Traducir enGalicia

Unha ponte entre culturas

James Joyce visto por Pablo García.

James Joyce visto por Pablo García. / Judith R. Iglesias

Judith R. Iglesias

Os membros da Xeración Nós xa soñaran no seu momento coa tradución ao galego de referentes da literatura universal; e mesmo Otero Pedrayo chegou a publicar en 1926, na revista Nós, algúns fragmento da novela Ulises na nosa lingua. Foi antes da súa tradución ao castelán; e así o lembrou a Editorial Galaxia no 2013, cando lanzou por fin a edición galega da obra cume de James Joyce. Poderíamos pensar na tradución literaria como unha ponte entre culturas, o diálogo continuado da palabra escrita para achegarmos algo que aconteceu nun lugar tan remoto como o Dublín de 1904.

“Non se pode encarar o proxecto de traducir unha obra como Ulises simplemente como un negocio, senón como un labor cultural”, sinala Alberto Álvarez Lugrís, tradutor, profesor na Universidade de Vigo e director de Viceversa, a revista galega de tradución. A edición en galego da novela, gañadora no 2014 do Premio Nacional á Mellor Tradución, foi realizada por un equipo de tradutores conformado por Eva Almazán, María Alonso Seisdedos, Xavier Queipo e Antón Vialle; no gran desafío de interpretar unha ampla variedade de rexistros, xogos de palabras e mesmo alteracións na súa versión orixinal.

Álvarez Lugrís, que vén de rematar a tradución de Galicia, a Suíza de España (1909) de Annette Meakin, libro de viaxes onde a escritora inglesa relata as súas impresións do seu paso polo noso país, explica que “para traducir un libro é importante ter unha sensibilidade literaria que nos permita entender a fondo os textos orixinais e reproducir todas as súas características na tradución, así como contar cunha moi boa capacidade de documentación”. Lembra tamén que, tras inaugurarse o grao, daquela licenciatura, de Tradución e Interpretación en Vigo no ano 1992, “o feito de que houbese profesionais preparados fixo que a demanda aumentase”, pois os primeiros licenciados ofrecían as súas traducións tanto para o castelán como para o galego, algo que moitas empresas aínda non se plantexaban.

Na actualidade, o continuo avance das plataformas de streaming e os novos medios están a cambiar os intereses dunha nova xeración de tradutores. Nas súas palabras, “ten moito interese entre o alumnado a tradución audiovisual, sobre todo a dobraxe e subtitulación de videoxogos; así como o que ten que ver coa accesibilidade das persoas, por exemplo, a través de audiodescripcións”. Para Carlos Valdés, co-fundador da editorial Irmás Cartoné e vogal de Tradución Literaria da AGPTI (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación), “o audiovisual está tendo bastante apoio institucional, mentres que na tradución literaria non chega a haber os impulsos necesarios para que se perciba a necesidade de acceder a máis títulos en galego”.

Porén, editoriais como Galaxia e Xerais continúan apostando pola tradución, ao tempo que cada vez son máis as que se especializan neste ámbito da creación, como a mesma Irmás Cartoné ou Patasdepeixe. Temos tamén a editorial Rinoceronte, que publicou unha interesante escolma de poemas de Emily Dickinson, nunha versión bilingüe (inglés e galego) titulada Herba abraiada; ou a editorial Boadice, centrada na literatura fantástica e de ciencia ficción en galego, nacida este 2022 coa publicación de Ubik de Philip K. Dick, un clásico do xénero traducido por Tomás G. Ahola.

“A persoa tradutora é a creadora dun texto, ten ese estatus legal, e debe ter un moi bo coñecemento das linguas de orixe e de destino”, sinala Valdés, que levou a cabo, xunto a Celia Recarey, a tradución de O conto da criada, de Margaret Attwood. “Como editores, temos que pensar un pouco no comercial, pero intentamos traballar sempre con clásicos. Non só os que xa están establecidos como tal, senón os que pensamos que poden ter algún tipo de resonancia cos tempos que estamos vivindo”. Así, con títulos elixidos en función dos seus gustos persoais, podemos atopar no catálogo de Irmás Cartoné as fermosas edicións de libros como A señora Dolloway de Virginia Wolf ou Kipps, Historas dunha alma simple de H.G. Wells. A literatura universal en galego segue deste xeito as pegadas que xa deixaran os membros da Xeración Nós, na procura de normalizar a lingua e achegarmos, a través dela, a outros mundos.

[object Object]

“A AGPTI é un espazo no que as tradutoras e tradutores dos distintos sectores podemos coñecernos e compartir as nosas experiencias”, sinala Carlos Valdés, e prosegue: “tamén se trata de tecer redes para formalizar e facer os apoios á lingua moito máis fortes”. Incluída na Rede Vértice, a unión das asociacións profesionais do sector en España, a AGPTI entrega cada ano oPremio Xela Ariaspara conmemorar oDía Internacional da Tradución (30 de setembro).

“É un premio moi necesario para dar visibilidade a todas esas entidades que traballan en pro da lingua galega, facendo a súa presenza pública moito máis forte”, afirma. Así, a premiada deste ano na súa V edición é a Mesa pola Normalización Lingüística; mentres que o ano pasado o recibiu a revista Viceversa, polo seu labor no campo da tradución ao longo de máis de vinte anos de actividade. Tamén recibiron o premio Númax ou, na súa I edición, a tradutora María Alonso Seisdedos.

Así e todo, o traballo de tradutor non conta aínda coa suficiente visibilidade. En palabras de Valdés, “na AGPTI estamos loitando porque sexa habitual que na presentación dun libro, tamén teña presenza o tradutor”. Trátase de algo que poría en relevo o valor deste traballo, como xa se tentou facer durante a Feira Culturgal 2022, resaltando o papel creativo dos tradutores.

Suscríbete para seguir leyendo