, o mesmo que o Fernando do señor Constante, o apuntador.

Algún dos actores e actrices de Os Labregos xa participara, sendo neno, en 1934 na excursión de noventa escolares que Francisco Domínguez Mosquera, Pancho da Barrela, organizou para coñecer Galicia e que empezou cun banquete na Barrela no que participaron Otero Pedrayo, Ramón Suárez Picallo e Alexandre Bóveda. E de certo que algún máis presenciara tamén o mitin da Barrela o 21 de xuño de 1936 a favor de Estatuto de Galicia, coa participación de Xosé Ramón Fernández Oxea, Servando Gómez Aller de la Vallina, Ánxel Fole e o Pancho da Barrela, Francisco Domínguez.

En 1958 a Isaura-Maruxa volveu á Arxentina ata 1962 en que regresou definitivamente a Galicia e acabou como coidadora da Casa de Rosalía de Castro. Hoxe na Barrela hai unha rúa Maruxa Villanueva e cada vez vai quedando menos xente que lembre aquela famosa obra de teatro da Isaura e da mocidade que tanto éxito tivo. Tamén se esqueceu a figura do indiano Pancho da Barrela ata que en 2022 a asociación O Garabullo organizou uns actos para recuperar a súa memoria con palestras de Uxío-Breogán Diéguez, Moncho Hermida e Frank Domínguez, o neto do homenaxeado que veu coa familia desde os EE UU. O Manolo González-Manolo do señor Antonio-Manolo do café-Manolo dos Correos alí estaba na primeira fila e contounos de cando estivera na obra de teatro coa Isaura-Maruxa, nada menos que de primeiro actor. Memoria da memoria na Barrela onde, por certo, Francisco Domínguez Mosquera tamén debería ter unha rúa coma a Maruxa Villanueva e o Buciños.

[object Object]

Maruxa Villanueva (María Isaura Vázquez Blanco) volveu da Arxentina á súa Barrela natal en 1949, adiantándose un ano ao marido, Manuel Daniel Varela Buxán. E na Barrela fixo teatro e tamén cantou, que era dunha familia cunha voz extraordinaria. O seu irmán Arturo chegara a cantar ópera nun teatro cubano e nos anos cincuenta ensaiaba arias agarrado á rabiza do arado mentres as vacas ían ao seu aire. A súa irmá Carmiña abría a fiestra para facer a limpeza e cantaba tan ben que a xente seica paraba engaiolada na estrada Lugo-Ourense. O pai deles fixera a primeira casa da Barrela, agora capital do municipio. Canto lle debe A Barrela (Carballedo-Lugo) a esta familia! Doutros Vázquez da Barrela é a actriz María Vázquez, a de Matria. Terra de artistas esta do sur de Lugo, que tamén o é do escultor Manuel Buciños e do pintor Randolfe Vilariño.

Neses anos cincuenta Maruxa Villanueva conseguiu xuntar un fato de mozos e mozas para facer teatro en galego, a pesar dos atrancos foi todo un éxito, cheo absoluto nos teatros de Ourense e Chantada. Aínda que para algúns a peza acabou mal, o actor principal e o apuntador foron denunciados por estaren con prórroga do servizo militar (denunciados por envexas, polos requisitos da prórroga, non por seren actores) e enviados a un batallón de castigo en África, menos mal que xa desde o primeiro momento os mandaron ás oficinas, que eran boa xente, non só bos actores.

Memoria de xentes da cultura galega no rural.

Suscríbete para seguir leyendo