A Hedra de Mou

O intrumental máis evocador

Mou

Mou / Bastián Rodríguez

V. Neira

Hedra constitúe a nova achega musical que nos achega Mou, produtor e Mc do colectivo de Ordes Dios Ke te Crew, e que vén resultar a súa terceira entrega en solitario despois desoutras A taberna de Mou (2007) e Mouxtape (2010). Trátase dun traballo gravado, mesturado e masterizado en Rapapoulo Estudio por el mesmo e que xa podemos escoitar en todas as plataformas de música en internet.

Nesta nova entrega Mou vén propoñermo unha viaxe liberada de tensións e con toda a vontade de mergullarnos en atmosferas intimistas e cargadas de sensibilidade nunha estreita conexión coa terra, co humano e tamén co tempo, a efemeridade e mais a vida. Cun estilo fantasticamente contaminado polo cheiro a bases de hip hop da vella escola e totalmente desprovisto de ataduras estéticas e prexuízos, Mou é quen de mostrarnos unha produción na que move os marcos dos seus traballos anteriores, tanto en solitario como con Dios Ke te Crew, aportando un conxunto pezas que convidan á reflexión e dándolle relevancia total ao instrumental máis evocador, profundo e cargado de matices e capas. Con enerxía pausada e reminiscencias de trip hop, ambient e incluso new wave e jazzisticas, este Hedra enchóupate por completo, de principio a fin, e faite mimetizar co medio natural que nos rodea e coa nosa relación con el, pero tamén con nós mesmos, nestes tempos que nos toca vivir e nos que case sempre esquecemos a importancia vital que este ten en nós.

Diplomáticos

Mangüi, cos Diplomáticos de Montealto. / Arquivo

Falamos, daquela, de media ducia de cancións nas que o instrumental goberna e dirixe cada compás mentres se fusiona en perfecta simbiose coas colaboracións vocais e mais a lírica directa e estreita de nomes propios do panorama galego, como High Paw, Saibran Yi Yi de Boyanka Kostova, ou Sokram e Jamas dos propios Dios Ke Te Crew. Tamén dende o colectivo participa Dj Murdock nos pratos. O disco ábrese, ademais, coa delicada colaboración do saxofonista Miguel González, conferíndolle a todo o traballo un equilibrio perfecto e fantasticamente artellado e medido entre os sons propiamente electrónicos e tamén respecto desa outra parte orgánica e cargada de humanidade que pinta cada curruncho do labor efectuado.

Aínda que de momento non hai formato físico, si que xa o podemos escoitar e ver en Youtube onde, de paso, podemos experimentar o goce de todo o apartado visual dun Hedra que conta, alén diso, coas fotos de Pixi Cas e co traballo de todo un referente internacional do GIF art como é A. L. Crego, encargado de animar a portada do disco para convertela nun perfecto e hipnótico telón de fondo dunha viaxe sonora que se fai tan gozosa como necesaria e imprescindible. Cando falamos da nosa escena e da infinita paleta de cores no tocante a estilos, estéticas e propostas únicas e diferentes, así como dos diversos discursos que nela atopamos, moito temos que destacar a existencia de traballos como este que, arredados do interese comercial, enchen de argumentos e músculo unha realidade creativa e cultural que non deixa de medrar e facerse tan vizosa como recomendable.

[object Object]

Mangüi Martín García foi o baixista lendario dos Diplomáticos de Montealto e iso non é pouco. Mais tamén foi músico e compañeiro en moitas formacións máis: Miki Nervio & The Bluesmakers, Luar na Lubre, Los Gemelos y su Orquesta, A Tribo da Terra, Banda Calavera, Sonora Callejera, Os Frikipaldis, Os Duguis ou a Banda Xangái, coa que viña de facer un directo había unhas semanas. Nós coñececémolo como base sólida dunha banda, os Diplomáticos, que o foi todo para moitas e moitos de nós, rapaces de toda unha xeración fascinada polo xeito de entender a música, o país, a língua e a cultura duns mozos de Montealto dispostos a tronzar o mundo cunha colección de himnos que aínda hoxe atronan coa mesma vehemencia bravú de hai máis de dúas décadas. E Mangüi estaba alí, sobresaínte e de extraordinaria pericia para tocar diferentes pólas e paus con total suficiencia e innato coñecemento. Tamén coma o magnético músico canalla que era e semellaba, sempre co sorriso posto, repartindo enerxía positiva dende o palco e un milleiro de anédotas e contos unha vez abaixo. O universo da música galega quedou conxelado coa mala nova do seu pasamento, mais o agradecemento e as mostras de cariño con toda esa tropa da tralla foron chegando dende cada curruncho do país. Sorpresa, tristeza infinita e moita emoción coas interminables lembrazas que no mundo deixou. “Era un tipo que lle caía ben a todo o mundo e todo o mundo quería tocar con el. Era moi boa xente”, comentou Rómulo Sanjurjo, compañeiro diplomático de Mangüi. “vivía por e para a música”. O seu baixo, a súa voz, o seu “mesejo”, seguirá a facernos bailar e a súa lembranza permanecerá alí no seu curruncho do escenario, co contrapeso perfecto e compartindo diplomacia cuns tipos que foron quen de secuestrarnos musical e emocionalmente asemade de tirar abaixo mil prexuízos para que outros despois poideran transcorrer eses carreiros. Vai por ti compañeiro Mangüi, a nosa lembranza e o noso agradecemento e admiración.

Suscríbete para seguir leyendo

TEMAS