“As consecuencias da Guerra Civil aínda perduran”

En Vémonos mañá (Xerais), Xosé Monteagudo (Moraña, 1965) constrúe un relato no que se mesturan o magnetismo dunha ficción trepidante e o asombro dunha historia real nun marco que parte da guerra e da posguerra civil españolas.

O escritor morañés Xosé Monteagudo

O escritor morañés Xosé Monteagudo / Cedida

 –Hai unha parte do proceso previo á escrita dunha novela, que é o de escoller a temática e determinar quen van ser os seus personaxes protagonistas. Neste caso, a resposta xa a atopamos na cuberta do libro, coas fotos de Bibiano Fernández Osorio Tafall e mais a súa parella, Josefina Arruti. Por que decidiu escribir sobre eles?

 –A súa historia é unha das máis incribles que coñecín nunca. A importancia que aquí teñen as casualidades, o azar, o imprevisible dos actos máis cotiáns, fai que todo resulte tan sorprendente como fascinante.

 –Ao tempo que avanza a novela ,vai medrando o protagonismo de Josefina e minguando o de Bibiano. Xa o tiña previsto ou foille xurdindo así a medida que a escribía?

 –Non era algo que estivese previsto de antemán. Nin sequera fun consciente diso mentres a escribía, senón que o desenvolvemento natural da historia de cada un fixo que sucedese así.

  • Vémonos mañá

    Xosé Monteagudo
    Xerais,

 –Bibiano e Josefina non son os únicos personaxes baseados en persoas reais en Vémonos mañá. Tamén hai outros. Non é demasiado arriscado “poboar” una ficción con moitos persoaxes reais?

 –Os personaxes baseados en figuras reais son sempre material altamente sensible. Cada frase importa para a forma en que os retratas e para as consecuencias directas e inmediatas que a ficción pode ter na realidade. Non na das persoas reais que lle dan nome aos personaxes, que neste caso están falecidas, pero si na dos seus familiares máis próximos. Nas miñas novelas sempre me gusta asumir riscos, dun tipo ou doutro. Neste caso a premisa de partida era a de intentar ser ecuánime no seu tratamento, creando unha ficción que se afastase do frío relato histórico para mostrar a verdade humana dos seus protagonistas. Moitas persoas que non sabían nada de Bibiano F. Osorio-Tafall e de Josefina Arruti agora coñécenos a través da miña novela. Iso xa representaba un reto apaixonante cando a escribín. Pero traballei coas ferramentas da ficción para crear uns personaxes literarios que forman parte dunha realidade histórica. 

“A miña intención é que sempre gañe a ficción. Pero coa vitoria da ficción gaña tamén a Historia”

Xosé Monteagudo

Xosé Monteagudo / Cedida

 –Nesta “batalla” entre ficción e realidade (ou Historia) que caracteriza a Vémonos mañá, cal delas cre que saíu gañando?

 –A miña intención é que sempre gañe a ficción. Pero coa vitoria da ficción gaña tamén a Historia, na medida en que a Literatura ten ese poder máxico de lle devolver as cores e a luz ao que aconteceu. Detrás dos sucesos sempre están as persoas que os protagonizaron. A elas, cando os sucesos forman parte do pasado, só a literatura as pode facer revivir para os demais, enchendo co son das palabras os ocos inmensos que se abren no territorio da memoria. 

 –Cómo definiría Vémonos mañá: como unha novela sobre a Guerra Civil ou como unha novela sobre as consecuencias da Guerra Civil?

 –Creo que unha cousa e a outra forman parte do mesmo. Non se poden contemplar as realidades posteriores sen ter en conta o que sucedeu primeiro e as causou. E tamén sería moi limitado e inexacto observar a guerra como un todo, sen considerar o que provocou no tempo posterior. Neste sentido, a novela pretende comprender os dous conceptos, causa e consecuencias, como o conxunto indisoluble que foi tamén para os personaxes que a protagonizan. 

 –Poderíase dicir que as consecuencias da Guerra Civil chegan e están vixentes incluso nos tempos de hoxe?

 –Efectivamente. Non hai máis que pensar que no caso dos descendentes dos protagonistas reais de Vémonos mañá, a vida de todos eles non sería hoxe a mesma se non sucedesen os feitos tal e como ocorreron nese momento concreto. Un feito histórico tan traumático e cunhas consecuencias tan irreversibles, necesariamente condiciona a vida das xeracións futuras. Calquera guerra, e moito máis aínda unha guerra civil que deu lugar a unha ditadura desapiadada de case coarenta anos, é un suceso que marca a vida social e individual durante xeracións. 

 –Resulta curioso que a presentación da novela se celebrase o 14 de febreiro, Día dos Namorados. Vémonos mañá é, tamén, e quizais por enriba de todo, unha historia de amor (aínda que non acabe precisamente ben)?

 –A data prevista inicialmente para a presentación era outra pero, por circunstancias, tivo que facerse nesa. Neste sentido, foi como se o elemento do azar, as casualidades que tanta importancia teñen na historia que relata a novela, se quixese reafirmar en todo o que se refire a ela. Polo demais, o sentimento amoroso está presente en Vémonos mañá, desde logo, pero xunto del hai outras manifestacións da vida das personaxes como a solidariedade, o compromiso, a loita e algunhas máis.    

 –Na elaboración da novela tamén houbo un proceso de documentación e unha personaxe máis: a cidade de Pontevedra. Como nos describiría aquela Pontevedra dos anos inmediatamente posteriores á Guerra Civil?

 –No eido social era unha cidade onde a división entre vencedores e vencidos, entre os que se situaban nun bando e no outro, era evidente por debaixo das aparencias. A nivel individual cada quen intentaba moverse no terreo que lle permitía a ditadura. Fronte a quen se aproveitaba dos privilexios (case sempre cativos) que lle daba arrimarse aos que detentaban o poder, os que o sufrían procuraban saír adiante como podían, moitas veces recorrendo ás ocultas redes da solidariedade espontánea que se establecía entre eles pola súa condición de vítimas. 

 –A súa traxetoria literaria é moi singular. Xa coa súa primeira novela, As voces da noticia, gañou un dos premios máis prestixiosos de Galicia (o Blanco Amor). Iso, en principio, é bo pero non o obriga a poñer un listón de calidade moi alto cada vez que se enfronta a un novo proxecto literario?

 –Á marxe dos premios que poida acadar co que escribo, o primeiro nivel de esixencia é o que me impoño a min mesmo desde o punto de vista literario. Ante todo, eu teño unha especial consideración por toda persoa que le os meus libros. Se decepciono esas persoas, sinto que fracaso como escritor. Por suposto que un non pode contentar a todo o mundo, pero non escribo pensando só en acadar premios, ratinxir epercusión nos medios, vendas ou cousas similares. O que busco sempre é que cada novela que escribo lle procure unha satisfacción profunda a quen a lea, sexa quen sexa, desde a crítica máis esixente ata a lectora ou o lector máis ocasional. Iso é o que máis me interesa.

Suscríbete para seguir leyendo