Fermoso volume

Unha narración especial

Detalle da portada.

Detalle da portada. / María Navarro

María Navarro

A literatura sempre nos ofrece a oportunidade de vivir dende a ficción acontecementos da vida cotiá, xa dicía Aristóteles que as obras literarias copian a realidade e que estas son capaces de levar á catarse se o espectador/lector pode verse implicado nas imitacións das accións humanas que se están desenvolvendo no texto. Agora ben, conviría ter en conta que a vida vai por un lado e que a literatura segue o seu propio compás que é quen de magnificar, agrandar, inflar e/ou enriquecer a través da mirada intelixente, da ollada sensible, do prisma poliédrico unha situación determinada.

Sara é a protagonista do relato que Francisco Castro vén de publicar no que constitúe segundo el unha achega especial e na que a dureza do tema é atenuada coa sensibilidade narrativa da que fai gala neste volume e no que o pensamento da pequena flúe dunha forma singular. Sen apenas signos de puntuación, sabemos dos acontecementos polo monólogo da cativa que lembra e actúa, actúa e lembra o seu pai ao que escoita en momentos complicados e naqueloutros de emocións contidas e o que sempre volve cando desexa interpretar e asimilar o que está sucedendo.

Desde logo a visión que a pequena ten do que acontece ao seu redor amosa unha madureza sorprendente e pon de manifestó que o universo infantil é, ás veces, bastante máis rico e profundo do que os adultos consideran. Logo, a palabra xusta, a expresión amable e a aprente inxenuidade alíanse para ofrecernos un volume fermosísimo no que a proposta plástica realizada por Luz Beloso permite unha lectura certamente interesante: a característica expresión da faciana dos personaxes, a silueta da ausencia ou o detalle cobran vida completando e implementando unha narración certamente especial.

Sara

Portada do libro de Francisco Castro.

A HISTORIA DE SARA (2023): Francisco Castro (Ils. Noemí Beloso), Vigo, Galaxia, PVP. 19,86€

Suscríbete para seguir leyendo