Entrevista | Luis Davila Humorista gráfico

“No meu traballo busco que poidamos rir de nós mesmos”

Luís Davila, estes días en Cela (Bueu).

Luís Davila, estes días en Cela (Bueu). / G. Núñez

Logo de máis de dez anos, a saída do prelo dun novo volume de O Bichero, de Luís Davila, xa case pode considerarse coma unha tradición do Nadal galego. Desta vez cúmprese o número 11 e, como nos anteriores, as colas para os actos e mais as sinaturas continúan formándose nas portas das librarías. Velaquí, hoxe, o “responsábel".

–O Bichero acada este ano o seu volume XII. Cando comezou, pensaba Vde. chegar tan lonxe?

–Pois a verdade é que non pensara niso, pero a boa acollida que tiveron os primeiros tomos fixo que me animase a seguir editando o libro cada ano ata hoxe. A viñeta difúndese a diario desde as páxinas de FARO na súa versión en papel así como nas redes sociais do xornal, e compártese infinidade de veces polas redes. Iso fai que estean accesibles moi facilmente, e de maneira gratuíta; por iso non contaba con que os lectores quixeran telas tamén gardadas en papel e en formato libro.

–E, como sempre, chega puntual á cita de Nadal. Pero, debido á pandemia, tivo que deixar Vde. un ano sen publicar O Bichero. Resultoulle máis difícil nesta ocasión seleccionar os chistes que inclúe nesta entrega?

–En certo modo, si, xa que tiña as viñetas de dous anos e tiven que facer unha escolma con máis material; se nun ano publico arredor de 360 viñetas, desta vez tocou seleccionar de entre cerca de 700. Desbotei moitas que poderán ter cabida en futuras publicacións.

–Falando da pandemia: daquela foille máis complicado facer chistes sobre o covid debido a que alguén podería sentirse ofendido?

–Non, todo o contrario. Durante a pandemia xurdiron moitísimos temas cos que podía facer humor; a maneira en que nos cambiou a vida en moitos aspectos, a cantidade de novas normas e condutas, etc. A situación era surrealista, e diso alimentábame a diario para facer os chistes. Procuraba enfocar a miña visión cara a situacións absurdas e hilarantes que nos pasaban durante aqueles días e evitaba debuxar sobre a parte máis negativa e oscura. Penso que naqueles momentos era moi necesario rir e filtrar a actualidade co maior humor posible.

–Xa leva case tres décadas de carreira profesional. A xente segue a rir hoxe coas mesmas temáticas coas que ría hai trinta anos?

–No meu traballo busco que poidamos rirnos de nós mesmos, como sociedade e como país no que temos unha maneira moi particular de ver a vida e de transcorrer polo mundo. Que nos vexamos reflexados en situacións cotiás, absurdas. Penso que nesa busca, os lectores seguen rindo cos mesmos tasuntos. Si é certo que hai moitas viñetas que levan peor o paso do tempo.

–Cales son as temáticas que nunca fallan?

–Non existen temáticas que nunca fallen, si existen viñetas fallidas. A cuestión é tratar con acerto cada situación, cada expresión dos personaxes e cada entorno no que se desenvolve a acción. Gústame confrontar universos antagónicos, dende o máis tradicional ao máis moderno e futurista. Recurro principalmente a personaxes do rural, busco esa autenticidade e esa verdade que transmiten, e mistúroos coa actualidade do día ou cunha actualidade máis ampla, máis xenérica: tecnoloxía, cine, cómic, literatura, moda, deporte…

–E cales son os motivosnovos (se os hai)?

–Os motivos novos son os motivo de cada día. Cada vez que sento a debuxar, procuro que os meus personaxes falen do mundo pasado, do mundo presente e do mundo que está por vir.

–Cal coida que é a clave do éxito do que seguramente sexa o seu personaxe máis famoso: Dora?

–Dora é a máis coñecida de moitas mulleres que aparecen nas viñeta: Agripina, Lurditas, Merseditas...Todas son bravas, empoderadas, traballadoras, críticas, ácidas, retranqueiras, pouco impresionables, modernas e tradicionais á vez, e intento que manteñan a esencia de moitas mulleres que coñecín ao longo da miña vida.

"Procuro que os meus personaxes falen do pasado, do presente e do mundo que está por vir"

–Hoxendía os humoristas atopan co asunto do “politicamente correcto”. De quemaneira afecta, ou non, isto ao seu xeito de facer humor?

–Intento que non me afecte demasiado, pero si é certo que as sociedades evolucionan e o humor ten que evolucionar con elas, a maneira de enfocar ou tratar moitos temas ten que ir acorde aos tempos nos que vivimos.

–O agro e o mundo mariñeiro son dúas temáticas que aparecen moito nas súas viñetas. Iso quere dicir que non corren tanto “perigo de extinción” como se di por aí adiante?

–Somos do agro, somos mariñeiros, somos gandeiros, os sectores primarios sempre estarán aí, e a min sérvenme como medio para poder contar, non só cuestións asociadas a eles, senón chegar a mostrar a miña visión do mundo e da actualidade diaria en toda a súa extensión

–Os chistes poden nacer das ocorrencias, das ideas, das experiencias, do que mira, do que lle contan... Cal é a súa principal fonte?

–Todas elas son fontes válidas, dende unha parrafada cos amigos tomando uns viños ata o que ves nos xornais, a música que escoitas, os libros que les, o cine que ves… en definitiva, intento volcar toda a miña experiencia vital no meu traballo como humorista.

–Houbo algún cambio na súa maneira de concibir o humor desde que comezou a publicar en FARO DE VIGO até o de agora?

–Penso que non, o que si noto é unha evolución dende as primeiras viñetas ata agora que ten que ver coa calidade das ilustracións, unha maior síntese nos textos, etc..

–Entra dentro dos seus plans facer un espectáculo na liña do que fixo con Carlos Blanco?

–Si, por qué non? Con Carlos, paseino en grande percorrendo os teatros galegos e algún que outro no estranxeiro. A resposta do público e das risas en directo é unha experiencia que me daba un subidón de adrenalina e endorfinas… unha drogha das boas!

Suscríbete para seguir leyendo