Enganoso paratexto

Simple e anódino

Detalle da portada

Detalle da portada / Héitor Mera

Héitor Mera

Cando alguén se enfronta á tarefa de ler para escribir sobre algún libro non se queda exclusivamente co texto principal (ou así debera ser….). O paratexto crea un marco para contextualizar o que vén e as editoriais ben o saben cando tanto o coidan. Resulta curioso que ás veces esa información a maiores, que debería servir para achegar información, situar o texto dentro duns parámetros determinados, ao final, o que fai é confundir ou, como é este caso, enfrontar para chegar á conclusión de que nos queren vender o que non é. O paratexto non debera ser publicidade, do que se trata é de situar…

Vou ao caso concreto: na contraportada do poemario anúnciasenos que imos atopar unha poesía “experimental”, “irracional”, que busca “romper co instituído e na procura de novas formas de expresar”. Isto o contas sobre un poeta vangardista que rompe co que habitualmente se fai, e entendémolo. Aquilo de experimental pode acaer nun Manuel Antonio, poño por caso e para entendérmonos, mais neste poemario desde logo non. Ao ir ao texto principal un séntese engañado. Ou cando menos divertido… É un dos poemarios máis simples e anódinos que lin en anos. Por moito que o autor se autodefina como prefira, por moito que a editorial lle siga o xogo cun paratexto enganoso e impropio, a realidade é unha: este poemario non é nada do que din.

Moi pola contra, xa nos propios asuntos que se van tratando, que nin evocan gran cousa, atopámonos cun ruralismo inxenuo, unha poesía social (tampouco é que se molle demasiado…) máis que superada en canto as formas e un monllo de poemas amorosos nos que, se cadra polo propio tema, se lles albisca algunha fírgoa de dozura e entrañable sentimento. Hai poemas que son máis propios dos nosos precursores que dun autor do S.XXI. Agora ben, os nosos devanceiros dominaban os recursos estilísticos con solvencia, houbera máis ou menos alma de poeta ou non. Neste A miña terra é un vello falar queda en evidencia a “técnica” do cálamo currente, polo de darlle para adiante, e pouco máis.

Respecto, por suposto, que Manuel Pombo teña a ben desenvolver os seus escritos. É algo moi persoal e incluso saudable. Coido que non atina no momento que decide publicalos. Estes poemas non son para expoñerse da maneira. El equivocouse e alguén o asesorou mal. É unha mágoa por que este poemario non é merecerte da ilusión e ganas de facer cousas que van aparelladas a un proceso editorial. Hai que peneirar máis.

Terra

Portada do libro

A MIÑA TERRA É UN VELLO FALAR (2022): M. Pombo Arias, Vigo, Galaxia, PVP.15,20€

Suscríbete para seguir leyendo