Literatura insólita

Candeloria literaria

Letras para o Día das Candeas

Celebración das Candeas en Valga.

Celebración das Candeas en Valga. / Iñaki Abella

Armando Requeixo

Estamos no Día da Candeloria ou Día das Candeas, festividade de antiguísima orixe que se remonta aos tempos precristiáns e cobra sentido no rito de cultos pagáns da fertilidade e dos ciclos da natureza.

Vinculada coa celebración das Lupercais romanas (que tamén contaba cunha procesión de candeas) e mesmo co Imbolc celta (festa en honra da deusa Brighid, protectora dos animais e das colleitas e portadora da luz xerminadora), foi cristianizada polo papa Xelasio a fins do século V. Por iso a coñecemos tamén cos nomes de festa da Presentación de Xesús no Templo, da Purificación da Virxe ou da Virxe da Candeloria, pois baseándose no evanxeo de San Lucas tal parece que foi nesa altura do ano cando Xesús foi presentado aos sacerdotes do Templo tras purificarse María ao rematar a corentena logo do nacemento.Mais sexa como for, o caso é que por toda parte e, singularmente entre nós, ficaron hibridadas as tradicións pagás e as cristiás, o que explica que en Galicia este sexa coñecido popularmente como o día no que casan os paxariños e que aínda se conserven unha chea de costumes nas distintas bisbarras, que inclúen dende as procesións de candeas ata a súa bendición na misa para que producise virtudes apotropaicas (isto é, protectoras, de arredamento dos males).

Candeloria literaria

Marion Angus. / Arquivo

Curiosamente, aínda sendo unha festividade ben sinalada do calendario litúrxico, non foron moitos os textos literarios que se centraron especificamente nela (outra cousa son as alusións puntuais aquí e acolá, ou o feito de que en tal ou cal obra algúns sucesos non relevantes acontezan na data). Secasí, non deixan de rexistrarse algúns exemplos ben diversos. Entre eles está a poeta escocesa Marion Angus (1865-1946), unha das grandes da literatura da súa nación, que escribiu nesta lingua o célebre poema “Pola Candeloria” (incluído no libro O camiño de Tinker e outros versos, 1924), onde unha moza canta á mañanciña mentres anda o camiño campestre. Unha autora, por certo, que aínda publicaría un outro libro co significativo título de Sol e luz de candeas (1927).

Hai agora tamén case un século o mestre do terror cósmico H. P. Lovecraft deu a coñecer O horror de Dunwich (1928), relevante relato dos seus famosos Mitos de Cthulhu no que aparecía o ser monstruoso coñecido polo nome de Wilbur Whateley, que nacera xustamente no Día da Candeloria, o que na historia supón un marcado simbolismo antitético pola loita da Iluminación (o Ben) e o Escuro (o Mal) nese día no que, segundo a relixión cristiá, chegou a Luz ao mundo con Xesús.

Candeloria literaria

H. P. Lovecraft. / Arquivo

Outra autora que deu protagonismo nas súas obras ao Día da Candeloria foi Ruth M. Arthur (1905-1979), tamén escocesa, pois nesta terra a celebración da festividade marca un fito importante do seu calendario ao asociarse co Imbolc celta. Nesta coordenada xurdiu o seu texto O misterio da Candeloria (1974), novela xuvenil de aventuras e ambientación gótico-romántica na que un dos enigmas desencadeantes da acción é a lembranza da morte do personaxe de Ambrose Briddle, falecido xustamente tras o Día das Candeas.

Por indicar unha outra mostra desta literatura candelaria xa máis achegada aos nosos días poderíase amentar Candeloria 1588. Un calendario do crime, obra da autora moza Shirley McKay, nacida no noroeste de Inglaterra, mais establecida tamén en Escocia dende os oito anos. Nesta novela curta un aprendiz de fabricante de candeas atopa o seu mestre morto no taller a véspera da Candeloria e, a partir dese momento, iníciase unha pescuda para achar o culpable do delito.Cómpre advertir para os interesados neste xénero da novela histórico-mistérica que Candeloria 1588 é a primeira das entregas dunha saga de éxito que McKey continuou ese mesmo ano con Domingo de Pentecoste, Lammas (que alude ao Día de Lammas ou de Lugnasad, festividade tradicional celta da colleita que se celebra o primeiro de agosto), San Martiño e Xol (festa do solsticio de inverno entre os escandinavos, propia da mitoloxía nórdica e do paganismo xermano).

Candeloria literaria

Xoán Manuel Pintos. / Armando Requeixo

[object Object]

Na literatura galega as referencias á festividade da Candeloria son seculares. A primeira vez que consta rexistro que fose amentada foi no Primeiro diálogo dos esterqueiros, unha peza de 1807, talvez de Antonio Benito Fandiño, a dicir do profesor Ramón Mariño Paz, que foi quen a recuperou recentemente. Neste parlamento en verso aféase a conduta de tres personaxes que non respectan as festas de gardar e “na festividade da Candeloria pasaron sen oír sequera misa”, o que demostra ata que punto entre nós esta celebración tivo de sempre moita ascendencia.

Máis enxunlla ten a seguinte das citas literarias, pois pertence a ao precursor Xoán Manuel Pintos, quen no seu "A Galicia" (1861) describe o noso país como un lugar no que “penduran ricas froitas das froiteiras,/ abondan as madeiras/ nos soutos e devesas e folgadas/ con vigas moi liñeiras/ de valentes toradas;/ e resoa o balbordo dos piñeirais/ como decote berra o mar na costa/ batendo as ondas contra os areais./ Paxaros infinitos rebulindo/ no tempo des que vén a Candeloria/ nas ponlas e sinxelos penduricos/ cantan que é unha gloria/ alboradas de moitos repinicos”.

Mais sen dúbida o poema emblemático do Día dos Paxariños de noso é o ben coñecido: trátase de “A Candeloria” , orixinal do poeta imaxinista Luís Amado Carballo, quen o inseriu no seu libro Proel (1927) e que contén estes versos tan lizgairos cos que lles felicito o día: “Na catedral do abrente/ hoxe cásanse os paxaros,/ con nubes de neve e ouro/ está o ceo galanado”.

Suscríbete para seguir leyendo