Da coming-of-age deBerto

Chico!: a nova BD de Pablo Carreiro

Viñeta de "Los que van detrás de la fila".

Viñeta de "Los que van detrás de la fila". / Raquel López

Raquel López

Se algo podemos destacar de Pablo Carreiro (Vigo, 1985), ademais de que é un gran fan das Spice Girls e Sailor Moon, iso vén ser o seu entusiasmo e prolixidade. Desde o 2018 non para! Tras os volumes Chico! #1 (Librospuntocom, 2018), Chico! #2 (Libros Indie, 2020) e Ukiyo! (Libros Indie, 2022), despídese do 2022 –ou inaugura 2023, máis ben– con Chico! Los que van detrás de la fila (Editorial Siete Islas, 2022), outra entrañable porción das andanzas de Berto, o seu grupo de amigas e mais a súa familia.

Pero esta ocasión é diferente. Non só porque, como chancea o propio autor nos “Agradecementos”, se treta “do seu traballo máis persoal” senón porque neste volume dá un salto atrás na historia para ampliar o universo dos seus personaxes falándonos da súa etapa no instituto. Ademais, faino rompendo o formato co que Carreiro se fixo coñecido e no que se sente máis cómodo: a tira autoconclusiva. Este novo risco tamén supón unha boa oportunidade para profundar no pasado e o desenvolvemento persoal dos protagonistas con máis matices, e asúmeo coa axilidade do ávido lector de shoujo (manga supostamente dirixido ás mulleres adolescentes), demostrando o interiorizada que ten a fórmula rom-com.O final do ano, no que a serie Heartstopper nos deixou o corazón moi brandiño foi unha elección perfecta para este coming-of-age de Berto, unha volta á orixe onde Carreiro nos conta, nesta pseudo-biografía bastante ficcionada, a “saída do armario” do seu protagonista, nun equilibrio difícil de conseguir entre intimidade e humor, veracidade e ficción.

Da coming-of-age deBerto

O autor de BD Pablo Carreiro. / Raquel López

Se normalmente a súa obra se caracteriza por xerar empatía con facilidade, Los que van detrás de la fila é un agasallo para as persoas nostálxicas. Especialmente, aquelas nadas en Vigo. Como adoita ser habitual, esta BD tamén está chea desas referencias pop ás que nos ten acostumadas e acostumados; algunhas xeracionais (as primeiras edicións de Operación Triunfo e Gran Hermano, as series televisivas Compañeros ou Un paso adelante, a selección musical e estilística, a aparición do móbil One Touch Easy…) pero moitas tamén locais, como a extinta discoteca Oliver ou os aínda invencibles multicines Norte. Mención especial para un pequeno anacronismo que ben pode ser unha chiscadela a unha colega ilustradora: o mural de Susie Hammer do Calvario é bastante posterior a esa época, pero que bonito resulta!

Con menos de corenta anos, Pablo xa cumpriu varios dos seus soños: publicar os seus cómics e ser recoñecido como historietista e ilustrador, ilustrar un libro infantil (Pichichán y la mágica aventura de los retos (Destino, 2022), do autor David Moreno), facer unha exposición itinerante, Viva Spice, sobre as súas amadas Spice Girls coa que percorreu España… e que Alejandro Parreño, ex concursante de Operación Triunfo, lle escriba un prólogo, como ocorreu nesta ocasión.

Que aínda non sabes quen é Berto? Non é tarde para descubrilo! Déixate levar pola efevescencia da adolescencia, a importancia da familia propia e, sobre todo, escollida e polo poder do amor. Unha carga de adrenalina e tenrura.

IMAXINARIA, IV Mostra Internacional

E dun Berto pasamos a outro: Berto Fojo, un dos artistas participantes da exposición colectiva IMAXINARIA, xunto a Víctor Castillo, Cristina Daura, Rafael Silveira, Marylou Faure, Aitor Saraiba, Alba Blázquez, David Fidalgo Omil, Kruella D’Enfer, Magoz, Marcos Navarro, Marta Font, Natalia Umpiérrez, Natasha Lelenco, Nuria Riaza, Olaf Hajek, Perrilla o Twee Muizen.

Comisariada novamente por Matilde Rodríguez (Beade, 1982), como nas tres edicións anteriores, a exposición, inaugurada o pasado 18 de outubro, proponnos unha antoloxía que mostra as tendencias da ilustración a nivel mundial. Nela poderás gozar de grandes creadoras e creadores contemporáneos provintes de diferentes ámbitos (cómic, pintura, graffiti, animación, deseño, moda…) que empregan a ilustración como forma de expresión predilecta. As pezas están elaboradas con diferentes técnicas, desde a colaxe á videocreación pasando pola cerámica ou a instalación, poñendo sempre o foco na creatividade e na experimentación constante de forma e soporte. Respectando o ton e universo de cada autora ou autor, a mostra busca resaltar o valor artístico da ilustración como medio de expresión de vangarda, poñendo de manifesto a capacidade propia e singular que ten a ilustración de crear novas formas de ver a realidade.

Ademais da exposición, a mostra ofrece visitas, talleres e actividades artísticas que poden consultarse na súa páxina web, como MiiC na Rúa, celebrada o 19 de novembro, ou FELiiC, unha Feira de edición e libro ilustrado que terá lugar o vindeiro sábado 21 de xaneiro. En fin, pódese visitar IMAXINARIA de luns a sábados, de 12:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:30, ata o 18 de febrero, na Sede Afundación, na rúa do Vilar, en Santiago de Compostela.

Suscríbete para seguir leyendo