O legado Henningsen

Memoria da cultura tradicional de noso

Vendedora de contos na feira de Ordes (Ordes, 1966).

Vendedora de contos na feira de Ordes (Ordes, 1966). / GUSTAV HENNINGSEN

Ardemil, parroquia de Ordes, 1965. Cunha bolsa da Universidade de Copenhague, o antropólogo dinamarqués Gustav Henningsen chega disposto a realizar un traballo de campo na procura de documentación para a súa tese de doutoramento sobre bruxería. Nomeado en 1962 Magister artium en Folklorística Nórdica por dita universidade, Henningsen viña interesarse agora polo fenómeno da bruxería na Península Ibérica e, aínda que nun primeiro momento pretendía realizar o seu estudo no País Basco, será orientado por Julio Caro Baroja para vir á nosa terra, onde o fenómeno estaba aínda sen estudar. O labor durará tres anos, tempo este no que se trasladará coa súa familia á bisbarra, e con cámara, bloc de notas e gravadora, proponse recoller o máximo de testemuños posibles arredor do seu tema de estudo. Non é difícil imaxinar que aquilo non resultou doado; non estaban os paisanos para contarlle a aquel estranxeiro costume ningún; mesmo o crego da parroquia advertiulle aos fregreses que tiveran coidado co que contaban. E menos, a soltar prenda sobre bruxería e meigallos: “de bruxería nada, iso non existe”, velaí a resposta coa que se topou. Afirmaba nunha entrevista que lle chocou a actitude dos nativos; no seu país, todo o mundo se amosaba orgulloso de poder contar os costumes a un antropólogo ou a un estudoso que se fixara; pero aquí ao revés, a inmersión non resultou doada.

Porén, Henningsen foi gañando pouco a pouco o afecto dos informantes que, a cambio de fotos do casamento ou da festa, se foron abrindo a contar o modo de vida do pobo. A bruxería non existía, pero as vacas leiteiras levaban colgando amuletos, pois estaban expostas a males de ollo; animais e persoas curaban con remedios máxicos; e o curandeirismo e a medicina popular funcionaban na vida cotiá. Axiña decatouse de que o importante non é o que as persoas contan ou din; senón que debía pousar os seus ollos no que fan. E desa observación participante saíron máis de 1000 follas de apuntamentos, 160 horas de gravacións e entrevistas sobre crenzas populares, perto de 3200 clisés fotográficos, 1000 negativos microfilmados de manuais de curandeiros… un verdadeiro tesouro dunha Galicia que xa non existe, non tan lonxana no tempo pero que perdeu o sentido que estas prácticas tiñan na cultura tradicional, desaparecida á par que os seus protagonistas.

O legadoHenningsen

Muller con arado (Ordes, 1966). / GUSTAV HENNINGSEN

As súas fotografías amosan, daquela, escenas da vida tradicional: o traballo agrario, das mulleres o os homes; os desequilibrios que trouxo a emigración; as diferentes etapas da vida; a relixiosidade tradicional; as festas; os xogos; os bailes… As gravacións son fundamentalmente entrevistas falando de bruxería e adiviñación pero agochan outro legado importante: cáseque once horas de música galega, cantos e música instrumental, salvados do esquecemento. A súa obra ten importancia en moitos eidos: por suposto, no plano etnográfico pero tamén no lingüístico, xa que non abondan as gravacións do galego rural da época. Desde logo, fenómenos como da romaría do Corpiño ou Santo Andrés de Teixido tampouco podían pasar desapercibidos para un estudoso en bruxería e tamén abonda a documentación destes lugares na súa obra. En 1968 marchaba de regreso e o seu labor desaparecía para nós. Mais o esforzo de Henningsen mudou o rumbo cando descubriu nun arquivo o libro de visitas do inquisidor Alonso de Salazar. A partir de aí cambiará o seu obxecto de estudo, chegando a ser o grande estudoso e referente mundial da inquisición española.

En 2009 o Instituto de Lingua galega entrou en contacto cos rexistros sonoros da obra do dinamarqués, material inédito e conservado nun museo do seu país. A partir de aí, e logo dun intenso traballo de diversas institucións, varias exposicións e publicacións, logrouse que o 17 de maio de 2021 Gustav Henningsen e mais a súa muller donasen o material ao Museo do Pobo Galego, que na actualidade o atesoura. De feito, nestes días, e ata o 30 de abril, podemos disfrutar da exposición fotográfica "Co sentido do común", onde podemos disfrutar dunha importante mostra de fotografías do autor referente a traballos e actividades grupais na sociedade tradicional.

Suscríbete para seguir leyendo