Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Letras Galegas 2022

O poeta sensual

FDG e mais o erotismo

Muller cubana bailando unha rumba. Arquivo

Os profesores Ana Acuña e Xesús Alonso Montero (2008) exhumaron a inédita Antoloxía consultada que Filgueira Valverde estaba a preparar para o SEG en 1936. Florencio Delgado Gurriarán enviou, con data 31 de xaneiro, unha cumprida selección de textos e unha Poética. Nesta, sobre un esquema previo de Filgueira, escribe: “Non sei tampouco perto dos que poidera ser situado: quizais, por certo senso panteista das miñas cativas poesias, no grupo de Amado Carballo, Acuña, etc.; quizais, por certas notas de sensualidade, a veira de Carballo Calero”.

Porén, na altura Florencio tan só publicara Bebedeira (1934) e as maiores cotas de erotismo chegarían a posteriori. Así a todo, xa os versos iniciais do libro son abondo carnais: “Teu cabelo é viño branco, / os teus beizos viño tinto, / os teus ollos augardente... / quixera beberte a bicos!”. E é que nestes primeiros poemas a sensualidade vai moi da man da cultura do viño e da festa, convertendo a Florencio nun dos nosos poetas dionisíacos ou báquicos. De feito, o seu biógrafo Ricardo Gurriarán (1999, 2022) sempre salientou o espírito bailador e cantadeiro do poeta, aniñado na mocidade mais nunca esquecido. Outra mostra: “Ai!, nena, / a túa boca é toda mosto / agre-doce de garnacha; / o teu ollar, viño novo, / bébeda ten miña alma.” Así, o desexo sexual faise explícito no poema “No vencello dos meus brazos”, mais pódese rastrexar nos que falan das festas do verán, das ruadas, das muiñadas, dos “romanzos”, das cantigas que os mozos da aldea cantan ás rapazas, da lanzal pastora que enfeitiza o namorado... e até no poema “Amores” onde relata a cópula do sol “quente como as pallas, / ao ver núa a noiva terra”.

Obviamente nos anos da guerra o poeta converte o seu estro en poesía antifranquista de combate e de denuncia. Terán que transcorrer case tres décadas até que aquela mesma sensualidade reapareza en varios poemas de Galicia infinda (1963). Salienta o erotismo de cadeiras e seos explícito en “Moza”, que vén co cántaro da “Fonte dos Canos”. E de novo nos poemas máis festeiros deste libro, velaí o cumio nesta estrofa de “Pandeirada”: “Eléitrico de desexos / vai estoupar meu adufe / co bater dos vosos beizos.”

Parella danzando un huapango. Arquivo

A comuñón entre a música e o erotismo reborda nos denominados “Poemas mexicanos” do libro, nos que a noiva “jarocha” (de Veracruz) posúe un “rítmico van de boleros, / quente paixón de huapango”, outro ritmo musical mexicano que procede dun antigo son de comunidades indíxenas prehispánicas. O mesmo acontece en “Conto sinxelo”, que cita novamente o “huapango”, onde boa parte dos versos compoñen unha escena entre unha “prietita” (de pel morena) e un mozo louro, neto de Breogán (Unha chiscadela do desexo? Un trasunto do propio Florencio?). Ou tamén en “Xarabe tapatío” que describe como “unha danza rebuldeira / parenta da muiñeira”.E aínda no soneto “O viaxeiro”, o derradeiro poema de Galicia infinda, damos cuns versos que se poden ler en clave autobiográfica, pois nas décadas do seu exilio mexicano Florencio desempeñou diversos oficios e cando era representante de calzado coñeceu e namorou de Celia Teijeiro, filla de emigrantes galegos e nada en Cuernavaca, coa que casa en xullo de 1944 e que lle dará cinco fillos: Florencio, Chela, Maruxa Ildara, Lucio Antonio e Carmiña. Nese poema observamos a identificación da voz poética cun novo Odiseo e da súa compañeira cunha nova Penélope: “Novo Odiseo, a vida paso en xeira / por mel pra cinco bocas de papoula. / Miña dona, Penélope crioula, / fica a tecer, de cote, a súa angueira.”

A temática amatoria nos seus dous últimos libros, Cantarenas (1981) e O soño do guieiro (1986) ou é reiterativa no primeiro ou está ausente no segundo. Con todo, nas Cantarenas os poemas “Gabanza da moza fresca” e “Louvor condensado á moza fresca”, que cantan unha exquisita variedade de uva, non ocultan unha lectura erótica.

Xa finalmente, nas composicións non incluídas en libro que compila e ordena Xosé Ramón Pena (2022), o poema “A groria da miña terra”, aparecido nas páxinas do Heraldo de Galicia (1932), vén reiterar aínda as imaxes sensuais do libro Bebedeira (1934).

“Rumba”

A crítica feminista, nunha lectura contemporánea, sinala que algúns dos versos amatorios son reprobables ao demostraren un acusado eurocentrismo e machismo, sobre todo nos Poemas mexicanos e de xeito singular no erotismo do baile dunha ‘preta’ que se describe en “Rumba”, con enunciados deste teor: “Preta, / preta de arrecendo bravo, / preta, / ¡ouh preta!, teu corpo é todo / berro a chamar polo macho.” Xosé Ramón Pena (2022) fai notar que o citado poema, malia aparecer nese apartado, nada tería ver cos anos do seu exilio mexicano pois unha primeira versión do texto xa lle fora enviada a Filgueira Valverde para a fanada antoloxía de 1936 e a temática estaría na liña da imaxe evocativa sobre a paixón das mulleres do trópico tan presente nas literaturas hispánicas das décadas anteriores e que se emparenta con poéticas que conformaban o canon literario como a de Rubén Darío. Esa e non outra debeu ser a fonte de inspiración para o descarado erotismo de “Rumba”. Nese momento Florencio aínda estaba lonxe da súa experiencia vital achegada a persoas doutra cor. O seu biógrafo Ricardo Gurriarán (1999, 2022) rescatou algunhas imaxes co poeta valdeorrés nunha escala na Martinica por avaría do Ipanema, que levaba 998 refuxiados políticos que saíran de Bordeos en xuño de 1939 cara a México. Nunha delas, de branco e con dous compañeiros, Florencio conversa con dúas mulleres afromericanas, en defensa da alegría e para esqueceren os horrores da guerra.

Compartir el artículo

stats