Libros

Con trama e estilo

Relatos sobre a vulnerabilidade feminina

Detalle da portada do libro "Pecados veniais".

Detalle da portada do libro "Pecados veniais". / Francisco Martínez Bouzas

Francisco Martínez Bouzas

Recunca na narrativa de longo percorrido Nazaret López, xornalista en diversos medios, traballo que compaxina co teatro no que exerce de docente, directora e actora. Debutara no ano 2019 con Formigas nos pés. Agasállanos arestora con Pecados veniais, unha escolma de trece relatos que o lector, ao longo do percorrido por cadanseu, decidirá se os pecados son veniais ou máis graves. Unha estrutura pois que, a primeira vista semella un mosaico de episodios independentes, forman o contido deste libro, se ben, a medida que avanzamos na lectura, atopamos nexos que os unen, como se todos eles formasen parte da mesma historia que, desde diversos ángulos atinxen a problemas da vida da muller. Un texto dedicado aos queridos pecados, cómplices da autora no tránsito de vida, o que me leva a pensar en que os autores ou autoras destes pecados, as que protagonizan ou sofren os enredos son as mulleres que pecan en canto que son mulleres ou vítimas deses pecados, non todos veniais. Hai un cadro do ano 1306 de Giotto di Bondone (Vicios e virtudes) que pon, por riba dos demais vicios, a inconsistencia, a ira, a envexa e a desesperación. Algún deles figura no catálogos de pecados veniais de Nazaret López. Mais as condutas pecadentas destes Pecados veniais son moitas outras.

Unha breve sinopse indicaranos por onde van as liñas da trama: a culpa da señora Herminia que dispara o canón dunha escopeta sen pensalo; fíxoo para defender o futuro da familia. A protagonista de “A mentira”, preocupada pola emancipación das mulleres, pensa que os fillos son un atranco e loita contra a maternidade. A mala fe dun compañeiro machista e violador que promete paraísos profesionais, cébase nunha muller temerosa de perder o traballo. Mulleres que, máis que pecadoras, son vítimas, como a protagonista de “Final de copas” que se ve na obriga de soportar que lle metan man. A muller namorada, vítima da traizón do home co que comparte a casa que ela arranxara e que, tras meses de traizón e enganos, decide que merece un escarmento e préndelle lume á casa. Mais ningún tan elaborado e cunha historia tan repelente e vil como a do relato que lle dá título ao libro: a señorita María Dolores, unha inocente miñaxoia de quince anos chega a crer o que lle di o frade que dirixe os retiros espirituais: que os bicos máis alá de comisura dos labios e a mesma penetración á que a somete, non son pecados, senón vontade de Deus.

Relatos, polo tanto, moi alleos a larpeiradas; perfectamente estruturados, ateigados de trama e cun estilo que ensancha as posibilidades da lingua.

  • Pecados veniais

    Nazaret López
    Xerais, Vigo, 2022. PVP. 17,05€

Suscríbete para seguir leyendo