Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A fascinación escópica

Marylin: divindade e mercadoría

Marilyn Monroe (1926-1962). Arquivo

Billy Wilder pronunciou en certa ocasión unha frase sobre Marilyn Monroe que describe con claridade a auréola que irradiaba a figura da actriz: “Cada vez que a vía, perdoáballe todo”. O cineasta prometeuse a si mesmo non volver traballar con ela despois da experiencia de A tentación vive arriba (The Seven Year Itch, 1955), con tomas repetidas ata a saciedade, horas de retraso por mor da súa impuntualidade e a presenza da súa profesora de arte dramática, que desesperaba ao director. Pero apenas catro anos despois Wilder entusiasmouse coa posibilidade de que Marilyn Monroe interpretase o papel protagonista en Some Like It Hot —o seu título en galego é Con saias e a rachar—, dándolle deste xeito unha carga erótica ao filme que se expresa en todo o seu esplendor na escena do barco, cando se inverten os roles e a parte seducida (Monroe) acaba seducindo o sedutor: Toni Curtis. A soa presenza de Marilyn Monroe en pantalla xa era de seu unha forma de sortear o código Hays, un modo de encher unha secuencia de sexualidade sen recorrer a imaxes explícitas.

Edgar Morin afirmaba que toda estrela cinematográfica estaba acollida a unha contradición; por un lado, as estrelas son divindades cuxa idealización carrexa un proceso de espiritualización; por outro, a estrela é toda ela unha mercadoría: non hai centímetro do seu corpo, recuncho da súa alma ou recordo da súa vida que non se poida lanzar ao mercado. Poucas actrices como Marilyn Monroe encarnan con máis fidelidade esa contradición entre estrela-divindade e estrela-mercadoría. A súa imaxe, extremadamente sexualizada, foi descrita por Graham McCann como o estereotipo da loira soñada polo soldado que volve á casa, obxecto ofrecido para á mirada masculina. Ademais, a actriz, tanto nas súas interpretacións como nas súas aparicións públicas, facía ostentación dunha sexualidade natural e espontánea, exenta de culpa.

A súa vida persoal profunda nese glamour que a acompañou sempre. En 1953 casou co xogador de béisbol e Joe DiMaggio e a súa privacidade foi ofrecida ao público para o seu consumo, converténdose así no modelo de vida grandiosa que a sociedade do benestar dos anos cincuenta tiña como modelo. Debido aos ciúmes do seu marido, divorciouse del e anos máis tarde consumou un segundo matrimonio, desta vez co escritor Arthur Miller, o que lle aportou unha imaxe cultural que non lle outorgaban os papeis que representaba na gran pantalla. Despois de varios problemas e a causa da dificultade para controlala, os estudos desfixéronse dela. Ao final, á relación cos Kennedy aumentou a súa soidade e acabou “suicidándose” en 1962.

Fotograma de Con saias e a rachar (1959). Arquivo

Ao igual que sucedera con Elvis Presley ou James Dean, Marilyn Monroe converteuse en mito. A morte prematura evitou o declive físico; polo tanto, a beleza sempre estará asociada á súa imaxe. Ademais, a súa vida será vendida despois do seu falecemento porque encarna o papel que todas as mulleres deben interpretar inevitablemente nun sistema patriarcal no que a súa función principal é gustar aos homes dominantes. É dicir, acabar sendo unha mártir do machismo.

Na icónica escena de A tentación vive arriba, na que un xigantesco ventilador levantaba o vestido do personaxe de Marilyn Monroe, queda resumida esa fascinación escópica que producía a actriz. A rodaxe desta secuencia organizouse con intencións publicitarias, xa que a toma final rodouse en interiores, pero citouse á prensa pola mañá para que, precisamente, o voo do vestido fora fotografado polos reporteiros que alí se congregaron. Ao día seguinte os xornais abriron con esa imaxe, amosando máis corpo do que realmente vemos na montaxe final da película. Todo estaba preparado para publicitar o filme e, ademais, para acrecentar a súa figura de sex symbol.

Divindade e mercadoría. Nesa dualidade debateuse a figura de Marilyn Monroe incluso alén da súa morte, acaecida como epílogo dun relato melodramático ao que se lle sumaron altas doses de teorías “conspiranoides” que semellaban non ter outra finalidade máis que facer medrar o mito.

Blonde

A pasada semana estrouse no Festival de Venecia Blonde, biopic anómalo sobre a vida de Marilyn Monroe que parte da novela de ficción escrita por Joyce Carol Oates. O cineasta Andrew Dominik dirixe a actriz Ana de Armas no papel do mito hollywoodiense. A idea do director australiano non é tanto realizar un retrato biográfico do personaxe como esculpir a súa intimidade. Os aconteceres máis importantes da súa vida están presentes no filme: o abandono familiar, o desexo por converterse nunha actriz famosa en Hollywood, a violación nun camerino do estudio no que traballa, o éxito, Joe DiMaggio, Arthur Miller, os Kennedy...; unha espiral que remata no inevitable desenlace.

A fita, producida pola plataforma Netflix, e que será estreada na mesma o vindeiro día 23, pasou por un proceso fatigoso: dez anos de produción e unha estrea permanentemente demorada. A produtora esixiu nun primeiro momento a supresión de moitas escenas por consideralas demasiado explícitas. A pesar de todo, o director impuxo o seu criterio coa consecuente calificación de NC-17, moi próxima á catalogación de produto pornográfico.

Sobre Marilyn Monroe sempre proxectamos unha visión externa, distante e incluso patriarcal. Quizais, nesta ocasión, o espectador de Hollywood poda acceder a unha mirada interna e empática sobre un dos maiores mitos do século XX.

Compartir el artículo

stats