Desde o lugar do trío Caldo

Coas tradicións máis luminosas

Os membros do trío Caldo

Os membros do trío Caldo / Aitana Cuétara

V. Neira

Dende as raíces de Vigo traemos hoxe o novo traballo discográfico dunha das propostas máis singulares e luminosas da nosa escena musical: trátase do trío Caldo, composto por María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandeireta) e Pedro Fariñas (guitarra e gaita), que acaba de presentar o seu novo traballo discográfico baixo o título de Lugar A Ponte, cunha sorte de dez cortes cos que nos levan de viaxe por carreiros nos que a tradición máis clara, e menos artificial, reforza a cada compás a idea de que, decote, o máis contemporáneo e o máis evocador se vén agochar case sempre na parte máis orgánica da música.

Canto se agradece en tempos de códigos binarios, de ceros e uns, de intelixencias artificiais e de sons sacados en máquinas en prol desa post-modernidade que todo o parece gobernar, unha proposta na que todo o que un escoita, sabe e recoñece perfectamente de que instrumento sae. Caldo tocan cancións magnificamente arranxadas, executadas cunha sensibilidade e cunha humanidade que, a pouco que te deixes invadir, has de preso do proxecto. Sen dúbida que toda a fortaleza do trío está nun directo no que a conexión axiña e mais o imán dos tres músicos abofé que reforza toda esa parte emocional que levan enriba coma un traxe á medida que lles senta tan ben, e tan natural, que automaticamente che fan descansar a mirada sobre eles.

Mais neste seu segundo traballo, gravado e producido polo propio grupo man a man con Alberto Cernadas, a paleta de cores e mais o coidado exquisito de cada detalle métennos irremediablemente nunha sensación acústica de texturas entre a tradición máis evidente, e recoñecible, e ese contexto contemporáneo que cruza o traballo coma vento fresco que sopra na cara. Son atmosferas creadas dende o oficio da música e dende esa parte da artesanía na que a madeira, o coiro e mais as cordas foxen do evidente pero sen esqueceren nunca de onde veñen. Os tres empastan e zumegan química, camiñando cancións nas que o aire, o tempo e o acougo de quen sabe o que o fai se deixas ver de perto.

E nas letras, que tamén as hai, a cousa vai tamén de lírica propia, de reflexos da nosa tradición oral e de palabras que falan da vida, dos sentimentos máis comúns e persoais, dos amores e desamores, das nosas relacións cos que nos rodean e, á fin, de todo iso que pasa cando un vive.

Rematamos a escoita do disco con esa sensación de que pasou demasiado rápido e que haberá que darlle outra volta mentres rematamos esta nota. Mentres, fóra, o sol dinos que xa estamos nun verán no que a ben seguro teremos ocasións de velos en directo e comprobar que outra vez a nosa escena musical é un vizoso viveiro de músicas e propostas tan sobresaíntes como a que hoxe vos achegamos. Falamos de diversidade e xeitos actuais de entender a nosa tradición fóra das modas mais evidentes. Lugar A Ponte tamén é modernidade e tamén e un porto máis aló no que amarrar a nosa tradición. É obvio que nos encantou o disco , escoitádeo e de certo que, ademais do goce, estaredes totalmente de acordo cun servidor.

Resurrection

 Estivemos en Viveiro outro ano máis mirando como as tribos metaleiras se congregaban arredor do seu santuario maior. O Resurrection Fest faciase maior de idade neste 2023, dezaoito anos aló da primeira edición na que o soño duns rapaces da vila de levaren ao seu pequeno festival algunha banda daquelas que tanto lles prestaban, comezaba a coller forma.

Os membros do trío Caldo. Abaixo: público asistente ao Resurrection  Fest (2023).  |  FOTOS: AITANA CUÉTARA YÁÑEZ  / ARQUIVO

Público asistente ao Resurrection Fest (2023). / Arquivo

O caso é que o milagre semella non deixar de medrar e este ano calcularon as cifras de impacto económico do Resu na localidade da Mariña: arredor de 17,5 millóns de euros, case nada! Falamos dun dos festivais con máis público a nivel estatal e un dos máis emblemáticos, coñecidos e respectados a nivel internacional no eido do rock, do metal, do hardcore e do punk, e xa cun historial de cartaces nos que puxeron o seu nome moitas das formacións máis históricas e relevantes do mundo enteiro.

E ben é certo que xa dende aquí temos falado abondo do importante que é apoiar os fetivais pequenos, como público, por suposto, e tamén dende as administracións, para exemplo este botón, un apoio que se se fai ben e dende a base pode rematar en feitos tan extraordinarios coma este. En momentos de críticas ao que significan os macrofestivais, polo que moitas veces significan ecanto ao descoidado dos cartaces, do son e incluso do desleixo dun público que vai máis a sacar a foto que a gozar das propostas musicais, hai que decir que no Resu iso xamais acontece. Público fiel, respectuoso e ávido de coñecer esoutras bandas da letra pequena que naqueles escenarios xogan case coas mesmas vantaxes que as grandes. A crítica que lle facemos é que faltan máis grupos do país, que este ano nada máis tocaron cinco e que o Resu tamén debería de ser, ao cabo, un dos máis grandes escaparates da nosa música neste xénero como o gran festival que é.

Suscríbete para seguir leyendo