Factor sorpresa

Con substanciosas reflexións

Detalle da portada

Detalle da portada / María Navarro

María Navarro

Que me pare o corazón se te esquezo: sen dúbida, trátase dun suxerente título para a obra gañadora do XV Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil convocado pola Deputación da Coruña. Un rótulo que lle fala ao lectorado mozo na súa propia linguaxe: a actualidade das redes sociais, o desexo de aceptación, a necesidade de encubrir eivas persoais ou as sensacións que provocan as situacións extremas son algún dos ingredientes cos que xoga Andrea Maceiras para captar a atención dun público que verá nas palabras da coruñesa unha explicación/reflexión do que lles sucede.

A forma na que plasma o relato non pode ser máis atractiva: un prólogo que intriga no que coñecemos o final da historia, o relato alternativo de quen sente e de quen é protagonista do relato, indicacións a modo de acotacións teatrais que introducen ao receptor na historia xa que os xestos son doadamente recoñecibles e unha importante dose de sentimentalismo aderezan as páxinas da novela na que os actos e as escenas ben perfiladas constitúen o decorado ideal e na que os diálogos e monólogos e mesmo os apartes serven para coñecer o pasado, o presente e as intenciós de futuro da vida dos mozos feitos personaxes.

O factor sorpresa xoga tamén un papel importante; mantén a motivación e remite a unha certa creatividade e orixinalidade en termos de expectativas, prodúcese unha ruptura co agardado, conmociona e asombra e mantense no imaxinario do lector que agora se fai crítico e se implica na narración, de modo que a fusión destas compoñentes propicia unha substanciosa reflexión sobre o que acontece ao noso redor, o que constitúe unha interesante aprendizaxe e amosa unha vez máis a riqueza da creación literaria que bebe da vida mesma.

Corazón

Portada do libro

QUE ME PARE O CORAZÓN… (2022): André Maceiras, Vigo, Xerais, PVP.12,30€

Suscríbete para seguir leyendo