Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Francisco R. Pastoriza: "Vigo foi un tema permanente no xornalismo de Johán Carballeira"

Xornalista e colaborador habitual de FARO DE VIGO, Francisco R. Pastoriza vén de publicar A obra xornalística de José Gómez de la Cueva (Johán Carballeira) (Edicións Laiovento), libro que se presenta hoxe, xoves, na Galería Sargadelos (rúa Urzáiz, 17) de Vigo a partir das 8 do serán. Johán Carballeira, xornalista, político e poeta, foi fusilado durante a Guerra Civil tras permanecer preso no cárcere do lazareto de San Simón.

Francisco R. Pastoriza, en Pontevedra. FOTO: rafa vázquez

- José Gómez de la Cueva comeza a publicar moi novo nos xornais, pero non coma periodista, senón como poeta. Cando enceta realmente a andaina xornalística de Johán Carballeira e de que carácter son os seus primeiros artigos?

-Os primeiros datan dos anos 20 do pasado século e foron precisamente publicados no FARO DE VIGO. O primeiro que eu rescato para este libro é "Aspectos de la calle", publicado o 24 de febreiro de 1924. É un artigo costumista sobre o tránsito das rúas da cidade de Vigo, dende as primeiras horas deica á noite

- No seu libro, Vde. fala de Carballeira como un "adiantado" e incluso un "anovador" de xéneros xornalísticos como a reportaxe e a entrevista (ou interviú ). Cando afirma que foi un adiantado destes xéneros, refírese aos xornais galegos ou mesmo ao xornalismo español?

-En xeral, o xornalismo galego non era moi diferente do que se facía no resto do Estado. A entrevista, por exemplo, non era un xénero tan frecuente como no xornalismo actual, ata o punto de que as primeiras que fixo Carballeira levaban o título xenérico de "Reportaxes", non de entrevistas, a pesar de que eran conversas con persoaxes ou con xentes que interesaban á opinión pública naquelas datas.

- E nunca abandonou a súa vocación poética pero, á hora de escribir artigos xornalísticos, deixaba que se lle notase esa influencia ou, polo contrario, tiña moi clara a separación entre a linguaxe lírica e a xornalística?

-Nunca deixou de banda unha linguaxe que ás veces era unha prosa poética dunha alta calidade literaria, pero nos seus artigos de opinión esa linguaxe mudaba nun estilo máis achegado ao xornalístico.

- De qur xornalistas da época cre Vde. que estaba influenciado Carballeira? Ou era un caso singular e moi especial dentro do xornalismo galego e español?

-Máis que influencias periodísticas, as súas fontes estilísticas estaban recollidas da literatura e do ensaio, porque era unha persona dunha cultura moi amplia, aprendida de forma autodidacta, fundamentamente nos libros. Ortega, Unamuno, Valle-Inclán, Pérez de Ayala, Castelao, Rafael Dieste? e mais unha chea de escritores clásicos e coetáneos foron citados con frecuencia nos seus artigos. E tamén estaba a influencia dos poetas, que lía con frecuencia, non hai que esquecer que Carballeira era tamén poeta.

-Nos seus artigos, hai un Carballeira costumista e un Carballeira político, combativo. En cal dos dous brillou máis como xornalista?

-Son periodismos diferentes. Os seus artigos costumistas, ou de temas menos trascendentes, estaban moi ben escritos, eran máis literarios e ás veces redactados cunha prosa poética moi elaborada. Os artigos políticos ou de denuncia eran máis prosaicos, se queres, pero en todos eles hai unha calidade indiscutible. Os arigos de carácter social e político poden lerse aínda hoxe aplicados á sociedade actual; algúns deles parecen escritos mesmo onte. Pero a lectura dos seus traballos de costumes e de crítica social, máis literarios, teñen un engado que seduce e fai deles unha lectura moi gratificante.

- Ninguén pon en dúbida que foi no xornal El Pueblo Gallego onde máis brillou o Carballeira xornalista, pero, como Vde. dicía antes, tamén escribiu no FARO DE VIGO. Cales son ao seu xuízo os mellores artigos que escribiu neste xornal?

-A súa andaina como periodista comenzou no FARO. Os mellores deses artigos costumistas aos que me refería, foron publicados aquí e tamén os seus primeiros poemas. Paro hai que ter en conta que naqueles anos, en plena ditadura de Primo de Rivera, a censura era moi forte e non se podía facer o xornalismo político que Carballeira practicou máis tarde, cando xa era un periodista da plantilla de El Pueblo Gallego, e sobre todo nos anos da Segunda República, coas liberdades que este réximen trouxo ao periodismo daquela época.

- Quen foron as persoas que o fixeron achegarse ao Partido Galeguista?

-Carballeira tivo moita relación con Castelao e con outras persoas achegadas ao galeguismo como Valentín Paz-Andrade e o mesmo Torrente Ballester. Pouco antes de morrer, contábame Álvaro Gil que Carballeira entrara a militar no Partido Galeguista o mesmo día que o fixeran el e mais Alexandre Bóveda.

- A súa figura é hoxe moi coñecida en Bueu, vila da que foi o último alcalde republicano, pero, paradoxicamente, non tan celebtrada en Vigo, a súa cidade natal. Podería darnos algún datos da súa familia viguesa?

-Carballeira era fillo dun matrimonio de Vigo, José Juan Gómez del Campo e Rolendis de la Cueva, e el mesmo naceu nesta cidade, no número 58 da rúa do Areal. Comezou os seus estudos en Vigo, no colexio dos Maristas. Trasladouse logo a vivir a Bueu cando os seus país herdaron unha casa e unha finca nesta vila. Un dos seus irmáns traballou no Hospital Xeral de Vigo e nesta cidade tamén vivía un cuñado, que era moi coñecido en Bueu por ter sido fotógrafo nesta vila durante moitos anos. Vigo, ademais, era un tema permanente no periodismo de Carballeira. Dedicou moitos artigos ás súas ruas, ao Berbés, ao porto, a personaxes da cidade e a colecivos que tiñan aquí a súa sede.

- Semella aparentemente doado responder á pregunta de por que fusilaron a Carballeira, pero eu vouno poñer nun dilema: Fusílárono por ser xornalista ou por ser político?

-Para non comprometerme, diría que polas dúas cousas. Pero persoalmente penso que pesou máis a súa cualidade de periodista que a de político. Aparte de que a acusación que se fixo contra el era totalmente falsa, e a condena que figura rexistra como agravante "querer implantar la dictadura del proletariado al servicio de Rusia con agravante de perversidad", textualmente. A algúns políticos e militantes do galeguismo ou de partidos de esquerda que foron xulgados no mesmo consello de guerra, conmutóuselles a pena. Así que penso que, ademais da sua militancia galeguista, o labor desenvolvio en prol da democracia e das liberdades e o seu xonalismo de denuncia foron fundamentais na decisión da condena a morte.

Compartir el artículo

stats