Cando a información é todo

No centenario da revista Time

Imaxen recopilatoria de varias portadas icónicas da revista Time con sede en Manhattan

Imaxen recopilatoria de varias portadas icónicas da revista Time con sede en Manhattan / FdV

Cando unha publicación comeza a súa andaina, aspira fundamentalmente a establecer un nicho de lectores e gañar un lugar ao sol; dificilmente pensaría en chegar aos cen anos e exercer unha autoridade xornalística a nivel mundial. Un caso excepcional é o da revista Time, que vén de acadar esa fita. Desde hai anos, ningunha outra publicación exerce unha influencia semellante á hora de establecer os persoeiros máis salientables no panorama mundial. Aparecer na súa portada é obter unha consagración case que eterna.

Nacida en Nova York en 1923, os seus impulsores foron Briton Hadden e Henry Luce, licenciados pola universidade de Yale. Nesta institución académica colaboraran no Yale Daily News, o xornal estudiantil decano nos Estados Unidos.

Henry Luce en 1954

Henry Luce en 1954 / Phil Stanziola

Con vinte e cinco anos, botáronse á aventura de facer unha revista con contidos breves (catrocentas palabras), rigorosos e variados, sen editorial e sen sinatura dos autores, a tres columnas. As súas vinte e catro páxinas podían seren lidas en apenas unha hora e o lector podería, dese xeito, ter un balance da información semanal que decote aparecía nos xornais pero co repouso da non urxencia informativa. Poucas fotos, pero de impacto.

Cando a información é todo

Portadas icónicas da revista ao longo destes cen anos / FdV

Unha simplificación das noticias que non sempre foi do agrado dos reitores de Yale e de Harvard. Pero lectores e anunciantes non pensaban igual e aos catro anos da súa publicación xa tiña unha tirada de catrocentos mil exemplares e uns ingresos por publicidade de medio millón de dólares. En 1928 deu principio á tradición de elixir o “home do ano”, que recaeu en Charles Lindbergh por ser o primeiro en viaxar desde o continente americano ao europeo (Nova York-París) sen escalas.

Co paso dos anos chegou a ter nove edicións internacionais. Hoxe, ademais da estadounidense orixinal, engádenselle a canadiana, a europea, a asiática, a de Oriente Próximo e África, a latinoamericana e mais a do Pacífico sur. Malia a presenza no mercado de publicacións competidoras como Life, The New Yorker, Newsweek ou News & World Report, Time segue a exercer un liderado de influencia no conxunto do planeta. Perdida boa parte da publicidade pola aparición da tv, pasou por diversos propietarios (Warner, American Online, Meredite) ata ser mercada en 2018 por Marc Benioff por cento noventa millóns de dólares. Hoxe tira un millón trescentos mil exemplares e a versión en liña ten unha media de cen millóns de visitas.

Na súa traxectoria, e grazas á súa boa situación financeira, Time adquiriu as revistas Fortune (vinculada á familia Forbes) e Life, que era humorística, en 1936. Mercou a cabeceira e vendeu a lista de subscritores a outra revista. Dedicouna ao fotoxornalismo, especialización que equilibraba a relativa ausencia de imaxes na revista matriz.

Entre as curiosidades relativas a esta publicación está o nome. Lonxe do que cabería supoñer, Time non equivalería a “tempo” senón que sería o acróstico de “Today Information Means Eeverything”, “Hoxe a información é todo”. Outra é que a única vez que publicou un editorial foi en 1974, cando pediu a dimisión de Richard Nixon por mentir no escándalo do Watergate.

E outra máis aínda era que alteraba a vida cotiá dunha parte da cidade de Nova York os venres, día de pechar a edición. Eran os tempos analóxicos e cinco centos xornalistas levaban cadanseus orixinais escritos á man, ou pensados, á redacción. Ceaban na zona próxima ao edificio Time & Life, na Sexta Avenida, polo cal naquelas noites era imposible atopar mesa nos restaurantes da zona. Rematada a cea, mecanografaban cadansúa noticia na redacción e regresaban á casa en coches de aluguer contratados pola empresa. Imposible daquela atopar un taxi libre.

Coa súa elección dos cen persoeiros máis importantes do ano, non sendo a de máis tiraxe, Time conseguiu ser a máis influínte a escala mundial, por riba das outras revistas norteamericanas e europeas como Paris Match (1949), Oggi (1939) ou Der Spiegel (1947). En España, o modelo Time foi imitado por Sebastián Auger na revista barcelonesa Mundo (1939-1987).

Suscríbete para seguir leyendo