A guerra pola televisión

Equilibrada narrativa

Detalle da portada

Detalle da portada / César Lorenzo Gil

César Lorenzo Gil

Antón Riveiro Coello publica en Galaxia o libro Días de intemperie, colección de nove relatos cuxo fío condutor é a guerra. As historias transcorren en Ucraína (no 2022 e no 1941), en Siria, algunhas na Galicia da Guerra do 36…

O autor demostra veteranía e dominio dun estilo que leva practicando varias décadas. Unha narrativa equilibrada entre o lírico e o cotián, que vai repartindo os pesos do ritmo da lectura entre parágrafos clásicos e diálogos e unha escolla temática e de enfoque coherente coa propia tradición do escritor. Non hai a máis mínima vontade de innovación e os lectores que seguen a Riveiro Coello desde hai tempo sentiranse nun ámbito coñecido e familiar. Desde o punto de vista técnico, a obra é algo así coma un exercicio de adestramento para manter a man activa, quizais interludio de proxectos máis ambiciosos.Esta continuidade, loxicamente, provoca tamén a sensación de que hai pouca carne literaria no asador. Non hai risco, non hai tensión, non hai un compromiso co que se narra máis alá do formal.

Tal posición, lexítima desde o punto de vista do autor, réstalle a este traballo autenticidade. Parece que en moitos dos relatos esteamos lendo aquilo que se supón que debemos estar lendo. Nun tema tan revirado coma a guerra, que fai estoupar a razón, que coloca a quen a sofra e a exerce constantemente no fío da súa propia humanidade, estraña que todo apareza tan ben iluminado. É coma algunha desas fotos tomadas en cidades arrasadas polas bombas onde aparece unha biblioteca en pé, ou un piano vernizado de po, ou un cabalo branco entre as ruínas. Riveiro opta por intentar rescatar o harmónico entre o derruído, e igual que nesas imaxes que se espallan polas redes, inquieta porque intuímos que esa mirada é algo así como un bálsamo que nos pode poñer a salvo das contradicións que nos provoca a violencia extrema.

Facer literatura coa actual guerra de Ucraína desde Galicia e cos vimbios da ficción se cadra necesita un gran suspenso da incredulidade, se temos en conta que desa guerra apenas sabemos nada, que a pouca información que chega está nesgada, corrupta e vendida como propaganda a través da televisión e da internet capada. E esa sensación de artificio percorre gran parte dos demais textos e sentimos que esta guerra da que nos fala Días de intemperie é coma un rabuñazo cando en realidade debera tronzarnos e sacarnos as tripas polo gasnate.

A conta deste libro, recomendo a lectura de Meridiano de sangue, obra infelizmente aínda non traducida ao galego, de Cormac McCarthy, unha desas novelas nas que se senten coma dentadas os efectos da guerra e quedan na memoria os farrapos de humanidade convertidos en alta literatura.

Intemperie

Portada do libro

DÍAS DE INTEMPERIE (2022): A. Riveiro Coello, Vigo, Galaxia, PVP.15,20€

Suscríbete para seguir leyendo