Arte: exposicións

A percepción da ollada

No centenario de Xosé Conde Corbal

Xosé Conde Corbal: figuras do álbum "O fardel da Guerra" (1936-1986).

Xosé Conde Corbal: figuras do álbum "O fardel da Guerra" (1936-1986). / Arquivo

Celébrase este ano o centenario do nacemento do pintor e gravador Xosé Conde Corbal (Pontevedra 1923- Vilagarcía de Arousa, 1999), un artista cunha vida e unha obra marcada polo contexto cultural da posguerra e pola memoria da cultura galeguista anterior á Guerra Civil.

De feito, desde que coñece a Vicente Risco no Ourense dos anos cincuenta, o pintor e gravador vai converterse en recreador da memoria gráfica de Xeración Nós, alén de establecer unha relación de amizade e colaboración co que fora director da revista Nós, unha ligazón que tomará corpo en abondosos traballos conxuntos, nomeadamente na prensa, e que só remata co falecemento do escritor en 1963. Despois desta data, a temática ligada a Risco, Castelao e, en xeral, a Xeración Nós seguirá presente no traballo de Conde Corbal en pinturas e series de gravados, como os que realiza na década dos setenta, con retratos de grupo e individuais e recreacións históricas, entre as que salientan as dedicadas ao acto fundacional da revista ou á saída do primeiro número. Polo demais, esta intensa relación con Risco vai ter como consecuencia que Conde Corbal ocupe un lugar sobranceiro no Ourense onde xorde un grupo artístico, apadriñado polo escritor, denominado Os artistiñas -todos máis novos que o noso artista-, que tentan unha actualización da linguaxe plástica nun tempo e un ambiente ben difícil para a modernización das artes.

Xosé Conde Corbal

Xosé Conde Corbal / Arquivo

Desde o punto de vista formal, Xosé Conde Corbal participa dunha figuración marcadamente expresionista, unida a un sentido narrrativo e visual que lembra a ilustración gráfica, velaí a serie dedicada a obras de Valle-Inclán: As endemoñadas (1966, Museo Quiñones de León, Vigo); Romance de lobos (1966, Museo Quiñones de León, Vigo); á Xeración Nós, no aniversario da revista (1975, Museo Arqueolóxico de Ourense) ou o extraordinario álbum O fardel da Guerra (1936-1986). Son traballos que manteñen unha intensa calidade como obras individuais e ao mesmo tempo transmiten a impresión de seren propias dunha publicación literaria ilustrada cun debuxo dinámico e planimetría cinematográfica. Un labor requintado con trazos expresionistas, debedor das imaxes do cinema europeo e americano e apoiado nas referencias textuais, que resaltan os valores literarios e ideolóxicos dos escritores, algo que salienta en especial no seu achegamento a Valle-Inclán, á Xeración Nós e á temática da Guerra Civil. Neste senso, o uso desta planimetría é un elemento reiterado ao longo de toda a traxectoria da artista como medio para ver a realidade, a paisaxe ou a vida. Sublíñase a importancia dunha ollada lateral, múltiple e fragmentaria. Non poucos dos principais temas de interese do seu momento histórico aparecen nestas creacións: a identidade cultural; o medio natural; o captación psicolóxica como motivo de reflexión conceptual e formal; a violencia (Guerra Civil) ou a relación co medio urbano, con Ourense decote presente.

Conde Corbal procurou unha ligazón entre o obxecto ou o tema representado e o espectador concreto, un espectador dun ámbito histórico real, que, sen dúbida, resultaba cómplice a moitos dos que compartiron co autor experiencias xeracionais, espazos e/ou lecturas. Percibimos, daquela, que o pintor se interesaba pola ollada do espectador e pola súa resposta, e utilizo o termo “ollada” no sentido do psicanalista Jacques Lacan, para designar o que antes se chamaría “punto de vista”, entendendo que a ollada expresa unha actitude mental da cal o autor e o espectador non teñen que ser necesariamente conscientes, mais que é un elemento plenamente actuante.

Non se entenda esta reflexión nun sentido crítico ou homoxenizador que faga comprensíbel o seu labor en relación con outros creadores, senón máis ben como constatación dun proceso que se pode percibir nas artes mesmo antes da andaina creativa do noso autor, mais que foi adquirindo na sociedade da segunda metade do pasado século unha xeneralización absoluta e que chega aos nosos días.

Orense perdurable

Páxina de "El Orense perdurable".

[object Object]

Conde Corbal traballaba na procura do sentido da obra plástica dende a memoria cultural e o medio humano e natural para indagar na realidade e no mundo que lle tocou vivir, eis o volume El Orense perdurable (1961) con debuxos propios, textos de Vicente Risco e limiar de Ramón Otero Pedrayo. As súas pinturas, debuxos e gravados constrúense a partir dun catálogo de imaxes do cotián mais tamén cun sentido histórico. Desde a liberdade, o rigor e a autocrítica, para expresarse con voz propia, realizou un traballo artístico a xeito de relato. As súas obras, neste sentido, suxiren, curiosamente, pola súa rotundidade, a idea de ambigüidade de figuración.

A respecto desta cuestión, cómpre lembrar que desde que irrompeu a fotografía, esta inaugurou unha nova forma de entender e comunicar, que non deixou de transformar e medrar, e transformarnos á súa vez. A pintura, e en especial as correntes figurativas, non é allea a esta influencia. Sería difícil entender, por exemplo, o debuxo e o gravado do noso artista sen este referente -e sen a da historia da pintura- nesa vontade de intensificación das sensacións de vivencia cotiá e da memoria cultural.

Suscríbete para seguir leyendo