Arte

A arte como motor de transformación

A exposición de escultura ao aire libre no Parque do Castro (1974)

Escultura de Francisco Barón exposta ao aire libre no parque do Castro  (1974).

Escultura de Francisco Barón exposta ao aire libre no parque do Castro (1974). / José Luis Mateo

José Luis Mateo

A renovación das linguaxes artísticas contemporáneas de mediados do século XX chegou con certo retraso ao pechado ambiente cultural galego da posguerra. Non obstante, xa durante os anos sesenta apareceron en Vigo síntomas aperturistas e transgresores: proba diso, eis a exposición Veinte años de la pintura española (1962) ou as exposicións ao aire libre, desenvoltas na Praza da Princesa. Desde 1968, aquelas mostras colectivas permitían, entón, que os artistas locais amosasen, todos os veráns os seus cadros e pezas escultóricas no recinto da praza.

A década dos setenta constitúe un momento clave de cambios sociais e culturais no país, a anunciaren a agonía do réxime franquista. O pintor Ánxel Huete e mais o escultor Silverio Rivas eran dous defensores da arte como motor de transformación social; a súa militancia política deveu, daquela, decisiva na promoción de eventos artísticos rupturistas e con modelos organizativos case que de autoxestión. Ambos foron incorporarse, xa que logo, a iniciativas como os Encuentros de Pamplona (1972) ou o Museo de Escultura abstracta ao aire libre de La Castellana en Madrid (1972). Rivas, que estivera pensionado pola Deputación de Pontevedra en Madrid a comezos dos setenta, foi -á canda de Huete, recén chegado este da súa etapa berlinesa- o organizador dunha exposición ao aire libre que podemos considerar un fito na historia da arte de noso. A vontade destes dous artistas recibiu o apoio de Ángel Ilarri desde o Concello, e en agosto de 1974 celebrouse finalmente a Exposición ao Aire Libre do Parque Municipal do Castro. A Caixa de Aforros Municipal foi colaborar nela coa edición dun catálogo con prólogo de Álvaro Cunqueiro e deseño de Huete.

Exposición Castro

Información publicada en FARO o 7 de agosto de 1974 sobre a exposición do Castro.

Rivas pasara, ademais, algún tempo traballado no taller de Francisco Barón en Madrid, experimentando con novos materiais e novas estéticas. Barón veu conformar o punto de enganche coa nómina de artistas que enviaron obra a Vigo aquel verán, para converter o castelo do Castro nunha sala de exposicións aberta. Escultores como Alfaro, o propio Barón, Bayarri, Chillida, Chirino, Cruz Novillo, Larrea, Lescure, Martí, Palomo, Subirach e outros compartiron espazo público con galegos como Besteiro, Jesús Valverde, Elena Colmeiro, Acisclo Manzano e mais os vigueses Silverio Rivas e Xoán Piñeiro. Os 34 escultores que participaron na mostra do Castro cumprían, ao cabo, co obxectivo dos organizadores de comunicaren as tendencias artísticas da vangarda a un público ancorado en estéticas clásicas. As propostas de novos materiais, como as resinas e mais o aceiro inoxidable, tomaron corpo nos diferentes estilos que estiveron presentes: desde o informalismo e o organicismo ata o minimalismo. En fin, Francisco Pablos saudou a mostra desde FARO - “esas expresiones minerales, informalistas son testimonio importante de las calendas que vivimos”- sinalando ao tempo a necesidade de incorporar as novas expresións ao momento da cidade, onde bulían asemade experiencias como as Jornadas de Teatro de Vigo, a actividade da Agrupación Cultural de Vigo, a programación do Auditorio da Caja de Ahorros Municipal, A Estampa Popular Galega ou a chegada de grupos independentes de teatro nas Festas do Verán, como foi o caso dos Tábano. Tamén arribaron referentes sobre a escultura nos Ciclos de Arte organizados pola Caja de Ahorros: así, Juan A. Gaya Nuño participou cunha conferencia titulada “Escultura española contemporánea” (1971) e José Hierro fíxoo, da súa parte, con “El paisaje español contemporáneo” (1973).

SILVERIO RIVAS (ESCULTOR) UNA DE LAS ESCULTURAS SITUADAS EN LOS ESPACIOS ABIERTOS DE LA EXPOSICION. LA HA REALIZADO EL ARTISTA SILVERIO RIVAS, VIGUES, QUE APARECE EN LA IMAGEN JUNTO A SU OBRA FOTO DE ARCHIVO

O escultor Silveiro Rivas, cunha das súas esculturas. / SILVERIO RIVAS (ESCULTOR) UNA DE LAS ESCULTURAS SITUADAS EN LOS ESPACIOS ABIERTOS DE LA EXPOSICION. LA HA REALIZADO EL ARTISTA SILVERIO RIVAS, VIGUES, QUE APARECE EN LA IMAGEN JUNTO A SU OBRA FOTO DE ARCHIVO

Malia o contacto que Rivas e Huete estableceron con Carlos Aréan (Vigo, 1921- 1996) -coleccionista, crítico de arte e, en 1976, director do Museo Español de Arte Contemporánea-, a idea orixinaria de levar a termo unha mostra trienal non chegou a concretarse. Non obstante, aquela exposición do Castro determinou un paso importante na renovación da arte galega e da súa incorporación ás novas linguaxes: un programa que tiveron presentes os diversos artistas que comezaban a saír fóra do país e a participaren do espírito colectivo que agromaba noutras cidades do eido español e peninsular.

Suscríbete para seguir leyendo