Cálida homenaxe

Polos vieiros da tenrura

Cálida homenaxe

Cálida homenaxe / Detalle do libro

Lucía Seoane

Se ben que, por unha parte, a destinataria do volume que comentamos -Verdelina, a tartaruga viaxeira, de Xosé Lois Ripalda, e publicado por Ir Indo- vén ser Alma, a neta do autor do mesmo,resultan ser os avós –xentes que “recenden ás apertas, ao amor, respecto, coidados, tenrura e agarimo”- os verdadeiros homenaxeados ao longo destas tan simpáticas como emocionadas páxinas que nos vén de entregar Ripalda:sen dúbida, alguén ben coñecido polos lectores e lectoras de FARO DA CULTURA tanto polos seus labores de carácter etnográfico -eis títulos como A cultura do pan, O libro das fontes...- como por esoutros no eido da literatura infanto-xuvenil: As bolboretas brancas, O cabalo ceibe, Viaxar aos Ancares.

Enfontarse con morcegos e vampiros, atravesar selvas perigosas, lear no medio e medio de treboadas de area -ela que viña morar nun lugar onde a temperatura se amosaba arreo morna, rodeada por plantas vizosas que lle aseguraban a mantenza-: velaí os atrancos, transos e apuros nos que se veu envolta a tartaruga Verdelina na procura dos seus devanceiros e, xa que logo, das súas propias raíces. Unha viaxe, entón, chea de aventuras abraiantes; pero unha viaxe así mesmo iniciática que a levará onde a bolboreta de cores, Mou o viaxeiro, a ra Parlanchina ou o Petolín o paxaro carpinteiro: seres, todos eles, de luz e de maxia no seu roteiro cara á verdadeira patria: o mar no que a nosa protagonista atopará a feliz liberdade.

Páxinas ledas, páxinas de amor pola natureza e que lles ofrecen aos nenos e nenas toda unha lección de vida. Outra volta Xosé Lois Ripalda sabe achegarse ao corazón de pequenos e maiores. Outra volta celebramos o seu relato e gozamos canda del polos vieiros da tenrura.

verdelina

Portada do libro

VERDELINA, A TARTARUGA VIAXEIRA (2022): Xosé Lois Ripalda, Vigo, Ir Indo, PVP. 11,88€

Suscríbete para seguir leyendo