Libros

Destruír ou arranxar o planeta

No corazón da crise

Destruír  ou arranxar  o planeta

Destruír ou arranxar o planeta / Francisco Martínez Bouzas

Francisco Martínez Bouzas

En tradución de Xosé Manuel Beiras, Laiovento achéganos a última obra dun dos grandes intelectuais do presente século e do anterior, Edgar Morin, quen aos 101 anos escribe este panfleto non publicitario: Espertemos! Filósofo e sociólogo. As súas grandes aportacións son as teorías do pensamento complexo, o paradigma da complexidade, unha antropoloxía que non disocia o home do animal, senón que articula natureza e cultura, e dun método capaz de unir orde con desorde. Traducido á meirande parte das linguas, Révellons-nous! é a primeira obra de Morin vertida ao galego.

Morin comeza advertíndonos que arestora a Francia reaccionaria lle esta a ganar á Francia humanista. A revolución de 1789 converteu os súbditos e en cidadáns, asentando o principio de nación nun alicerce humanista. Mais non resultou doado porque a Francia reaccionaria espertou con frecuencia e, na actualidade, a soleira de tolerancia converteuse nunha soleira de intolerancia. Xa que logo, conclúe, a Francia humanista atópase en crise radical: unha crise de pensamento. Endalí que reitera Morrín o que xa escribiu noutros libros: aínda estamos na idade de ferro planetaria, na que a ciencia más avanzada se torna en produtora de morte. Ao que se engade a crise ecolóxica, co que se da o paradoxo de que o progreso conduza ao desastre. Alen diso, o chamado transhumanismo podería criar monstros e excluír a desorde co que ficaría pechada toda iniciativa de creatividade. Estamos no corazón da crise e cómpre pensar a súa natureza e a estratexia para a súa solución, como pode ser a mutación antropolóxica, comezando por “aterrar” no noso planeta que se atopa en perigo. Cómpre pois civilizar a terra, controlar o control, o progreso material, reformar o pensamento, adecuándoo a unha lóxica que non exclúa as contradicións. Morin con todas estas receitas revive os achados e aportacións fundamentais das súas grandes teorías, como son a dialéctica da orde/desorde ou sapiens/demens. Só iso nos levará a re-humanizar a convivencia nas nosas existencias.

  • Espertemos!

    Edgar Morin
    Laiovento, Santiago, 2022, PVP. 9,85 €

Suscríbete para seguir leyendo