Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Honey Rose

Evidentialism is back!

Un momento da representación de Honey Rose. // De Arcos

Ademais dunha célebre actriz india, desas que fan as ledicias dos amantes das telenovelas, o sintagma Honey Rose designa unha marca de cigarros feitos de herbas que se adoitan utilizar para deixar de fumar tabaco pero tamén como sucedáneo deste último nos escenarios, onde non se permite o seu consumo, mesmo que sexa con finalidades artísticas. Nestes días pasados designou un espectáculo presentado na Sala Ensalle, no ciclo "Vigo en Bruto", aberto a novas compañías, pero moi especialmente a compañías novas. Dirixido pola tamén dramaturga AveLina Pérez, no espectáculo actúan Jorge de Arcos e Adrián Chacón, e pensando nesta proposta teatral lembramos que Honey Rose tamén pode designar unha das variedades da Heucherella, plantas híbridas derivadas do cruce entre Heucheras e Tiarellas, que se adoitan cultivar nas zonas sombrizas dos xardíns, destacando pola súa capacidade de adaptación e pola vitalidade da cor. E ao mellor nese devezo polo híbrido que senten as compañías novas estea algunha das claves deste espectáculo.

Malia o que puidera parecer, considerando a aparencia dun espazo escénico cheo de area e sen máis obxectos de valor que un piano eléctrico, o espectáculo refuga a suposta condición bruta, pois está ben pensado e realizado, pulido, acabado, relucente, requintado, e cheo de referentes culturais de especial relevancia, comezando por esa árbore que quere semellar a de Godot, pois o universo que habitan as persoas escénicas coas que xogan Jorge e Adrián ten moito de Beckett, como tamén esas mesmas persoas, Jota e Ace, que coas súas brincadeiras e xogos nos fan lembrar por veces ao Vladimir e ao Estragón, os dous heroes no baleiro case absoluto.

De todo iso había un pouco naquel texto que Xosé Cid Cabido e Andrés A. Vila titularan Copenhague, co que gañaran o Premio Álvaro Cunqueiro en 1992 e que sería excelente espectáculo en 1995 da man de Uvega Teatro, con dirección de Manuel Lourenzo e cun elenco excepcional, formado por Ibán Toxeiro e Xesús Balboa. Con aquel texto os autores facían público o "primeiro manifesto evidencialista", transidos por unha sorte de mirada corrosiva e fondamente irónica ás cousas do presente, aos elementos que definen o cotiá, ás condutas básicas de todos nós. Non hai que demostrar nada, dicía Aurelio, mentres Ceferino contemplaba a posibilidade de compoñer unha peza dramática con corenta folios en branco, sen máis.

Pois en efecto, un "silencio vale máis que mil parvadas", e por iso Jota e Ace enchen o seu tempo facendo o que realmente lles apetece, matando a conciencia cada segundo, inventando, por exemplo, maneiras de clasificar un mundo de paquetes de cigarros, nun xogo imposible de culminar e que tanto nos fai lembrar algunhas brincadeiras de Cortázar, como as contidas no "Manual de Instrucciones" que forma parte de Historias de Cronopios y Famas (1962), un texto onde o real se mostra invadido de paradoxos, sinsentidos, perplexidades, evidencias esquecidas ou lucidas ocorrencias para descubrir a natureza mecánica da existencia. Lembramos, por exemplo, "Instrucciones para subir una escalera".

Neste espectáculo contemplamos dous seres que consomen o tempo xogando, fumando, cantando as cantigas de todos os días, e que tanto nos fan pensar na soportable e inevitable levidade do ser humano, pouso de intranscendencia. Dous seres que xogan xogos que falan de submisión, de dominación, pero tamén de amizade e solidariedade, e sempre cunha mirada irónica e por veces aceda ás esencias do teatro, que se esfiañan todas ante a imposibilidade de ser Hamlet ou de ser mesmo calquera personaxe que habite alén das fronteiras do EU, e que nos acaba propoñendo unha sorte de "burlesque actoral", como tamén acontecía na peza máis famosa do amigo Beckett. Un espectáculo ben feito, sen pretensións, malia que na escena final se queira buscar unha transcendencia que non se compadece coa procura desesperada da intranscendencia que o percorre. Un xogo, sen máis, mais quen xoga de verdade é o espectador. Magnífico Jorge de Arcos, magnífico.

O teatro es ti, meu

  • Teatro en Bruto. Velaí a denominación escollida polos responsables da Sala Ensalle para propoñer un marco onde presentar propostas novas de xente nova, que ademais destaquen por ese aspecto duro que acaba tendo o formigón cando se mostra na súa textura máis elemental, aquela que mostra as rugosidades da mestura. Coma o brutalismo na arquitectura, do que temos bos exemplos nalgúns dos edificios da Universidade de Vigo en Lagoas, Marcosende. Pois a idea que alenta este tipo de propostas escénicas non é outra que partillar outra sorte de materiais, elaborados ou tratados con procedementos diferentes aos habituais, mostrando tamén a natureza oculta da arte e dos seus procesos. Ensumidos todos nun degoiro de olladas e presenzas. Non obstante, malia o devezo de cuestionar e mesmo demoler os cementos sobre os que se constrúen as convencións teatrais, esta modalidade de espectáculo, asentada por veces na exposición do EU e das súas circunstancias, acaba aceptando a convención primeira, aquela da que falara Brook en O espazo baleiro (1968). Pois este traballo, coma outros, acaban por nos propoñer que ao mellor hai un forma de facer teatro que consiste en deixar que as súas xentes, familiares, amigos, coñecidos e convidados, estean na escena e fagan cousas, sen máis, sen outro aquel que estar alí facendo e desfacendo. Un teatro aqueloutrado, e ben lonxe dos desexos transcendentais de Joko Ono, Allan Kaprov, Joseph Beuys, Marina Abramovich ou John Balan. Un teatro concibido desde o poder da mirada do outro, que agarda, que espera, que está, para que esoutro que quere ser mirado e escoitado, poida ser realmente,Mirada por mirada, velaí a esencia deste teatro fractal de hoxe en día, xa anunciado por Nikolai Evreinov hai cen anos. O teatro verdadeiro está nos outros, ollando, coas pálpebras cismando e a mente bulindo

Compartir el artículo

stats