Entrevista | Carlos Gandón Guitarrista e fundador do grupo Astarot

“Que mellores letristas de rock que os grandes poetas galegos!”

Carlos Gandón (dereita), co resto da banda.

Carlos Gandón (dereita), co resto da banda.

O grupo cangués Astarot, unha das bandas máis emblemáticas do rock galego, prepárase para celebrar, o próximo ano, o seu 40 aniversario. Polo pronto, veñen de publicar un novo álbum, Baixo a luz de Breogán, e ultiman os detalles dunha xira conmemorativa por toda España... e parte do estranxeiro.

–Esperaban Vdes. que catro décadas despois ían continuar facendo concertos e gravando discos?

–Unha cousa é que o pensaramos e outra que sexa unha realidade. A verdade é que nós seguimos a filosofía do Cholo Simeone, a de “partido a partido”: así comezamos e así continuamos. Estamos en activo e mantemos as mesmas ilusións que cando empezamos.

–Como foron aqueles primeiros tempos do grupo? Que lembranzas lle veñen á cabeza cando lembra aquela etapa?

–Para min, aqueles foron os tempos dourados do rock e das nosas vivencias xeracionais. Cada quen quédase coa súa xeración, aínda que na actual formación de Astarot hai membros de xeracións posteriores á miña e as de quen principiamos co grupo. E convivimos moi ben.

–E como eran aqueles grupos que nacían nos 80?

–Digamos que daquela eramos máis incondicionais. Os proxectos musicais non estaban tan prefabricados como agora, nin existían as redes sociais, pero eu persoalmente quédome con esas dúas décadas gloriosas dos 80 e 90 que,para min, foi a mellor época a miña vida…posiblemente.

–Tocaban xa temas seus ou, a maioría, eran versións doutros grupos?

–Dende un principio, nós sempre fixemos temas propios. De feito, comezamos a facer versións a partir do terceiro disco, que foi cando se me ocorreu a idea de coller o “Airiños, airiños, aires” de Os Tamara para convertelo nunha muiñeira-rock.

–En 1989 gravaron Vdes. o seu primeiro disco, Donde se hospeda el pasado. Seguramente era a primeira vez que pisaban un estudo de gravación. Que no pode contar desa experiencia?

–O dos concertos e o das gravacións son cáseque dous mundos diferentes. Á meirande parte dos músicos o que nos prresta é o directo, pero logo descobres que o estudio de gravación tamén ten o seu encanto: hai a quen lle gusta e hai quen non o atura, iso si. De todos os xeitos, onde haxa un bo directo, que se quite o demais. En Astarot, dende o primeiro momento, sempre levamos todo moi ben preparado e nunca quixemos facer cousas que estiveran por enriba das nosas posibilidades. Iso si, tes que facer sacrificios. Eu lembro que nun dos nosos discos tiven que vender dous amplificadores para poder pagar a gravación. E, aparte, tiñamos as horas contadas, porque cada hora valía pasta e non nos podiamos pasar do orzamento. Non nos quedou máis remedio que gravar todo á primeira, non nos podiamos permitir o luxo de repetir tomas.

"Cada vez hai máis grupos que teñen menos prexuízos á hora de cantaren en galego... e iso en todos os estilos"

–Despois de tres discos con letras en castelán (Donde se hospeda…, Respirando e Apuesta y gana, a partir de 1999/2000 pasan a interpretar letras en galego. Que os moveu a daren Vdes. ese paso?

–Xa en Apuesta y gana incluímos dous temas en galego. E no cuarto álbum, que compartimos con Berna, o de The Refrescos, a nosa compañía apostou por facelo integramente en galego. E xa no quinto disco, O sentir dunha terra, todo de Astarot, plantexámonos facer unha homenaxe á cultura galega na que incluímos versiós rockeiras de pezas tradicionais e musicalizamos poemas de escritores de noso. Como anécdota, nese disco participou Suso Vaamonde, na que debeu ser a súa derradeira gravación musical.

–Ademais de cantar en galego, as súas letras procedían e proceden de grandes poetas galegos. Como xurdiu esa idea nunca antes levada a cabo por un grupo de rock en Galicia?

–Para nós, cando se compón unha canción, sempre é tan importante a música como a letra, porque o rock, diante de todo, debe ser comunicación. Daquela, que mellores letristas (de rock) que os que temos na nosa literatura! Iso quedou totalmente plasmado no álbum Longa noite de pedra con letras Celso Emilio Ferreiro, Xosé Luís Méndez Ferrín, Darío Xohán Cabana, Bernardino Graña…

–De poetas galegos, e incluso dos poemas galegos de Federico García Lorca, está ben surtido o seu novo disco, Baixo a luz de Breogán.

–É que os poetas galegos están no noso ADN, son quen mellor nos describen os galegos e a Galicia, sobre todo interiormente.

–Que novidades musicais poderán atopar os seus seguidores/as neste novo disco? Seguen sendo os mesmos Astarot rockeiros a tope, ou o seu son tamén ten agora outras influencias?

–O disco consta de catorce cancions e tivemos a grande sorte de contar coa colaboración desinteresada de tres compoñentes de Luar Na Lubre. Iso fai que o disco soe por momentos a unha especie de fusión entre a música celta e o rock, malia que nós, diante de todo, somos rockeiros, e iso si que se mantén.

  • Baixo a luz de Breogán

    Astarot, 2022

–Ao longo dunha carreira tan longa, é lóxico cometer erros. Arrepéntense Vdes. dalgún erro cometido durante estes anos?

–E un coido que os erros que tivemos debéronse, sobre todo, á inexperiencia ou, se queres, á falta de experiencia. Loxicamente, escoitando os nosos discos sempre atopamos cousiñas que non nos gusta como quedaron pero iso, máis que asunto noso, foi responsabilidade dos produtores, do equipo de misturas…en fin.

–En vista do que pasou con Tanxugueiras, a Vdes. pasóuselles pola cabeza presentaren a súa candidatura a Eurovisión, agora que dende hai anos a Eurovisión ata se presentan ( e incluso gañan) grupos de hard rock?

–Pois non, nunca se nos pasou pola cabeza. Non é unha cousas que nos chame aínda que, iso si, aledámonos moito polas nosas amigas as Tanxugueiras. Son moi boa xente. Pero, xa che digo, a nos preocúpannos máis otras cousas.

–Nestes tempos de reguetón, como ven o panorama rock feito en Galicia? É mellor ou peor que cando Vdes. comezaban?

–Vivir da música segue igual de complicado. De feito, nós non vivimos realmente dela, cada un vive doutros traballos, para ben ou para mal (eu digo que para ben porque asiípodemos tocar a música que queremos e nos gusta sen que nos impoñan nada). Noutra orde de cousas, polo que escoito, noto que o que hai é cada vez máis grupos que teñen menos prexuízos á hora de cantaren en galego. Iso e moi bo, porque na década dos 80 os que cantaban en galego eran raras avis. E iso no só no rock, e xa non digamos no folk, senón en todos os estilos musicais.

Suscríbete para seguir leyendo