Arte: exposicións

"Travelogue Valigia" en Espazo SVT: os cadernos de viaxe de Guillermo Aymerich

Os cadernos de viaxe de Guillermo Aymerich

Os cadernos de viaxe de Guillermo Aymerich: Travelogue Valigia a mostra no Espazo SVT

Para ver este vídeo suscríbete a Faro de Vigo o inicia sesión si ya eres suscriptor

Suscríbete

¿Ya eres premium? Inicia tu sesión aquí

O Espazo SVT, Sirvent (Gran Vía, 129, Vigo) presenta unha exposición individual de Guillermo Aymerich, un creador que se desenvolve no ámbito da imaxe seguindo estratexias que teñen na itineración, no territorio e na ambigüidade os seus alicerces máis evidentes. No seu traballo, o artista opta por evidenciar as posibilidades de asociacións mentais desde o emocional ao partir dunha escolla previa caprichosa e ter como fío condutor a imaxe visual. Como resultado, acaba por crear pezas enormemente suxestivas, en que as relacións aleatorias, ligadas á esencia da viaxe -eses travelogue (cadernos de viaxe)- adquiren un papel relevante.

O traballo de Aymerich, moi vinculado ao cartográfico, parte nos seus fundamentos dunha dialéctica entre o espazo, obxecto e pensamento, con ese fluxo entre o interior -en que está en cuestión é a mensaxe e a compoñente emocional- e exterior -en que se subliña o que está exposto ao público-.O creador sitúanos así fronte a un tipo de traballo que parte dunha idea de achegamento á realidade material e mental desde a experiencia íntima e que incide en análises de extrema actualidade, no formal e no temático. Unha obra que mestura o pulo vital e a realidade experiencial e o conceptual.

Deste xeito, a artista afronta o feito creativo -cun peso substancial do pictórico nos máis variados soportes- como un intento de dar solución a un reto (formal e temático) con fórmulas de intenso contido vivencial que funcionan como liberadoras e enriquecedoras, como pulo para se mergullar na comprensión e na interpretación do seu mundo e do seu tempo, producíndose unha interrealación de logros formais e desenvolvemento temático.

Travelogue Valigia enEspazo SVT

Travelogue Valigia en Espazo SVT / Elías Regueira

A obra de Aymerich é unha indagación no substrato cultural e social desde a experiencia íntima da migración constante e posibilita unha cadea de suxestións e reflexións desde o topográfico sobre as distintas sociedades contemporáneas e a súas relacións coa tradición e co lugar como espazo da emoción e do sensíbel como piares para un achegamento ás diferentes realidades culturais, sempre desde unha intensa subxectividade.

O artista, que constrúe mapas mentais e afectivos, elabora moi variados traballos para salientar o sentido obxectual do seu achegamento ás desemellantes realidades, do cal é exemplo a instalación que crea na exposición a modo de Wunderkammer ou gabinete de marabillas, revelada aquí como xénese e sustento de toda unha vida de creación. Unha acumulación de obxectos de variados sentidos, ligados á experiencia, que, como unha especie de crebas, testemuñan vivencias persoais, referencias etnográficas de variadas culturas e reiteracións da memoria que o artista reformula en series marcada pola pegada da experiencia subxectiva.

O carácter aberto e reflexivo das distintas pezas fai que poidamos como espectadores participar da creación procurando lecturas e asociacións propias. Son obras que presentan un abano de preocupacións que acaban por se configurar como un auténtico caleidoscopio dalgúns dos fenómenos do noso presente. A obra de Guillermo Aymerich, pois, móstranos algúns dos camiños andados pola arte desde a asunción da cultura de masas como materia creativa, e como consecuencia a súa manipulación crítica da mesma, chegando en obras como as agora expostas á decostrución do discurso por medio de materias e técnicas moi diversos que facilitan lecturas persoais. O artista fai que o seu traballo sexa unha singular ollada sobre sociedades de todos os continentes, desde os seus aspectos máis banais e cotiáns até o sentimentos máis fondos e universais.

Concepción simbólica do mundo

O traballo de Aymerich parte da visión que podemos proxectar sobre os obxectos comúns que nos rodean, mais tamén da posibilidade de reformulación, de revisión, de intensa flexibilidade, que a actividade do artista posibilita. Trátase de novas lecturas, que parten de estratexias artísticas contemporáneas e fan uso da ambigüidade, da capacidade emotiva e da captación sensorial como alicerces do discurso estético. Aspectos que se poden percibir á perfección na mostra viguesa nos diferentes apuntamentos, bosquexos e debuxos que o artista realiza nos máis variados soportes.

O sentido da obra de Guillermo Aymerich, implícito no título da exposición, é o resultado da súa particular ollada, nunha permanente reflexión plástica e filosófica. Os alicerces do seu traballo sitúase na análise antropolóxica sobre o comportamento social a través do espazo e do tempo. Mais, lonxe da perspectiva científica de matriz sociolóxica, o método de Aymerich baséase na capacidade de concibir o mundo de maneira simbólica. Para iso utiliza unha engrenaxe conceptual ligada ás ideas filosóficas de transitoriedade, existencia e memoria, reflexionando sobre o esencial desde a evidencia do sentido non permanente de toda realidade e de toda experiencia.

Suscríbete para seguir leyendo