Libros

Pílulas de realidade

Fondura na sinxeleza

Detalle da portada de "Enser".

Detalle da portada de "Enser". / Héitor Mera

Héitor Mera

É este o primeiro título publicado pola Editorial Galaxia na súa nova colección “Heterodoxos". Colección, como o seu nome moi ben indica, pensada para publicar aqueles textos que están fóra de certos parámetros clásicos do que debe ser a teoría do xénero literario.

Neste caso, a heterodoxia non é máis (nin menos) que un libro de aforismos. Lorenzo sérvese desta fórmula para propoñer unha serie de reflexións que van dende o ámbito político, ao intelectual, sociolingüístico… Vai facendo un percorrido por todas aquelas teimas que calquera pode ter e que, neste caso, precisa canalizar. Xenericamente non creo que o poidamos ter por poesía. Tampouco por texto didáctico ou ensaístico. Agora ben, é incuestionable que ten trazos de todos eles. Son pequenos textos, en principio sen conexión aparente, que van lanzando pílulas de realidade. O certo é que todas elas teñen unha fondura na sinxeleza que connota unha intelixencia e sentido do humor que é o que lle dá maior interese a este seu relato. Lembra en moitas ocasión o mellor Calros Solla na ironía, retranca e compromiso cívico.

Así as cousas, un déixase levar pola lectura que propón unha reflexión conxunta de todo o que está a acontecer nesta sociedade insá que nos tocou vivir. No preámbulo o propio autor deixa claro que este texto parte da crise de 2008. Hai un pouso acedo á par que perspicaz en todas as sentenzazs que vai deixando ao longo do texto. Un libro catárquico que deberá chegar a máis xente da que a divulgación habitual permite, pois quen o lea pode, en moitos aspectos, sentirse identificado. Quen sabe… Nese sentido mesmo podería considerarse como un libro “perigoso”. Mágoa que non cheguen libros coma este ás mans do común do paisano.

Independentemente desa orixe paratextual que o encadra nun texto fóra das marxes e latitudes previsibles, Enser cumpre con moito coas características que un lector avezado pode esperar dunha obra literaria. “Estar fóra” non implica experimentalismo nin andrómenas parecidas. O autor é clariño, explícito e sabedor de ter entre as mans un texto que bebe doutras moitas obras precedentes, xa que logo, non abre camiño. Imos telo ao Marcos Lorenzo como unha especie de Tagore que vai espremendo as posibilidades da realidade, da percepción a través da recreación literaria.

  • Enser

    Marcos Lorenzo
    Galaxia, Vigo, 2022. PVP. 14,15€

Suscríbete para seguir leyendo