Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un imprescindible volume

Memoria e crónica dos "anos de prata"

Un imprescindible volume

Temos novamente o pracer de ter entre as mans unha nova entrega da Historia da literatura galega do profesor Xosé Ramón Pena, o terceiro volume, que se ocupa do acontecido entre os anos 1916 e 1936. Xa a entrega anterior foi merecedora o ano pasado do Premio da Crítica Galicia na modalidade de Investigación, mérito que sen dúbida debería ter o primeiro volume, e mérito que sen dúbida debería ter o cuarto, e mesmo a obra completa finalmente, de non ser polos avatares, que, xusta ou inxustamente, acontecen sempre arredor destes eventos. Pero o certo é que esa terceira parte, publicada como as demais por Edicións Xerais dentro da colección "Obras de Referencia" da sección Universitaria, supón tamén un fito definitivo do estudo da nosa historia literaria, coas súas ben traballadas 520 páxinas.

O resultado deste volume, e dos demais, non é nin casual nin froito do traballo duns meses ou uns anos, senón de toda unha vida dedicada ao profundo estudo da nosa literatura e a súa historia que agora vén agromar sobre o papel, coa considerable achega do tamén profundo coñecemento da Historia xeral que ten o autor, erudito coñecedor e apaixonado tamén deste ramo do saber. Para quen coñece a historia interna deste titánico labor no resulta nada estraño: o profesor Pena foi dos primeiros en preparar os temas dos temarios das primeiras oposicións a cátedras e agregadorías de bacharelato, e desde entón non parou de investigar, pescudar, analizar, editar, explicar? obras, autores, movementos, épocas?, de modo que, co acúmulo de todos eses traballos constantes e o esforzo incrible de trasladalo sistematizado negro sobre branco, o produto non pode ser máis que calificado de faraónico e extraordinario. Baste citar, para demostrar a minuciosidade a conciencia do traballo, mesmo incluso para facer notar que non só se preocupa o profesor do que estivo de sempre ao noso dispor, senón tamén de obras que nos non foron máis que recentemente accesibles, que, falando de Victoriano Taibo, refírese non só ao seu único poemario publicado en vida, Abrente (1922), senón tamén aos seus poemarios aínda hai pouco publicados da man do tamén profesor e crítico Armando Requeixo. Trátase pois dun estudo profundo e completo.

E nótese que, todo iso, a pesar de que se trata só dun período breve, de 20 anos (desde a fundación das Irmandades da Fala ata a Guerra Civil), mais certamente moi dinámico, intenso e produtivo, que no seu momento serviu para sentar as bases dunha verdadeira cultura nacional galega. Temos para comezar a xeira das Irmandades da Fala, coa convulsa historia daquela: innovacións económicas, mobilizacións agrarias, a fin da Restauración, a Segunda República, o Partido Galeguista, o Estatuto de Autonomía, o Seminario de Estudos Galegos, a Asociación de Escritores, os que Xosé Ramón Pena cualifica de Anos de Prata da nosa literatura, o Neotrobadorismo, as Vangardas?, cun cúmulo de autores de necesario coñecemento: Noriega Varela, Ramón Cabanillas, Bouza Brey, Amado Carballo, Manuel Antonio, Cunqueiro, García Lorca, o Grupo Nós, Risco, Otero Pedrayo, Castelao, Dieste?, xunto con moitas propostas e achegas que veñen mudar concepcións que tiñamos consolidadas, como a inexistencia da Xeración Nós, que con certeza o lector irá descubrindo ao longo das páxinas de intensa lectura.

Imos aínda gozar horas e días da navegación por esta historia, tan esmiúzada como interesante, malia a mágoa da tronzadura do 36, mentres agardamos con impaciencia o cuarto volume, que sen dúbida abranguerá toda a etapa da ditadura e talvez os primeiros anos da transición á democracia. Imprescindible e obrigada lectura, e por suposto recomendada cen por cen.

PENA, Xosé Ramón, Historia da literatura galega, III: de 1916 a 1936, Ed. Xerais, Vigo, 2016, PVP. 25 ?

Compartir el artículo

stats