Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Vestirmos a cultura

Xacobeas: as cancións dos poetas

Creacións da autoría de Álvaro Leiro, nunha visionaria instalación de Loewe, a expoñerse no Salón de Milán (2022). | FOTO: ARQUIVO

De cotián, abordamos temáticas alleas ás liñas tradicionais da cultura, como son o vestido e mais as exposicións de moda, toda vez que a natureza interdisciplinaria da indumentaria converte a esta nun eido idóneo para a análise das manifestacións artísticas no século XXI. Non son poucas as propostas que se fan en Galicia, con grande sona da audiencia e mercado. Adolfo Domínguez ou Zara teñen deseñado roupas e estilos que forman xa parte das efemérides na historia das artes e dos costumes. Outras propostas máis de nicho, como as creacións vangardistas de D-Due -quen manufactura roupas de liño, lá, algodón e seda con patróns experimentais-, avanzan en paralelo coas inquedanzas da xuventude e mais a personalidade das xeracións que veñen. No entorno de experimentación das escolas e facultades de arte e deseño, e xunto co investimento en talento das empresas de obxectos de vangarda, é onde se transforman as ideas furtivas en tendencias que reflicten o espírito do tempo.

Arestora a compañía de roupa e deseño Tom & Boy, unha proposta galega vangardista e de mercado específico, pois vai dirixida aos miúdos, está a cumprimentar unha desas efemérides ao participar na mostra de roupa infantil Kidorama 200 years of children´s fashion. A exposición celébrase no Musée Mode & Kant & Dentelle Museum de Bruxelas, en Bélxica, e conta cos máis famosos creadores de modas para a infancia. A mostra permanecerá aberta até o mes de marzo de 2023 e promete ser unha fonte de inspiración para o xeito de vestir a rapazada.

Outra faciana da creación de obxectos de arte que está a ter moita sona en Galicia, é a das artes decorativas outrora chamadas artesanías. Unha liña que no século XXI, co despunte das corporacións do luxo, vén situarse nunha procura da excelencia por medio de manufacturas baseadas en técnicas tradicionais nas cales o obxecto único, o traballo manual e o xenio do autor conforman as coordenadas para a definición dun renacer dos obxectos non seriados nin industriais. Así, xa é paradigma a colaboración da cesteira Idoia Cuesta con Loewe, renovando bolsos, cestos, accesorios e decoracións que conseguiron seren os máis demandados nas coleccións da firma que arestora deseña J.W. Anderson. Outro cesteiro galego, Álvaro Leiro, vén de situar as corozas, o tradicional abrigo galego feito de palla, no centro das miradas no Salone di Milano 2022, nunha visionaria instalación tamén de Loewe. Este universo de artesáns e artesanías puido visitarse así mesmo no IX Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia en Agolada, onde dezasete tipoloxías de oficios se mesturaron coas artes da gastronomía nunha sección nomeada “artesanía no prato”, amenizada con boas actuacións de música tradicional e contemporánea. Velaquí, pois, que as artes, as modas e mais a cultura alimentaria están a conformar unha nova escena na Galicia do século XXI.

Pero tamén continúa a Gallaecia vivindo inspirada na tradición xacobea do Camiño, agora transformado nunha viaxe experimental de soidade mística e certa introspección polo contacto coa natureza. Precisamente, unha das máis fermosas representacións dese universo procede doutro eido creativo salientable na Vía Láctea cultural de noso. No ano 1993 o músico Antón García Abril compuxo, por petición do Xacobeo93, un ciclo de doce cancións sobre outros tantos poemas de nove autores en lingua galega. A fermosa colección inclúe versos dende os trobadores medievais até Celso Emilio Ferreiro, pasando por Francisco Añón Paz, Valle-Inclán, Ramón Cabanillas, Luís Pimentel e Álvaro Cunqueiro. A estrea da composición tivo lugar no Auditorio de Galicia en Santiago coa dirección do propio García Abril á fronte da Orquestra Sinfónica de Madrid e a voz monumental da mezzo Teresa Berganza. A cantante foi tamén quen realizou a gravación das cancións no 2003, acompañada da Real Filharmonía de Galicia baixo a dirección de García Abril. Temos a sorte na Galicia 2.0 de poder escoitar a voz de Teresa Berganza nesa gravación histórica e embelesarnos con versos como o de Cunqueiro evocando: “No niño novo do vento hai unha pomba dourada, quen puidera namorala!”

Compartir el artículo

stats