Libros

Ronsel das 'Mensaxes'

Desde a chamada de Dánae

Ilustración de portada de "Mensajes de Poesía".

Ilustración de portada de "Mensajes de Poesía". / Xosé Ramón Pena

Xosé Ramón Pena

Xosé Ramón Pena

O xornal "La Noche", "Sonata Gallega", "Cartel", "Alba"..., a cultura de noso tentaba alentar de novo no medio da “longa noite”. Pois ben; con data no mes de setembro de 1948, un proxecto senlleiro veuse sumar a tales rótulos. Tal e como refire Xesús Alonso Montero no seu traballo incluido no capítulo dos estudos preliminares do volume que hoxe comentamos, logo de ler un poema de Luz Pozo Garza -titulado “La llamada de Dánae” e que a autora lle remitira por carta-, Eduardo Moreiras xa non o pensou máis: a primeira entrega dos Mensajes de Poesía ía arribar aos enderezos dos seus subscritores (en realidade, "Mensajes" nunca tivo unha difusión comercial plena nin tampouco períodos de publicación fixados). Agora e felizmente, grazas á edición facsimilar -acertados responsables da mesma deveñen Luís Alonso Girgado,Tamara Andrés, Manuel Naveira Fuentes e Armando Requeixo- de parte da Consellería de Cultura, todos os galegos e galegas podemos formar parte asemade daquela privilexiada nónima.

Carmen Conde, Álvaro Cunqueiro, Ánxel Fole, Juan Ramón Jiménez, Rafael Morales, Blas de Otero, Luís Pimentel, Pura Vázquez...: para alén do propio Eduardo Moreiras (na miña modesta estima, a RAG podería pensar en dedicarlle un Día das Letras Galegas) e da que viría ser a súa esposa, Luz Pozo Garza, estas veñen resultar algunhas das asinaturas presentes nas Mensajes. Con análises previas da man de Aurora López e Andrés Pociña e dos, xa citados, Alonso Montero, Requeixo, Andrés, Naveira Fuentes e Alonso Girgado, as doce entregas da publicación -en realidade, o número 12 non chegou a espallarse; logo de que no 11 aparecese un monográfico dedicado a Blas de Otero, a censura franquista deu fin á aventura- atinxen un novo e merecente destino. Aquel esforzo perdura. Parabéns.

  • Mensajes de Poesía (1948-1952)

    VV.AA.
    Xunta de Galicia, Santiago, PVP. S/D

Suscríbete para seguir leyendo