Libros

Construindo o futuro

Lembrar, coñecer, herdar

Detalle da ilustración de portada de "Plus ultra. Transición ao futuro".

Detalle da ilustración de portada de "Plus ultra. Transición ao futuro". / María Navarro

María Navarro

Alberto Varela Ferreiro é o encargado do guión e os debuxos da banda deseñada que baixo o título Plus Ultra. Transición ao futuro presenta aos lectores unha historia na que se diría que pasado e futuro se dan a man e na que se conxugan os verbos lembrar, reformar, coñecer e augurar ao carón doutros como reformar, herdar ou reflexionar.

Localizada no entorno do ano 1975 Pepe Pardiñas, Der Wunderdoktor, e a súa filla, Helvetica Light, retornan a Galicia dende Suiza nun momento onde comeza unha nova etapa política, a Transición, e na que se desenvolven unha serie de acontecementos que marcarán o destino do país. Así entre realidade histórica e ficción, que bebe da ufoloxía e dos poderes de curandeiro que herdou da súa avoa meiga, coñecemos datos reais con escenarios doadamente recoñecibles propios do último terzo do século XX: o edificio de Toralla, o Scalextric na rúa Lepanto, o Corte Inglés como exemplos do desarrollismo; os verquidos dos anos 70 da man do submarino nuclear soviético K-8, as primeiras eleccións da democracia no 77 ou as vagas de incendios nos bosques galegos logo repoboados coa especie invasora de eucaliptos son algúns dos momentos aludidos dunha forma gráfica moi interesante e que acompañados dun texto sinxelo, amable unhas veces, irónico e chocalleiro outras fan que o lector perciba o cómic como unha mostra de intelixencia na que se aprende e aprehende un retallo da historia que conviría non esquecer para non incorrer nos mesmos erros do pasado.

Xa cara ao final a profecía en forma de soño advirte con tino ao receptor da desfeita cara á que camiña o país e asegura que o futuro é noso e como tal teremos que construílo da mellor forma posible en ben da Humanidade.

  • Plus ultra. Transición ao futuro

    A. Varela Ferreiro
    Xerais, Vigo, 2022. PVP. 18€

Suscríbete para seguir leyendo