Os poderes docerebro

Da ciencia e as humanidades á neurocultura

Neurociencia e Neurocultura nunha nova dimensión.

Neurociencia e Neurocultura nunha nova dimensión. / FOTOS: ARQUIVO

Pode que a consciencia sexa como o “vento” , que está pero non está en ningún lugar. A neurociencia di que non hai un espazo específico no cerebro para case ningunha función, mais aínda menos para a consciencia que, antes que expresión do material, é emerxencia do tempo. Porque a consciencia é unha función que se actualiza arreo dende un grupo de neuronas a outras, unha especie de onda que percorre o cerebro cun patrón que nunca se repite. A imaxe non defrauda, non; claro que non. Resulta tan estimulante na súa infinita creatividade que non hai que ser poeta para transformala nunha metáfora do vento, do río, do voar dos estorniños. Será por iso que dende xa hai tempo os poetas e mais os pintores observaban cousas que hoxe describe a ciencia.

O cerebro humano é o resultado dun longo proceso de adaptacións ás necesidades para manter a vida, e hoxe, a neurociencia, colócanos nunha nova perspectiva para observar o seu funcionamento. Hai pouco, moitas observacións que hoxe son aceptadas, eran consideradas cuestións enigmáticas e carentes de sentido científico como a unidade indisolúbel das dimensións física, química e psicolóxica que finalmente destituíron a dualidade mente- cerebro e a condición determinística do do seu funcionamento. Non hai dúbida sobre a relación directa entre a actividade cognitiva, a produción hormonal e a percepción emocional e sentimental. Tampouco se cuestiona que os pensamentos producen cambios nos equilibrios químicos e incluso na propia estrutura física do cerebro. Tamén sabemos como aprenden as neuronas e os mecanismos para estimularen a súa actividade e adquiriren novas condutas ou coñecementos. Neste momento de esplendor, como non albiscar a dimensión subconsciente, que intuímos gardiá de sabedorías e códigos ancestrais, para preguntarnos se a nosa conduta segue a guiarse polas mesmas mesmas respostas agresivas dos nosos devanceiros? Son elas responsábeis de comportamentos perversos que non somos capaces de controlar ou comprender no contexto da nosa cultura?

Os poderes docerebro

Santiago Ramón y Cajal. / Marcela Santorun

O pensamento humano non descobre, constrúe o universo e nada existe no mundo humano que non sexa transformado pola actividade do cerebro, unha intelixencia única que crea o mundo e que reflicte todo o que acontece na realidade humana. Dicía Santiago Ramón y Cajal que mentres o noso cerebro sexa un arcano, o universo, reflexo da súa estructura, será tamén un misterio. Sabemos algunhas cousas pero non parece que esta marabillosa natureza estea dirixida a perfeccionar a autoobservación, senón, máis ben, a gañar eficiencia para a autopreservación. Neste sentido, o cerebro humano constitúe un éxito adaptativo xa que de momento seguimos aquí, a diferenza dos nosos extinguidos depredadores. Este instinto primario de protexer a vida segue aceso no máis profunda da nosa consciencia, latexa debaixo de cada medo e tamén conforma xermolo da cultura, dende as primeiras manifestacións artísticas e relixiosas á intelixencia social, a linguaxe e, finalmente, dos valores que rexen a transaccións social.

Os novos coñecementos sobre o cerebro abren posibilidades para observarnos e modificar a nosa realidade, e a neurocultura xorde con estimulantes aproximacións perceptivas e intelectuais para construír unha nova realidade. Coñecer o funcionamiento do cerebro achéganos a entender mellor as humanidades que algúns entenden como o produto do seu funcionamiento. Este futuro promete un infinito inquietante porque o cerebro non é un sistema lineal, é un sistema aberto e en permanente intercambio co medio físico e social e esta circunstancia crea a dirección que toma a nosa natureza xa que constrúe novos significados para o seu funcionamento. Como será a nova cultura emerxente? Seremos capaces de construíla mediante a comprensión da nosa conduta destructiva para dirixila cara unha convivencia harmónica e respectuosa coa vida na totalidade da natureza ou profundizaremos na nosa conduta predadora? Que sucederá se coñecemos os mecanismos que poden dar acceso a comportamentos perversos ou criminais? Quen poderá beneficiarse da potenciación do reneimento neurolóxico, como a memoria? Quen desfrutará primeiro destas manipulacións e como se contralará a súa utilización?

O que si sabemos é que a investigación do molecular só ten valor cando se dispón no contexto da totalidade; deste xeito, só temos unha visión dos efectos da ciencia cando forma parte da cultura. Entón xa non é só cuestión do que podemos facer, senón do que decidimos facer con iso, e de anticiparnos ás consecuencias destas decisións.

Suscríbete para seguir leyendo